2.1.1 Fontes de enerxía non renovables
Son as que existen na Terra de xeito limitado e que tardan en renovarse, se cadra, millóns de anos, polo que o seu consumo actual acabará por esgotalas. Son contaminantes, pois ao usalas desprenden gases á atmosfera e residuos difíciles de eliminar. Exemplos deste tipo son os combustibles fósiles (carbón e petróleo) e as substancias radioactivas (uranio e plutonio).
As fontes de enerxía que usamos actualmente de xeito masivo son, na súa maioría, non renovables. Exemplos destas fontes de enerxía son o carbón, o petróleo, o gas natural e as substancias radioactivas, como o uranio.
O carbón
- Orixe: o carbón é un mineral de cor negra que procede de grandes masas fósiles vexetais que quedaron soterradas hai millóns de anos. Hai varios tipos, dependendo da súa riqueza en carbono: antracita (> 90 %), hulla (75 % a 90 %), lignito (60 % a 75 %, o máis abundante en Galicia) e turba (< 60 %).
- Extracción: extráese de minas a ceo aberto ou escavadas a diferentes profundidades. As reservas de carbón poden durar uns 300 anos.
- Uso: úsase como combustible para quentar auga ou obter vapor en centrais térmicas para producir electricidade. Ten un poder calorífico de 30.000 kJ por quilogramo.
![]() |
|
O carbón é unha fonte relativamente barata, pero contamina bastante; a súa extracción nas minas é difícil e perigosa e o transporte é caro. A combustión do carbón emite á atmosfera óxidos gasosos de carbón (que aumenta o efecto invernadoiro e o cambio climático), de nitróxeno e xofre (que provocan chuvias ácidas perigosas para os seres vivos).
O petróleo
- Orixe: é un líquido escuro e viscoso que foi producido hai millóns de anos a partir de restos biolóxicos de orixe mariña enterrados por capas de sedimentos a bastante profundidade. Está formado por distintos hidrocarburos.
- Extracción: obtense perforando pozos en terra firme ou con plataformas petrolíferas no mar. Ao ritmo actual de consumo calcúlanse reservas de petróleo para uns 100 anos.
- Uso: é a fonte de enerxía máis utilizada na actualidade, como combustible para locomoción en forma de gasolina, gasóleo e fuel; como materia prima para plásticos, disolventes, cauchos, ceras, asfalto, fibras sintéticas e medicinas. Ten un poder calorífico de 40.000 kJ/kg aproximadamente, maior que o do carbón.
O seu transporte en grandes petroleiros pode xerar mareas negras como a do Prestige, e a súa combustión produce dióxido de carbono e óxidos de nitróxeno e xofre, dependendo do tipo de petróleo. Por outra banda, aínda que tamén é relativamente barato, factores xeopolíticos fan que o seu prezo poida variar con rapidez, producindo desequilibrios económicos en moitos países, como o noso.
|
![]() |
Por CONSUMER.es EROSKI. baixo licenza de uso educativo
O gas natural
- Orixe: o gas natural é unha mestura de gases, fundamentalmente de metano, propano e butano, que se formou xunto co petróleo. Atópase nas mesmas bolsas subterráneas de onde se extrae o petróleo.
- Extracción: extráese de pozos subterráneos ou submarinos mediante un proceso similar ao do petróleo. Polo xeral os depósitos de gas natural están lonxe de zonas urbanas, e transpórtase por medio dun tubo subterráneo chamado gasoduto.
- Uso: úsase nas centrais térmicas para producir electricidade e nas vivendas para cociñar, calefacción, auga quente, etc. As súas reservas son similares ás do petróleo aínda que o seu ritmo de consumo é inferior.
|
|
Por CONSUMER.es EROSKI. baixo licenza de uso educativo
Substancias radioactivas: uranio
- Orixe: o uranio é un elemento radioactivo que se usa como combustible nuclear, xa que del se pode obter unha grande cantidade de enerxía debido ás reaccións no núcleo dos seus átomos. O mineral uranio áchase na natureza en cantidades limitadas xeralmente xunto a rochas sedimentarias, polo que é un recurso non renovable.
- Extracción: o uranio que se extrae das minas ten só un 7 % de uranio fisionable (uranio-235) e hai que o enriquecer en máquinas centrífugas.
- Uso: a ruptura dos núcleos de uranio-235 libera unha grande cantidade de calor, que se utiliza para producir a electricidade nas centrais nucleares. A desintegración dun gramo de uranio xera a mesma cantidade de enerxía que 1.700 kg de petróleo ou 2.700 kg de carbón.
Os inconvenientes deste tipo de enerxía nuclear son o seu elevado perigo en caso de accidente (central de Chernobil, central de Fujishima), o seu uso con fins non pacíficos e, sobre todo, que produce residuos altamente radioactivos e perigosos que duran milleiros de anos e son difíciles de almacenar.
|
|
Actividades propostas
S2. Explique as vantaxes e os inconvenientes de usar o carbón como fonte de enerxía.
S3. Que outros produtos se obteñen do petróleo ademais dos combustibles?
S4. Que nome reciben en conxunto o carbón, o petróleo e o gas natural? Por que?
S5. Que vantaxes ten o uso da enerxía nuclear de fisión? Que desvantaxes?
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0

