Saltar navegación

2.1.2 Fontes de enerxía renovables

Son as que a natureza pode ir xerando ao mesmo ritmo ou a un ritmo superior ao consumo que nós facemos delas, ou ben que se poden ir producindo de novo a curto prazo, polo que, en principio, son inesgotables. Chamámolas tamén enerxías limpasporque non contaminan.

Exemplos de enerxías renovables son a hidráulica, a eólica, a solar, a xeotérmica, a mareomotriz e a biomasa (son recursos inesgotables salvo no caso da biomasa).

 Enerxía hidráulica

A auga nos encoros está a grande altura, polo que ten enerxía potencial gravitacional. Cando se deixa caer, a velocidade da auga move turbinas que producen electricidade nas centrais hidroeléctricas. Esta é a fonte de enerxía renovable máis empregada actualmente. É limpa e non xera residuos.

En Galicia esta enerxía úsase en muíños, ferrarías e serrarías. Os seus inconvenientes son a pouca dispoñibilidade en épocas de seca e o asolagamento de vales fértiles ou de importancia ecolóxica. En Galicia construíronse grandes centrais hidráulicas, e produciuse un aumento das minicentrais, cun menor impacto ambiental.

 

 hidraulica

 

Enerxía eólica

O aire en movemento ten enerxía cinética. Usouse en muíños de vento e barcos. Hoxe prodúcese electricidade en aeroxeradores, que están formados dunhas pás, a xeito de muíño, que xiran coa forza do vento (enerxía eólica). Este xiro fai que un xerador incorporado produza corrente eléctrica.

 Un conxunto de aeroxeradores é unha central eólica. A enerxía eólica úsase cada vez máis. En Galicia hai parques eólicos sobre todo en zonas costeiras, e prevese a instalación de moitos máis. Se é así, nos vindeiros anos o 50 % da electricidade galega ha ser eólica.

A instalación de parques eólicos xera, ás veces, oposición polo impacto visual e porque provoca mortes de aves, que baten contra as pás. Outro inconveniente é que só xeran electricidade cando hai vento adecuado.

 

 eolico

 

Enerxía solar

Chámase enerxía solar a que procede directamente do sol. Cada ano chega á Terra unha cantidade de enerxía en forma de radiación solar 4.000 veces maior que o consumo anual da humanidade. Os organismos fotosintéticos (plantas e outros) aproveitan este tipo de enerxía. Actualmente aproveitamos a radiación solar de dous xeitos:

  • Enerxía solar térmica. Obtense calor utilizando placas solares, que son grandes paneis de vidro baixo os que se instalan tubaxes polas que circula auga, que quece aproveitando a radiación solar. Prodúcese así auga quente para uso doméstico e de calefacción. Estas placas solares colócanse sobre os tellados dos edificios para que poidan recibir a luz do sol.
  • Enerxía solar fotovoltaica. Prodúcese directamente electricidade cando a radiación solar incide nas placas fotovoltaicas (feitas dun material semicondutor apropiado). Na actualidade constrúense grandes concentracións de placas fotovoltaicas conectadas entre si, que forman unha central solar.

Dentro da Unión Europea, España é dos países que ten máis produción deste tipo de enerxía. En Galicia a frecuente presenza de nubes diminúe o rendemento dos paneis solares. Pero pode ser moi útil en lugares afastados para proporcionar auga quente, calefacción e electricidade, como en albergues de montaña, refuxios, hoteis, vivendas illadas..., e como complemento ao consumo de enerxía tradicional.

Aínda segue a ser unha fonte de electricidade cara, comparada coas non renovables. Ten ademais o inconveniente de ser intermitente, xa que ás noites e nos días anubrados non se pode obter.

 

solar  solar 

 

Enerxía xeotérmica

O interior da Terra está a elevada temperatura. A auga quente que sae espontaneamente nalgúns lugares pode aproveitarse para calefacción, uso sanitario e doméstico, e para producir electricidade. Tamén pode inxectarse auga fría por medio de pozos, que se transforma en vapor que, na superficie, pode xerar electricidade. Funcionan así centrais eléctricas xeotérmicas en Norteamérica, Italia, Nova Celandia, México, Centroamérica e Rusia. As centrais xeotérmicas só resultan rendibles nalgunhas zonas da terra.

 

 xeo  xeo

 

Enerxía mareomotriz

Existen centrais que aproveitan a enerxía das mareas para producir electricidade. As centrais mareomotrices funcionan como un encoro de río, o depósito énchese coa marea (preamar) e a auga retense ata a baixamar para se liberar despois a través duns condutos estreitos que aumentan a presión, ata as turbinas que xeran a electricidade. Na Bretaña francesa hai unha famosa central deste tipo, La Rance.

Outras formas de extraer enerxía do mar para producir electricidade son aproveitar a enerxía das ondas (enerxía undimotriz), a das correntes mariñas, a diferenza de temperatura entre a superficie e as augas profundas do océano, a salinidade, etc.

 

 maremotriz

 

Biomasa

A enerxía da biomasa é a que procede de materia orgánica vexetal ou animal non fosilizada. Foi a primeira fonte de enerxía utilizada pola humanidade (á parte da propia forza física ou a dos animais domésticos). Actualmente pódese usar ben por combustión para producir directamente calor ou electricidade, ou por transformación en combustibles como o bioetanol, o biodiesel e o biogás.

Existen os chamamos cultivos enerxéticos, que son plantacións de crecemento rápido destinadas á produción de biomasa para utilizala tanto por combustión como para a fabricación dos biocombustibles. Necesítanse terras cultivables para o seu desenvolvemento e polo tanto diminúe a cantidade de terras dispoñibles para o cultivo de consumo humano e a gandería. Existe tamén o perigo do aumento do custo dos alimentos, así como o aumento de produción de monocultivos.

 

As instalacións para o aproveitamento da biomasa son moi diversas, podemos atopar as pequenas para uso doméstico (chemineas ou fogares de leña), de tamaño mediano (dixestores de residuos gandeiros en granxas) ou de grande tamaño (centrais térmicas que queiman residuos agrícolas ou forestais para obter electricidade, ou subministrar calefacción a distritos ou cidades).

A enerxía da biomasa produce contaminación durante a combustión (emisión de CO2) pero este se reabsorbe polo crecemento das plantas cultivadas.

 

 biomasa biofuel 

Planta de biomasa en Irlanda

Surtidores de biofuel

Actividades propostas

S6.            Que vantaxes supón utilizar as enerxías renovables fronte ás non renovables?

S7.           Que tipo de enerxía se produce cando usamos como fonte a enerxía hidráulica?

S8.           Que inconvenientes teñen as centrais eólicas?

S9.            Como se aproveita na actualidade a enerxía solar?

S10.        Como se aproveita a calor interna da terra para xerar enerxía?

S11.        Que é a enerxía mareomotriz?

S12.        Que é a biomasa e que utilidades ten?

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0