Saltar navegación

2.3 O futuro da enerxía

A maioría das enerxías empregadas actualmente proceden de fontes non renovables. A crecente demanda mundial de enerxía (China, A India, etc.) fai encarecer os seus prezos. Algunhas medidas para combater estes efectos negativos son:

  • Mellorar o rendemento dos motores para que consuman menos.
  • Desenvolver técnicas para extraer petróleo de veas agora non rendibles.
  • Mellorar os sistemas que evitan a contaminación nas centrais térmicas (tratamento dos gases, filtros que reteñan partículas, uso de combustibles menos contaminantes, etc.).
  • Usar cada vez máis enerxías renovables limpas.
  • Investigar novas fontes ou desenvolver tecnoloxicamente as xa coñecidas pero pouco empregadas aínda, como a solar, a eólica, as pilas de hidróxeno, a nuclear de fusión...

Para coidar a vida no planeta débense usar recursos enerxéticos limpos e renovables. É por iso que as enerxías renovables poden ser o futuro da enerxía no planeta. Con todo, o seu uso implica unha serie de vantaxes e inconvenientes, que son os que seguen:

 

Vantaxes das enerxías renovables

Inconvenientes das enerxías renovables

 

  • Practicamente inesgotables (renóvanse continuamente).
  • Non contaminan; a combustión da biomasa devólvelle ao aire o dióxido de carbono antes absorbido polas plantas. Non producen residuos, ou moi poucos.
  • Xéranse preto do lugar do seu consumo, evitando gastos de transporte. Diminúen a dependencia externa do abastecemento de combustibles; o desenvolvemento destas enerxías xera postos de traballo.
  • O impacto ambiental é, xeralmente, menor que o producido pola extracción do carbón e petróleo.
 
  • O seu uso permite, de momento, producir pequenas cantidades de enerxía.
  • Debido ao seu escaso desenvolvemento, a súa extracción e a explotación son aínda caras.
  • A produción dalgunhas depende de factores meteorolóxicos (vento, ondas no mar, días anubrados…) polo que esta produción pode ser descontinua.
  • Tamén hai, impactos ambientais (vales asolagados por encoros, aeroxeradores sobre a paisaxe e as aves, etc.).
  • O rendemento enerxético aínda é baixo en xeral, comparado co das enerxías non renovables.

 

Ata que o uso da enerxía proveña exclusivamente de fontes renovables que non contaminen o ambiente, debemos adoptar hábitos que reduzan o consumo enerxético e potencien o desenvolvemento sustentable. Dez normas básicas son as seguintes:

 

10 normas básicas para o aforro enerxético

  • 1. Acenda só as luces que necesite. Non deixe luces acesas en dependencias baleiras. Use lámpadas de baixo consumo.
  • 2. Aproveite a luz natural. Abra as persianas polo día, e báixeas durante a noite no inverno, para aforrar en calefacción.
  • 3. Programe o computador para que cando estea inactivo máis de 10 minutos se execute o programa de aforro de enerxía.
  • 4. Se non utiliza o computador, apague o monitor, xa que consume tanto como unha lámpada de 100 W.
  • 5. Evite consumos ocultos (stand by) dos equipamentos eléctricos. Cando non os utilice, apágueos.
  • 6. As tecnoloxías informáticas permiten a transmisión e recepción de información sen necesidade de utilizar o papel; non imprima textos e follas innecesariamente.
  • 7. Manteña pechadas as portas e ventás cando funcione a calefacción ou a climatización.
  • 8. Non abuse da calefacción. Regule o seu termóstato entre 18ºC e 20 ºC. Peche os radiadores que non necesite.
  • 9. Promova a utilización de papel e consumibles reciclados no seu lugar de traballo.
  • 10. Use o transporte público ou comparta o vehículo con compañeiros e compañeiras que vivan en zonas próximas.

 

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0