Saltar navegación

2.2 A función de nutrición

A función de nutrición é o conxunto de procesos mediante os cales os seres vivos obteñen materia e enerxía do medio e a utilizan no seu propio beneficio.

Xa que logo, podemos resumir que a finalidade da función de nutrición é achegarlles nutrientes as células para:

  • Dotar da enerxía necesaria para a realización de todas as actividades da vida.
  • Incorporar nova materia para:

–      Crecemento celular.

–      Reposición das estruturas deterioradas.

Esta materia e enerxía obtéñense a través dos nutrientes, que son moléculas sinxelas que cumpren una determinada finalidade nos seres vivos.

Tipos de nutrientes

  • Inorgánicos: presentes tanto nos seres vivos como na materia inerte. Cumpren a finalidade de achegar materia pero non enerxía. Son a auga e os sales minerais.
  • Orgánicos: producidos polos seres vivos. Son moléculas máis complexas, ricas en enerxía, polo que nos achegan tanto materia como enerxía. Son as graxas (ou lípidos), as proteínas e os hidratos de carbono (ou glícidos)

Nutrición autótrofa e heterótrofa

A forma de obter os nutrientes non é a mesma en todos os seres vivos. Poden clasificarse segundo o seu tipo de nutrición en dous grandes grupos:

  • Autótrofos: conseguen a materia orgánica a partir de materia inorgánica. Para esta transformación necesitan unha fonte de enerxía.
  • Heterótrofos: aliméntanse directamente de materia orgánica procedente doutros seres vivos.

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0