Saltar navegación

2.3.2 Asociacionismo

 

Unha asociación é un conxunto de persoas (socios) que se agrupan para alcanzar uns obxectivos comúns, actuando dun modo coordinado. Os fins e as accións das asociacións plásmanse nuns documento chamados estatutos, e os acordos que toman rexístranse nunhas actas.

 

Artigo 22. Recoñécese o dereito de asociación. (...) As asociacións só poderán ser disolvidas ou suspendidas nas súas actividades en virtude de resolución xudicial motivada.

Constitución Española

 

 

O asociacionismo parte da base de que, coa participación social, é posible transformar a realidade e mellorar os espazos públicos. A súa actuación baséase na organización e planificación de accións, reflexionadas e democráticas, por un colectivo de persoas constituídas como entidade pública ou asociación sen ánimo de lucro, coa finalidade de mellorar a calidade de vida do barrio, da cidade, do pobo, do país...

Nestas organizacións debe presuporse a independencia total dos poderes do Estado, dos partidos políticos ou das empresas.

Os acordos das asociacións plásmanse nunha acta fundacional da súa asemblea, na que participan todos os promotores, e nuns estatutos, que deben rexer o seu desenvolvemento.

Tipos de asociacións

  • Xuvenís: os seus membros (máis de tres) teñen idades comprendidas entre os 14 e os 30 anos, sen ánimo de lucro. Os participantes comprométense a pór en común os seus coñecementos e medios dispoñibles para a realización de actividades que consideren precisas para a obtención dos mesmos obxectivos.

  • Deportivas: conxunto de persoas que se unen para fomentar a práctica do deporte (simplemente para o pasar ben ou con ánimo de fomentar o deporte de base).

  • De pais e nais de alumnado (ANPA): teñen como finalidade crear e manter unha colaboración eficaz cos equipos directivos dos colexios, co profesorado e co alumnado para conquistar un ensino de calidade e que permita o desenvolvemento da personalidade humana, respectando os principios democráticos de convivencia, e os dereitos e as liberdades que recolle a Constitución Española de 1978. Ten como órganos de participación a asemblea xeral ordinaria e a xunta directiva.

  • De estudantes: refírense exclusivamente aos niveis de ensino secundario e universitario.

  • Agrarias: co fin de promover a modernización das estruturas agroalimentarias, favorecer a formación das persoas implicadas nos procesos de produción e xestionar os recursos axeitadamente.

  • Culturais: termo xenérico que define calquera asociación cuxos obxectivos non teñen unha clasificación nidia.

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0