Saltar navegación

2.1 A célula: unidade vital dos seres vivos

Todos os seres vivos realizan un grande número de actividades, que teñen dous obxectivos:

  • Manter ao individuo.
  • Perpetuar a especie.

Estas actividades desenvolvidas polos seres vivos clasifícanse en tres funcións:

  • Nutrición.
  • Relación.
  • Reprodución.

Non obstante, estas tres funcións non se poden concibir por separado, xa que unhas funcións vitais dependen das outras: por exemplo, para que un organismo se reproduza necesita a enerxía que lle proporciona a nutrición, e para nutrirse necesita relacionarse co medio.

A unidade máis básica capaz de realizar estas tres funcións vitais é a célula. Os seres vivos poden estar formados por unha célula (organismos unicelulares) ou por máis (organismos pluricelulares). En ambos os casos as reaccións químicas dos seres vivos teñen lugar no interior das células.

Pero os seres pluricelulares, como a súa vida é a suma das actividades de todas as súas células, agrúpanse e especialízanse formando tecidos, órganos, aparellos e sistemas. E aínda que funcionan de xeito coordinado e ao servizo do organismo seguen desempeñando as tres funcións vitais.

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0