Saltar navegación

2.1.7 Violacións dos dereitos humanos

As violacións dos dereitos humanos son accións levadas a cabo por calquera poder do Estado en contra da dignidade humana ou cando as autoridades actúan con impunidade na investigación e castigo desas violacións.

Tipoloxía das violacións de dereitos

  • Por omisión: cando o goberno non actúa, malia as denuncias de violacións dos dereitos humanos.

  • Por acción: cando calquera autoridade do Estado é a que transgride eses dereitos.

  • Por consentimento: cando por medio dunha terceira persoa se realiza a violación dos dereitos.

Os sistemas políticos totalitarios ou ditatoriais non recoñecen nin respectan os dereitos humanos. E por iso moitas persoas sofren:

  • Represións: detencións ou castigos ás persoas que se manifestan contrarias ao réxime político establecido nun país. Impídese exercer certos dereitos e liberdades, coma os de expresión, reunión, manifestación, asociación, sindicación...

  • Detencións ilegais: é a privación de liberdade a unha persoa polas autoridades, sen que se exerza ningunha acusación sobre ela (feito que a diferencia dun secuestro).

  • Torturas: causar dano físico ou psicolóxico intencionadamente a alguén.

  • Racismo e xenofobia: aínda que ambos os termos están relacionados e adoitan confundirse, non teñen o mesmo significado.

    • Racismo: discriminación dunha persoa pola cor da súa pel ou algunha outra característica física, e co fin de anular os seus dereitos (ideoloxía de superioridade).

    • Xenofobia: odio, noxo ou hostilidade cara aos estranxeiros (sentimento de rexeitamento).

  • Marxinación da muller: a maior parte das culturas son patriarcais, porque nelas as mulleres deben ser submisas ao seu home, negándoselles os dereitos máis fundamentais. A Declaración Universal dos Dereitos Humanos proclamou a igualdade entre os dous sexos, garantindo por igual os dereitos económicos, políticos, sociais, civís e culturais. Iso non quere dicir que en todos os países se respecten. Foi por iso que a ONU aprobou o 20 de decembro de 1952 o Convenio sobre os dereitos políticos da muller.

  • Persecución: accións represivas ou de maltrato continuado exercidas sobre persoas que se perciben como diferentes por motivos ideolóxicos ou relixiosos (o agresor culpa a vítima). A opresión sobre grupos minoritarios pode levar a secuestros de nenos e mulleres, asasinatos, xenocidios, desprazamentos de poboacións (refuxiados)...

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0