Saltar navegación

2.2.1 Nutrición autótrofa: a fotosíntese

É a propia dos seres vivos que obteñen os seus alimentos a partir de materia inorgánica, que transforman en orgánica mediante unha fonte de enerxía que sexan quen de captar do medio externo.

Existen dous tipos de nutrición autótrofa:

  • Quimosíntese: a fonte de enerxía para transformar a materia inorgánica en orgánica son reaccións químicas de oxidación que se producen expontaneamente en certos medios naturais. É típica dalgúns tipos de bacterias, como por exemplo as que viven nos volcáns submarinos das dorsais oceánicas, a milleiros de metros de profundidade, onde non chega a luz do Sol.
  • Fotosíntese: a fonte de enerxía para transformar a materia inorgánica en orgánica é a enerxía solar. É a principal forma de nutrición autótrofa.

A fotosíntese non é exclusiva das plantas; tamén a realizan as algas, tanto pluricelulares como unicelulares, e algúns grupos de bacterias (cianobacterias). O proceso da fotosíntese pódese resumir no seguinte cadro:

 

 

 

Esquema do proceso de fotosíntese das células vexetais

 

Importancia biolóxica da fotosíntese

A fotosíntese ten gran importancia biolóxica no mantemento da vida na Terra, porque:

  • Na fotosíntese fabrícase a materia orgánica, que utiliza o resto dos seres vivos como alimento. Aínda que algúns animais non se alimenten directamente de vexetais, si que o fan outros dos que dependen.
  • Aínda que a súa finalidade é producir materia orgánica rica en enerxía, vai liberar osíxeno (O2), necesario para a respiración da maioría dos seres vivos
  • Utiliza como materia prima o CO2, producido pola respiración dos seres vivos e a actividade industrial humana, axudando a evitar a súa acumulación na atmosfera e un incremento excesivo do efecto invernadoiro.
  • A fotosíntese cambiou a composición da atmosfera primitiva. Nos comezos da vida non existía osíxeno; todo o osíxeno da atmosfera procede da fotosíntese, polo que sen as plantas non sería posible a diversidade da vida da Terra tal como a coñecemos.

Nutrición autótrofa en seres unicelulares e algas

Os seres unicelulares e as algas macroscópicas que habitan nos medios acuáticos toman directamente do medio as substancias necesarias para realizar a fotosíntese, xa que atopan disolvidos na auga tanto os sales minerais como o dióxido de carbono.

Nutrición autótrofa en plantas

As maioría das plantas teñen adaptado o seu modo de vida ao medio terrestre, polo que desenvolven estruturas especializadas para tomar do medio a auga, dióxido de carbono e os sales minerais, e transportar as substancias cara a todas as súas células:

 

Por Portal Ceibal - Licenza CC : BY-NC-SA
  • Mediante as raíces toman a auga e sales do solo formando o chamado zume bruto.
  • Nas follas e outras zonas verdes da planta, grazas á axuda de certos pigmentos que absorben a luz, nomeadamente a clorofila de cor verde, realizan a fotosíntese. Así, a partir da materia inorgánica achegada polo zume bruto e o dióxido de carbono absorbido por uns orificios (os estomas) prodúcese o zume elaborado, rico en materia orgánica.
  • Polo talo distribúese cara ás follas o zume bruto, e os produtos sintetizados na fotosíntese (zume elaborado) cara a todo o vexetal.
 

 

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0