Saltar navegación

2.1 Fontes de enerxía

Nas sociedades desenvolvidas (as chamadas do primeiro mundo) utilizamos cantidades enormes de enerxía nas grandes obras (autoestradas, rañaceos, estaleiros, minaría...), no transporte (coches, trens, avións, barcos...), nas industrias e na nosa propia casa (electricidade, gas, leña, etc.).

De onde obtemos toda esta enerxía? Os recursos naturais que nos permiten obtela son as chamadas fontes da enerxía. As fontes de enerxía ou recursos enerxéticos son aqueles recursos que o ser humano utiliza para xerar enerxía, que pode usarse directamente ou transformarse noutra forma de enerxía. Non sempre foron as mesmas; antigamente usábanse os animais para o traballo no campo e a leña para cociñar e quentar. Logo foi o carbón, que dá máis calor que a madeira, o que permitiu construír máquinas de vapor que trouxeron a coñecida Revolución Industrial (século XVIII e principios do XIX) e as súas grandes repercusións sociais. Actualmente as que máis utilizamos son, ademais do carbón, os derivados do petróleo, a enerxía hidráulica e a nuclear. E pouco a pouco comezan a utilizarse outras.

As fontes de enerxía poden ser de dous tipos:

  • Non renovables: as que proceden de recursos que se esgotan co tempo ao seguilos consumindo.
  • Renovables: as que non se esgotan; o que delas se consome rexenérase ou é practicamente inesgotable.

De todas estas fontes de enerxía, o seu uso e as súas repercusións imos falar a continuación.

Actividade proposta

S1.            Explique que son as fontes de enerxía renovables e non renovables. Poña algún exemplo.

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0