Saltar navegación

3.4. Xogos tradicionais

 

A algúns de vos estaravos a gustar moito todo o visto ata agora e incluso moitos descubristes que se vos dan ben as habilidades ximnásticas ou os diferentes tipos de bailes, ou por sorte as dúas..

Pero, e se non é así? Pois non pensedes que quedaredes sen propostas para presentar en "Ti si que vales"...

Veña! Seguide avanzando que agora ides practicar outra modalidade, neste caso a través do xogo.

Lectura facilitada

A algúns de vos estaravos a gustar moito todo o visto ata agora.

Moitos descubristes que se vos dan ben as habilidades ximnásticas,

ou os diferentes tipos de bailes,

ou por sorte as dúas.

Pero, e se non é así?

Pois non pensedes que quedaredes sen propostas para presentar en "Ti si que vales"...

Ides practicar outra modalidade, neste caso a través do xogo.

Definición

A universalidade do xogo é evidente, de feito, non é exclusivo do ser humano: os animais tamén xogan.

Os xogos tradicionais son unha fonte de transmisión de coñecemento, tradicións e culturas de outras épocas e/ou lugares do mundo.

Debemos empezar por diferenciar 3 termos que utilizamos para falar deste tipo de xogos e que se diferencian en certos matices. Para iso, fixádevos na seguinte táboa:

Xogos tradicionais

Arraigado nunha determinada cultura dende hai moito tempo, que se coñece dende sempre e que se transmitiron de xeración en xeración. O máis importante é a transmisión cultural.

Exemplos: as bólas, chapas ou a pita cega.

Xogos populares

Xogo espontáneo coñecido e practicado por moita xente. Nace e desenvólvese no pobo. É importante na aproximación entre a escola e a sociedade.

Exemplos: xogar ás escondidas, saltar á corda ou o pano.

 Xogos autóctonos

Natural dun país, dunha zona ou cultura moi concreta. Incluso o nome do xogo pode ter carácter autóctono, propio do lugar, e que noutro sitio se chame doutra forma aínda xogándose igual.

Exemplos: Cucaña (Canarias), carreira de sacos (Andalucía), pelota vasca (País Vasco), béisbol (USA), cricket (Inglaterra)…

Unha vez que tedes claro os diferentes conceptos e as súas diferencias, usaredes de modo xeral o termo “Xogos Tradicionais”, xa que non todos son orixinarios de unha única cultura e en moitos casos non teñen unha gran masa de practicantes, pero o que si é común a case todos é que sufriron un proceso de transmisión entre diversas xeracións.

Lectura facilitada

O xogo é universal.

Os animais tamén xogan.

Os xogos tradicionais transmiten:

  • Coñecemento.
  • Tradicións.
  • Culturas.

Diferenciamos 3 termos:

Xogos tradicionais

Que se coñece dende sempre e que se transmitiron de xeración en xeración.

O máis importante é a transmisión cultural.

Exemplos: as bólas, chapas ou a pita cega.

Xogos populares

Xogo espontáneo coñecido e practicado por moita xente.

Exemplos: xogar ás escondidas, saltar á corda ou o pano.

 Xogos autóctonos

Natural dun país, dunha zona ou cultura moi concreta.

Exemplos: Cucaña (Canarias), carreira de sacos (Andalucía), pelota vasca (País Vasco), béisbol (USA), cricket (Inglaterra)…

Usaredes de modo xeral o termo “Xogos Tradicionais”, porque todos se transmitiron de xeración en xeración.

Características dun xogo tradicional

- Son xogados polos nenos e nenas polo simple feito de gozar do xogo. Son os/as mesmos/as nenos/as os que deciden cando, onde e como se xogan.

- Teñen regras de fácil comprensión, memorización e cumprimento. As regras son negociables.

- Non requiren moito material nin é custoso.

- Son simples de compartir.

- Practicables en calquera momento e lugar.

Lectura facilitada

- Son xogados polos nenos e nenas para pasalo ben. Os participantes deciden as regras.

- Teñen regras fáciles. As regras poden cambiarse.

- Non requiren moito material nin é custoso.

- Son simples de compartir.

- Practicables en calquera momento e lugar.

Exemplos de xogos tradicionais

Carreiras de sacos

Pictograma do xogo popular carreiras de sacos

Xogo tradicional coñecido e practicado en todo o mundo. Para o seu desenvolvemento tan só son necesarios uns cantos sacos ou bolsas e un terreo suficiente para desprazarse.

Márcase unha liña de saída e outra de chegada e a distancia será variable dependendo das idades dos participantes.

Na liña de saída cada xogador métese de pé nun saco agarrándose coas dúas mans.

Cando se indique o comezo do xogo, iniciarán unha carreira dando pulos ata chegaren á meta.

Salto á corda

Pictograma de saltar á comba

Xogo no que un ou máis participantes saltan sobre a corda que se fai xirar de modo que pase baixo os pés e sobre a cabeza.

Se o xogo é individual, é unha persoa a que fai xirar a corda e salta.

Se o xogo é en grupo, polo menos son tres persoas as que participan: dous que voltean a corda mentres que unha terceira salta.

O habitual é saltar ó ritmo de cancións populares que entoan os participantes.

A mariola

Xogo da mariola

Para poder xogar unicamente se precisa un cadro debuxado no chan e unha pedra.

Un xogador/a bota a súa pedra ó primeiro cadro. Salta á pata coxa ese cadro, despois pasa ó terceiro e segue así ata o final. Nos cadros cinco e nove descansa apoiando os dous pés. Para regresar dáse media volta e avanza recollendo a pedra ó chegar ó lugar no que está.

Despois, lanza a pedra ó segundo cadro e repite o proceso. Se falla nalgún momento por non lanzar a pedra ó lugar indicado ou por pisar mal, volve empezar.

Ao completar o percorrido, marcará un cadro no que os demais xogadores e xogadoras non poderán pisar. Só poderá facelo el ou ela.

O número de xogadores é ilimitado.

A buxaina

Xoguete chamado peonza

O trompo, perinola ou buxaina é case tan antigo como a humanidade. Atópanse versións de arxila de fai 4.000 anos de antigüidade nas beiras do río Éufrates. Ademais, mencionábase na literatura clásica como na obra "La Eneida" do siglo I a. C. de Virgilio.

O xogo dos trompos consiste na manipulación dunha buxaina, un obxecto con forma de pera fabricado xeralmente de madeira. Enrólase con unha corda ó redor do seu corpo e lánzase ó chan cun movemento do brazo e do pulso para facelo xirar.

A billarda

Pau da billarda

Coñecido tamén como Estornela, para xogar precísanse dous paus redondos, de 2 cm. de grosor: o palán (de 30 a 40 cm. de longo) e unha billarda ou billa (de 15 cm., aguzado nos extremos). O espazo no que se desenvolve normalmente debe ser un terreo extenso, chan, sen obstáculos.

O termo billarda vén do francés 'bilard' (bastón de xogar). A súa orixe remóntase á Idade Media, estando documentado no Libro de Apolonio (Mester de Clerecía) e nas Cantigas de Santa María de Alfonso X, ambas obras do século XIII.

Os zancos

Andar sobre zancos

Tamén coñecido cos nomes de “andas” ou “trécolas”, son dous paus feitos en madeira non moi branda e que teñen uns topes onde se pousan os pés. A altura dos zancos debe exceder os ombros das persoas que xogan, unha vez subidas enriba deles.

É un xogo que axuda a ir adquirindo o sentido do equilibrio. Na súa orixe empregábanse para pasar os regatos ou as zonas enchoupadas. Normalmente xógase en terreos amplos, nos que haberá que atravesar un percorrido previamente indicado.

Bolos celtas

Xogos dos bolos celtas

Segundo as antigas lendas este xogo era utilizado como adestramento para a guerra ou a caza xa que se perfeccionaba a potencia muscular nos brazos.

O obxectivo do xogo é lanzar a bóla contra os bolos para derrubalos e ao mesmo tempo facer que a bóla e o maior número posible de bolos exceden a liña de tanteo. Para puntuar, a bóla sempre deberá exceder a liña de 10. Lánzase a pé parado desde a zona de lanzamento, caendo diante desta unha vez soltada a bóla. Cada bolo que pase a liña de tanteo valerá 10 tantos e o resto dos bolos caídos valerán un tanto cada un.

Balón prisioneiro (brilé)

Pictograma de brilé. Tamén se coñece como balón prisioneiro

O balón prisioneiro ten a súa orixe como un xogo de guerra africano. O xogo variaba de tribo en tribo, pero o habitual era xogar usando pedras, para adestrar ós mozos nas artes bélicas.
O xogo consiste en lanzar o balón ós xogadores/as do equipo contrario para eliminalos e entrar no seu cemiterio. Soamente son eliminados se se golpea ó xogador contrario sen que o balón bote previamente. Os xogadores/as que están no seu campo como os que están no cemiterio poden eliminar ós do equipo contrario.
 
O campo de xogo é rectangular, con medidas que poden variar, e dividido pola metade cunha raia trazada no chan que separa o terreo de cada equipo. Ningún xogador/a pode traspasar esa raia divisoria e pode xogarse en calquera tipo de terreo.

A xogar!

Agora é o momento de poñer en práctica diferentes xogos tradicionais da cultura galega.

Experimentade e descubride cales che gustan máis e en cales sodes máis hábiles.

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)