Saltar navegación

2.5.1 Efectos da actividade física na saúde

Realizar unha actividade física regular e continuada achega claros beneficios, como a redución do risco de padecer certas doenzas ou a mellora da saúde mental.

Función de nutrición

  • Aparello circulatorio. A práctica deportiva adecuada beneficia a circulación sanguínea ao fortalecer o corazón e favorecer o fluxo sanguíneo a través dos vasos sanguíneos. É por tanto un factor preventivo das doenzas cardiovasculares como os infartos, insuficiencia cardíaca, varices, etc.
  • Aparello respiratorio. Co adestramento regular prodúcese unha mellora no intercambio de gases e aumenta a capacidade pulmonar. Así aumenta a osixenación do noso organismo, o que permite unha mellor resposta ante os esforzos.
  • Aparello dixestivo. O exercicio favorece o tránsito do alimento polo aparello dixestivo, e iso evita a aparición de trastornos como o estrinximento ou o cancro de colon.
  • Doenzas metabólicas. A práctica dunha actividade física regula ou reduce o risco de padecer moitas doenzas de orixe metabólica e moi relacionadas coa nutrición, como:

–      Diabete. As persoas sedentarias teñen maior risco de desenvolvela. O exercicio físico inflúe no consumo da glicosa do sangue, cuxo exceso é o causante dalgúns tipos de diabetes.

–      Obesidade. Un estilo de vida activo unido a unha alimentación adecuada facilita o control de peso. Ademais, as persoas obesas que logran manterse activas e en forma reducen o risco de padecer afeccións cardíacas e diabete.

Función de relación

  • Sistema locomotor. A práctica dunha actividade física continuada vai influír positivamente no organismo co fortalecemento da estrutura corporal formada por ósos, os tendóns e as cartilaxes. Así mesmo, vai contribuír no aumento da elasticidade muscular e articular. Estes beneficios axudan a mellorar a calidade de vida, así como a evitar doenzas asociadas coa idade, como a osteoporose e problemas no lombo.
  • Sistema nervioso. É de salientar que a práctica de exercicio físico con regularidade mellora a saúde psicolóxica (estado de ánimo e percepción da imaxe do propio corpo) e a autoestima física, e diminúe as sensacións de tensión e de ansiedade. Tamén mellora a calidade e a extensión do sono en persoas que non padecen alteracións mentais.

Función de reprodución

En xeral a mellora do estado corporal vai facilitar a función da reprodución, pero en especial estes beneficios faranse patentes nas mulleres tanto durante a xestación como no parto, e tamén na posterior recuperación.

Por último é importante lembrar que a realización de calquera actividade física aumenta os riscos de lesións a nivel muscular e/ou articular. Pois ben, parte destas lesións pódense previr respectando os seguintes principios:

  • Evitar cometer excesos.
  • Incluír o quecemento como parte ineludible de calquera deporte ou actividade.
  • Levar un ritmo de traballo progresivo, de menos a maior esixencia.
  • É recomendable un recoñecemento médico e/ou asesoramento por especialistas deportivos antes de empezar a practicar calquera actividade física, para establecer as pautas adecuadas as condicións físicas e de idade de cada persoa.
 

Actividades propostas

S21. Que son os tropismos e as nastias? En que se diferencian? Cite dous tipos de cada movemento e diga a que estímulos responden?

S22. Indique as etapas necesarias para que se leve a cabo a función de relación nos animais e os órganos que interveñen.

S23. Que función ten o sistema nervioso e o endócrino? En que se diferencia o tipo de resposta que producen?.

S24. Cite beneficios da práctica continuada de exercicio para a saúde.

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0