Saltar navegación

2.4 A función de relación nos seres vivos

A función de relación é a que lles permite aos seres vivos percibiren a información do medio exterior ou do interior do seu propio organismo, e produciren unha resposta axeitada aos cambios que se produzan.

Denomínase estímulo calquera factor físico ou químico capaz de desencadear unha resposta nun individuo, por exemplo, unha variación da temperatura, unha substancia química, a presenza de luz, etc.

Relación nos seres unicelulares

Os organismos unicelulares ante os estímulos poden responder do seguinte xeito:

  • Reproducíndose cando as condicións son favorables.
  • Formando estruturas resistentes como esporas, ou quistes cando as condicións son desfavorables para a súa supervivencia.
  • Movéndose cara ao estímulo ou fuxindo del.

Relación nas plantas

Aínda que os vexetais non se poden desprazar, son quen de detectaren cambios no ambiente e reaccionaren ante eles adecuadamente. A resposta máis frecuente das plantas ante un estímulo é medrar cara a unha dirección definida polo estímulo, como a luz, a temperatura ou a gravidade. As respostas principais son os tropismos e as nastias.

  • Tropismos. Son movementos permanentes dos talos e das raíces que se dirixen cara ao estímulo ou na dirección contraria a este. Segundo o estímulo, denomínanse:
  • Fototropismo: se os talos se dobran cara á luz.

  • Xeotropismo: as raíces medran no sentido da gravidade e os talos en sentido contrario.

  • Hidrotropismo: as raíces medran cara a onde haxa auga.

  • Tigmotropismo: resposta das plantas rubideiras, en contacto con algo en que enrolarse.

 Tropismos
  • Nastias. Son movementos temporais das follas ou das flores que non se producen nunha dirección. Son exemplos de nastias os seguintes:
  • Pechamento dos pétalos dalgunhas flores, durante a noite.

  • Movemento das mimosas ao tocalas.

  • Pechamento das follas de plantas carnívoras ao recibiren un insecto, para o capturar.

 Nastias

Relación nos animais

A función de relación nos animais é máis evidente e máis complexa que nas plantas, e realízase en varias etapas:

  • Percepción do estímulo: ante un estímulo (factor físico ou químico que se detecta polo organismo, por exemplo o son, olor, sabor ou movemento) este pode ser captado por células especializadas que transmiten a información ao sistema coordinador do corpo.
  • Coordinación: realízaa o sistema nervioso e hormonal, que recibe e interpreta a información que lle chega dos receptores sensoriais, elaborando unha resposta axeitada. Os animais teñen dous sistemas de coordinación da información recibida a través dos receptores sensoriais:

–      Sistema nervioso: transmite a información en forma de impulsos eléctricos a través dunha rede de células nerviosas. Todos os animais posúen sistema nervioso. Canto máis evolucionado sexa o animal aumenta a complexidade do sistema nervioso, e as respostas son máis rápidas e complexas. O sistema nervioso está constituído polos centros nerviosos e polos nervios.

–      Centros nerviosos: son os centros de control e coordinación da información. Regulan a información do corpo. Na maioría dos invertebrados (como anélidos, moluscos e artrópodos) están formados por unha cadea de ganglios que se conectan con ganglios cerebrais. Nos vertebrados os centros nerviosos son o encéfalo, que está protexido polo cranio, e a medula espinal, protexida pola columna vertebral.

ganglios nerviosos  nervios 

–      Nervios: constitúen unha rede de células nerviosas que poñen en comunicación os centros nervioso con diferentes órganos.

–      Sistema endócrino: ademais do nervioso, moitos animais teñen outro sistema de coordinación, o hormonal ou endócrino, que transmite a información mediante unhas substancias químicas, as hormonas, a través do medio interno (nomeadamente o sangue). Ashormonasteñen gran importancia na regulación do medio interno, no control do crecemento, na regulación das reaccións químicas do organismo (metabolismo) e na reprodución. A coordinación hormonal tamén controla os cambios que se producen na metamorfose dos insectos e anfibios. A actuación do sistema hormonal é máis lenta pero máis prolongada que a do sistema nervioso.

A coordinación hormonal lévase a cabo por un conxunto de órganos especializados, chamados glándulas endócrinas, que producen hormonas e as liberan ao sangue.

 glándulas endócrinas
  • Resposta: é a reacción que aparece como consecuencia do estímulo. Esta resposta realízase por medio dun órgano efector:

–      Glándulas exócrinas: encargadas de producir secrecións que se expulsan a cavidades ou cara ao exterior. Exemplos: glándulas sudoríparas, mamarias e salivares.

–      Músculos: encargados de producir o movemento no aparello locomotor.

 

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0