Saltar navegación

2.3.2 Reprodución sexual

Na reprodución sexual, ao contrario que na asexual, interveñen dous proxenitores; cada un achega unha célula especializada, denominada gameto, que ao fusionarse dá lugar a unha única célula, chamada cigoto, que no seu desenvolvemento orixina unha descendencia con características de ambos os proxenitores

Malia ser a reprodución sexual máis complicada e lenta, e aínda que supón un maior gasto enerxético para os organismos, supón tamén unha vantaxe na evolución das especies respecto á asexual, xa que asegura a diversidade dentro da especie, é dicir, que existan individuos moi diferentes. Así poden estar preparados para unha mellor adaptación ante un posible cambio ou modificación do medio en que vivan.

Reprodución sexual en animais

Nos animais os gametos masculinos denomínanse espermatozoides e os femininos óvulos. Os gametos fórmanse nos órganos reprodutores específicos, chamados gónadas. As gónadas masculinas son os testículos e as femininas os ovarios. Normalmente un individuo posúe un único tipo de gónada, ovario ou testículo, como é ocaso dos vertebrados e moitos invertebrados, e dise que son unisexuais. Outros son hermafroditas: cada individuo posúe á súa vez gónadas masculinas e femininas, o que lles ocorre a algúns vermes, como as miñocas e sambesugas, e a algúns moluscos, como os caracois e as lesmas.

  • Fecundación. A fecundación é a unión dos gametos para produciren un novo individuo. Pode producirse fóra do corpo da nai (fecundación externa) ou dentro do aparello reprodutor feminino (fecundación interna). De xeito xeral a fecundación é cruzada, é dicir, participan dous animais, sexan unisexuais ou hermafroditas. Con todo, en contados casos é posible que un animal se autofecunde; un exemplo é a tenia ou solitaria, un verme parasito do intestino que vive só e a única posibilidade de reprodución é a autofecundación.

–      Fecundación externa: é característica de animais acuáticos. Os óvulos e os espermatozoides van ser liberados á auga, onde se produce a súa unión. Esta fecundación require a produción dunha enorme cantidade de gametos para poderen atoparse no medio acuático.

 Fecundación externa nun peixe

Fecundación externa nun peixe

–      Fecundación interna: é típica de animais terrestres, aínda que tamén se produce nas quenllas, nas raias e tamén nos mamíferos e réptiles mariños. Nesta fecundación o macho introduce os espermatozoides dentro do corpo da femia.

  • Desenvolvemento embrionario. Segundo onde teña lugar o desenvolvemento do embrión os animais clasifícanse en:

–      Ovíparos: a femia deposita ovos que conteñen o embrión e este desenvólvese no seu interior, alimentándose das reservas que contén. Este tipo de desenvolvemento é típico de invertebrados, peixes, anfibios, réptiles e aves.

–      Ovovivíparos: o embrión desenvólvese a partir das reservas do ovo, pero este atópase e desenvólvese no interior do aparello reprodutor das femias, de xeito que as crías saen directamente das nais. Prodúcese na maioría das quenllas e os lagartos.

–      Vivíparos: o embrión desenvólvese no interior do aparello reprodutor feminino e nútrese a partir das substancias nutritivas que esta lle achega. Este desenvolvemento é propio dos mamíferos.

Por outra banda, o desenvolvemento das crías pode ser de dous tipos en función do estado en que nazan estas:

–      Desenvolvemento directo: as crías son de aspecto similar a un adulto; o desenvolvemento ata adulto complétase aumentando de tamaño e madurando os seus órganos. É o caso de réptiles, aves e mamíferos.

–      Desenvolvemento indirecto: as crías nacen con aspecto diferente aos adultos e denomínanse larvas. Para transformárense en adultos sofren unha serie de transformacións, que se coñece como metamorfose. Así ocorre nas ras e nos insectos.

metamorfose na ra 

Desenvolvemento indirecto das crías: a metamorfose na ra

Para saber máis:

Metamorfose sinxela

Ten lugar en saltóns, grilos, cascudas e libélulas. As larvas denomínanse ninfas e o seu desenvolvemento consiste no crecemento e na maduración do corpo, con mudas periódicas. A muda é o proceso polo que o insecto se desprende do vello esqueleto e forma un novo que se endurece.

Metamorfose completa

Ten lugar en escaravellos, bolboretas, moscas e outros insectos. Neste caso as larvas son moi distintas dos adultos. A larva, ademais das mudas, sofre unha derradeira transformación espectacular tras pasar por un período inmóbil encerrada nunha cuberta ou casulo. Nesta fase denomínase popa ou crisálida.

 Metamorfose sinxela Metamorfose completa 

Metamorfose nos insectos

Reprodución sexual en plantas

  • Plantas con flor. O aparello reprodutor da maioría dos vexetais terrestres é a flor. Moitas das plantas con flor son hermafroditas, xa que producen gametos tanto masculinos (contidos no gran de pole) como femininos (contidos no ovario no interior da flor).
Plantas con flor 

Por Proyecto Biosfera en Intef Ministerio de Educacion.

As fases na reprodución das plantas con flor son:

–     1. Produción dos grans de pole nos estames e de óvulos no carpelo da flor

–     2. O pole chega á parte feminina da flor pola polinización coa axuda de distintos axentes transportadores de pole. Segundo o tipo de axente implicado no transporte as plantas desenvolven distintos tipos de flor:

–      Vento: necesitan producir moito pole, xa que para que este chegue a outra flor depende do azar. Producen numerosas flores, pequenas e pouco vistosas. Exemplo: as espigas dos cereais e as flores dos piñeiros.

–      Insectos: o insecto encargarase de transportar o pole ás flores. Para isto as plantas producen flores grandes e vistosas con olores onde poden obter alimento (néctar) para atraer os insectos.

–      3. Logo de que o gran de pole chegue á parte feminina da flor prodúcese a fecundación.

–      4. O óvulo tras a fecundación transfórmase no embrión. O embrión, xunto coa estrutura nutritiva que o rodea e a envoltura, constitúe a semente.

–     5. Na maioría das plantas ademais, as paredes do ovario transfórmanse, fanse duras ou carnosas e forman o froito. Este froito sóltase cando está maduro e a súa finalidade é facilitar a dispersión da semente. Segundo o xeito de dispersión o froito será diferente

–      Vento: o froito desenvolve estruturas similares a paracaídas ou velas para facilitar a súa dispersión. Exemplo: piñóns.

–      Auga: o froito desenvolve estruturas para flotar. Exemplo: os cocos.

–    Animais: desenvolven estruturas para adherirse a eles ou o froito proporciona alimento para que sexa inxerido, pero a semente é resistente á dixestión, e é expulsada coas feces. Así, os froitos que producen moitas plantas non son agasallos que estas ofrecen de forma desinteresada, senón que teñen a finalidade de usar os animais para axudaren a dispersar as sementes.

–      6. Cando a semente chega a un medio coas condicións ambientais adecuadas, xermina orixinando unha nova planta.

  • Plantas sen flor. As plantas máis antigas que están menos evolucionadas, como os brións e os fentos, non posúen flores. Nestas plantas a reprodución é un ciclo con dúas xeracións, onde existe unha fase con reprodución sexual (gametofito) que forma gametos e unha asexual (esporofito), que forma esporas.
 Ciclo vital dunha planta

Ciclo vital dunha planta

–    Nos brións a fase dominante, a que vemos cando imos ao campo, é a fase que forma os gametos (gametofito); o esporofito dura pouco e seca rapidamente.

–    Nos fentos a fase dominante que vemos no campo é o esporofito (fase asexual, forma esporas). O gametofito é unha pequena lámina de vida efémera subterránea.

 Brión Fento 

Brión

Fento

 

Actividades propostas.

S13. Que son os gametos? E a fecundación?

S14. Por que a fecundación interna é típica de animais terrestres e a externa de animais acuáticos?

S15. A que animais (segundo o seu desenvolvemento embrionario) corresponden os seguintes debuxos? Explique en cada caso como se desenvolve o embrión.

 Tartaruga  Quenlla Can 

Tartaruga

Quenlla

Can

S16. Que é a metamorfose. Indique exemplos de animais que a leven a cabo.

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0