Baile solto e xénero musical xeralmente cun compás de 3/4.
Exemplo:
Bailou unha xota ao ritmo da pandeireta.
Muiñeira
Definición:
Baile solto e xénero musical cun compás de 6/8.
Exemplo:
Tocaron coas gaitas unha muiñeira.
Foliada
Definición:
Festa popular con baile e música tradicional galega. Nalgunhas zonas de Galicia ten outros nomes, como serán, fiadeiro, ruada ou polavila.
Exemplo:
Bailamos toda a tarde na foliada.
Baile tradicional galego
Para traballar non sempre hai moita gana, pero cando toca festa todo o mundo se presenta! Comeza a foliada!
O baile galego é un baile tradicional transmitido en Galicia de xeración en xeración, asociado inicialmente a traballos comunais do rural e posteriormente a festas populares.
Hai 2 modelos de práctica:
Formal
Participan bailadoras expertas de grupos folclóricos como unha representación escénica, empregando traxes tradicionais.
Informal ou espontánea
Baila quen queira, independentemente do nivel, nunha festa co obxectivo de pasalo ben.
Centrarédesvos na modalidade máis informal, para que empecedes coñecendo os pasos máis básicos. Se vedes que vos gusta poderedes presentarvos a "Ti si que vales!" cun baile galego.
E, quen sabe, ao mellor nun futuro animádesvos a participar nalgunha foliada.
Lectura facilitada
Cando toca festa todo o mundo se presenta! Comeza a foliada!
O baile galego é un baile tradicional transmitido en Galicia de xeración en xeración.
O baile galego estaba relacionado cos traballos comunais do rural e despois coas festas populares.
Hai 2 modelos de práctica:
Formal: participan bailadoras expertas
Informal ou espontánea: baila quen queira, independentemente do nivel.
Centrarédesvos na modalidade máis informal.
Coñeceredes os pasos máis básicos.
Se vedes que vos gusta poderedes presentarvos a "Ti si que vales!" cun baile galego.
Ao mellor, nun futuro, animádesvos a participar nalgunha foliada.
Como se baila nunha foliada
A música e o baile que se realiza nunha foliada non son escollidos previamente, son espontáneos. Báilase en parella, en forma de bailes soltos e bailes agarrados.
Bailes agarrados
En parella e con contacto físico. Por exemplo, o pasodobre, a mazurca, o valse, a rumba ou a polca.
Bailes soltos
Xeralmente, báilase de maneira que as parellas se sitúan enfrontadas en 2 filas (aínda que nalgúns lugares se sitúan en posición de roda), facendo os xestos en espello coa parella.
Consta de varias partes: o punto, a volta ou roda e, nalgúns casos, o paseo ou descanso.
Existe unha persoa que guía e saca punto (pero non sempre ten que ser a mesma, xa que na foliada esta función vai rotando de forma espontánea) e os demais tratan de imitalo como se fose un xogo.
Os puntos son unha combinación de pasos que se poden crear libremente, no que se combinan desprazamentos, xiros, movementos entre as pernas, que despois o grupo todo debe seguir. Podemos inventar os puntos e as combinacións son infinitas, pero existen unha serie de puntos e pasos comúns segundo como se baila en cada zona.
Os bailes soltos máis coñecidos son a Muiñeira e a Xota.
Como non tedes tempo para tanto, para iniciarvos no baile este curso ides comezar coa Muiñeira, por ser probablemente o voso baile máis coñecido e singular.
Lectura facilitada
A música e o baile nunha foliada son espontáneos.
Báilase en parella, en forma de bailes soltos e bailes agarrados.
Este curso ides comezar coa Muiñeira, que é o baile máis coñecido de Galicia.