Saltar navegación

2.3.3 Voluntariado

 

 Forges

É o traballo das persoas que serven á comunidade ou ao medio, por decisión propia e libre, sen recibir nada a cambio.

Este traballo debe caracterizarse por ser desinteresado, intencionado e xustificado. Ademais, nunca debería substituír as iniciativas da administración pública ou da acción social, senón complementalas.

 

Moitas e variadas son as motivacións que levan un individuo a se converter en voluntario: o altruísmo, a calidade de vida, a devolución de favores recibidos, aumentar as relacións sociais ou as posibilidades de traballo (os empresarios valoran a participación dunha persoa en este tipo de tarefas sociais)...

Voluntariado

 

Actividades propostas

S26. Cite algunha acción social que se desenvolva no seu contorno. Participa vostede nalgunha actividade de voluntariado? Descríbaa brevemente. Se non o fai, indique os motivos polos que lle gustaría participar nunha ou os motivos que o levarían a non participar en ningunha organización deste tipo.

S27. A poboación española no ano 2007 acadou a cifra de 40.448.191 de habitantes. Segundo o ministerio correspondente, catro millóns e medio dedícanse a tarefas de voluntariado. Que porcentaxe suporía do total da poboación? Calcúleo. Calcule despois que porcentaxe suporía o voluntariado español respecto da poboación total da Unión Europea, sabendo que no ano 2007 ascendía a 490.426.060 habitantes.

S28. Analice a gráfica sobre colaboración e voluntariado, por rexións do mundo, durante o ano 2005.

 

  • Que rexión ou rexións do mundo están por riba da media mundial (total)?

  • Que rexións están por baixo da media mundial?

  • En que rexión está incluída España?

  • O grao de voluntariado é proporcional á riqueza das rexións?

S29. Na seguinte relación, indique que características dunha asociación son verdadeiras ou falsas:

    • Grupo de persoas.

    • Non poden repartir os beneficios ou excedentes ao final do ano entre os socios.

    • As súas actividades realízanse ao chou.

    • Con ánimo de lucro.

    • Independentes.

    • Funcionamento democrático.

    • Obxectivos e actividades independentes.

S30. Lea o seguinte texto:

 

 

A marcha dos in-voluntarios

"Había un mozo xeneroso que se ofreceu de voluntario nunha asociación que tiña a vontade de axudar, voluntariamente, os involuntariamente desfavorecidos da fortuna. O mozo xeneroso ofreceuse voluntario, etc.

Como era voluntario tiña moi boa vontade pero non moi grande (o tamaño é o de menos). Comprometeuse en acudir á asociación todos os martes, xoves e venres ás seis da tarde.

Na asociación estaban moi contentos coa nova fichaxe porque facía falta a súa colaboración como estudante de economía para levar as contas que naquela asociación (como en case todas) estaban sen xeito.

Pero velaquí que o voluntario, para iso era voluntario e non recibía soldo ningún, aparecía un martes, pero o xoves tiña un partido de tenis ao que non podía faltar e o venres puñan no cineclub da universidade unha interesantísima película que non podía perder.

O martes seguinte o voluntario chegou involuntariamente unha hora e cuarto máis tarde e púxose ao labor con grande entusiasmo. O seguinte xoves chegou só media hora máis tarde e cando estaba no máis arduo da súa tarefa de economista recibiu a chamada de Iolanda: "Pero, non lembras que hoxe é o meu aniversario? -Ai, perdoa!. Deixou os papeis revoltos sobre a mesa e saíu correndo. Estivo na asociación como un cravo os tres días seguintes porque ao chegar o venres notou unha cara algo estraña no coordinador. Pero velaquí que, dúas semanas despois, atopou no xornal o anuncio dun curso intensivo de danza-jazz. Co interese que tiña o voluntario pola cultura afroamericana, a solidariedade co mundo negro, a expresión corporal! Avisou o coordinador: "Non serán máis que dúas semanas... Logo poderei achegar..."

As dúas semanas convertéronse en cinco, pero o martes da sexta apareceu puntualísimo na asociación. Na mesa que el ocupaba normalmente traballaba unha señora maior con lentes finiñas desas de mirar por encima. "Boas tardes".- "Boas tardes", contestou a señora maior e seguiu ao seu.

O coordinador asomouse á porta: "Ola, preséntoche a Dona Rosalía... É contable xubilada que se ofreceu... Vés un momento?

Levouno ao seu despacho.

—Mira é que urxía o asunto das contas e ela, aínda que ás veces ten que traer o seu neto ou se lle pon o home enfermo, ten máis tempo...

—Pero é que eu son voluntario...

—Ben, ben... Hai outra historia para ti. Tivemos reunión os responsables de asociacións non gobernamentais, ONG, fundacións, unións e clubs benéficos, e organizamos algo que che resultará interesante. Apunta este enderezo...

Ao seguinte martes, o voluntario dirixiuse a ese enderezo. Na porta daquela casa da cidade vella había un carteliño: "Asociación de involuntarios", andar 2º, dereita. Estivo a piques de marchar confundido pero gañoulle a curiosidade e subiu. En recepción unha rapaza estaba pondo o abrigo. "Ola, es novo, non? Aquí tes un prospecto da asociación”. Ela foise. Pola sala de recepción cruzaban, entraban e saían mozos e maduros de distinta carrozaría. Leu:

Asociación de involuntarios. Fundación da unión de agrupacións de servizo social. O noso obxectivo é ofrecer un campo de actividades a todos os mozos e adultos inquedos que queiran facer algo (non demasiado) na súa vida.Esta asociación conta con sala de revistas, videoteca, sala de reunións informais... Non hai horario fixo nin regulamento concreto. Pode vostede vir cando lle apeteza e comprometerse na actividade que vostede elixa, aínda que logo as súas múltiples ocupacións e contactos non lle permitan levar a cabo o seu compromiso.

As vantaxes desta asociación son que vostede se sentirá realizado e non deixará empantanada a acción das organizacións que parten o lombo por causas serias en defensa dos desfavorecidos (roubados) da fortuna (os poderosos). Posibles actividades que lle ofrecemos:...

Ao voluntario non lle pareceu mal a idea e íase pór a elixir unha actividade entre a ampla lista. Pero, naquel momento mirou o reloxo. "carafio, as sete e media. Hoxe transmiten o partido Oviedo-Osasuna!"

E saíu, involuntariamente correndo.

Martín Valmaseda. Revista Alandar. nº 116 (marzo 1995)

 

 

  • Que é un voluntario?
  • En que momento o voluntario da historia se converteu en in-voluntario?

S31. Indique, segundo o seu criterio, cales dos seguintes principios deberían cualificar a un voluntario (si/non):

 

Motivacións para o voluntariado

Si

Non

  • A mala conciencia.

 

 

  • A boa vontade de facer algo polos demais

 

 

  • Para suplir as miñas carencias afectivas.

 

 

  • Pola seguridade persoal que dá a pertenza a determinados grupos.

 

 

  • O sentimentalismo

 

 

  • Tempo libre ao dispor dos necesitados.

 

 

  • Polos seus líderes carismáticos.

 

 

  • De xeito desinteresado, sen perseguir tipo de beneficio ningún nin gratificación pola axuda prestada.

 

 

  • Por estar de moda entre os meus compañeiros e amigos.

 

 

  • Non é un pasatempo nin un entretemento sen máis, senón que persegue a satisfacción dunha necesidade real, predefinida, do beneficiario.

 

 

  • Pola persoa notable que mo suxire e un ambiente cálido do grupo que está detrás.

 

 

  • Ser benintencionada, perseguindo un fin e un obxectivo positivo (tentando buscar unha situación de mellora para o outro) e lexítimo.

 

 

  • Por formar parte dunha organización senlleira e exclusivista, cun grupo de persoas con "nome".

 

 

 

 

S32. Na filosofía xaponesa os tres monos sabios indican o camiño para chegar á sabedoría. Identifique cada un deles co seu nome e simboloxía.

 

 

Escultura de Hidari Jingoro

Santuario Toshogu (Nikko-Xapón)

kikazaru = "Non oe"

Negarse a oír

maldades

Mizaru = "Non ve"

Negarse a ver

maldades

Iwazaru = "Non fala"

Negarse a dicir

maldades.

 

Os tres monos amosan unha actitude contraria ao compromiso, que sería o termo que máis claramente definiría o voluntariado. Que é o que precisa ver, oír e falar unha persoa comprometida?

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0