Saltar navegación

2.2.2 Nutrición heterótrofa

A nutrición heterótrofa é propia dos seres vivos que se alimentan directamente de materia orgánica procedente doutros seres vivos. Son organismos heterótrofos moitas bacterias, protozoos, fungos e animais.

Pasan a maior parte da súa vida buscando no medio alimento para vivir. Necesitan normalmente realizar a dixestión dos alimentos que inxiren, para transformaren estas moléculas noutras máis sinxelas que poidan utilizar as súas células.

  • Seres unicelulares heterótrofos (como bacterias e protozoos). Poden alimentarse destas maneiras:

–      Normalmente viven en medios acuáticos a partir dos cales toman directamente as substancias que necesitan.

–      Nalgúns casos invaden outros organismos e aliméntanse a partir deles, causando doenzas.

  • Os fungos: son organismos heterótrofos que poden ser unicelulares ou pluricelulares. Normalmente aliméntanse de materia orgánica de organismos en descomposición (aínda que algúns poden invadir organismos vivos, causando doenzas).
  • Seres pluricelulares heterótrofos (como os animais): a función de nutrición é moito máis complexa. Non poden tomar as substancias do exterior directamente, xa que moitas delas son moi complexas e non poden penetrar nas súas células.

Por iso a maioría dos seres vivos pluricelulares necesitan antes de incorporalos ás súas células dixerilos para os transformar en substancias máis sinxelas que poidan ser asimiladas por estas.

Logo de dixeridas estas substancias deberán ser transportadas ata todas as células, onde no seu interior sofren unha serie de procesos químicos denominada metabolismo, polos cales a célula obterá a partir dos nutrientes a materia e a enerxía necesaria.

Por último, froito deste metabolismo prodúcense produtos de refugallo que deben ser expulsados ao exterior.

Así, podemos dicir que a nutrición na maioría de seres pluricelulares é unha función moi complexa, que incluirá os seguintes procesos realizados por los seguintes aparellos:

Proceso

Aparello implicado

  • Captación de nutrientes sólidos e líquidos do medio, dixestión se fora necesario e absorción cara ao interior do organismo.

Dixestivo

  • Distribución de nutrientes por todo o organismo.

Circulatorio

  • Captación e expulsión dos gases necesarios para a función de nutrición.

Respiratorio

  • Expulsión ao exterior das substancias de refugallo froito da actividade celular

Excretor

Non todos os animais posúen estes órganos; algúns, menos evolucionados, de vida acuática, como esponxas, medusas e pólipos, ou parasitos, como as tenias e as lombrigas intestinais, que non necesitan dixerir os alimentos, poden carecer dalgúns aparellos, e estas funcións realízansedirectamente nas súas células.

 

Actividades propostas

S1. Cal é a finalidade da función de nutrición?

S2. Explique a diferenza entre a nutrición autótrofa e a heterótrofa.

S3. Diferencie os tipos de nutrición autótrofa indicando exemplos de organismos que a realicen

S4. Cal é a importancia biolóxica da fotosíntese?

S5. Que é o metabolismo?

S6. Complete o seguinte esquema relativo aos aparellos implicados na función de nutrición dos animais

Aparello implicado

Proceso

 

 

 

 

 

 

 

 

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0