Saltar navegación

2.1.4 Antecedentes da Declaración Universal dos Dereitos Humanos

Os historiadores non concordan no momento histórico en que se plasmaron por escrito os dereitos e os deberes que asistían ás persoas. Entre estas teorías destacan as que din:

  • Que se atopa no mundo clásico. Os códigos de leis máis antigos que se conservan son a columna de diorita negra sumeria coñecida como o Código de Hammurabi (século XVIII a.C.) e o Cilindro de Ciro (539 a.C.).

Hammurabi

Non lle fixen mal á filla do pobre, non oprimín á viúva, non molestei o labrego, non maltratei o pastor.

Cando chegaron os anos da fame traballei todas as leiras da provincia de Oryx, desde as fronteiras do norte ata as do sur.

Tomei as medidas para que os seus habitantes fixeran provisións para sobrevivir e que ninguén pasase fame.

Deille á viúva o mesmo que á que tiña marido. Non favorecín máis o adulto que o rapaz

Estela de Hammurabi.

Museo do Louvre

Amenenhat, gobernador da provincia de Oryx.

Comezos do segundo milenio a.C.

 

  • Que é consecuencia do cristianismo (Tomás de Aquino, século XIII).

  • Que o recoñecemento xorde a comezos da Idade Moderna (John Locke, século XVII).

 Centrándonos nos tempos contemporáneos, que é cando estes dereitos van a ser teorizados, escritos e aplicados, consideraremos:

 

  • Declaración de Independencia dos EEUU: o primeiro país onde triunfaron as ideas da Ilustración.

"Sostemos como evidentes por si mesmas estas verdades: que todos os homes son creados iguais; que son dotados polo seu Creador de certos dereitos inalienables, como a Vida, a Liberdade e a procura da Felicidade; (...) que os gobernos derivan os seus poderes lexítimos do consentimento dos gobernados; que cando unha forma de goberno se faga destrutora destes principios, o pobo ten o dereito a reformala, ou abolila, e instituír un novo goberno que se funde neses principios, e a organizar os seus poderes na forma que ao seu xuízo ofrecerá as maiores probabilidades de acadar a súa seguridade e felicidade."

Preámbulo da Declaración no Congreso das Trece Colonias de América (4 de xullo de 1776

 

  • Declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán: nos primeiros días da Revolución Francesa, e baixo o lema liberdade, igualdade e fraternidade.

 

  • 1. Os homes nacen e permanecen libres e iguais en dereitos.

  • 2. A finalidade de todas as asociacións políticas é a protección dos dereitos naturais e imprescritibles do home; e eses dereitos son a liberdade, a propiedade, a seguridade e a resistencia á opresión.

  • 3. A liberdade consiste en poder facer todo aquilo que non dane a un terceiro.

  • 9. Todo home ha de ser tido por inocente ata que sexa declarado culpable.

Declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán. Francia, 26 de agosto de 1789

 

 

 

  •  Declaración dos Dereitos da Muller e da Cidadá. Durante a Revolución Francesa, a escritora Olympe de Gouges, madame Roland e a actriz Claire Lacombe, entre outras mulleres, proclamaron estes dereitos, como protesta ante o feito de que a revolución non lles recoñecese a igualdade de mulleres e homes. Defendían a igualdade entre o home e a muller, reivindicaban o dereito ao voto, a traballar na vida pública, a acceder aos cargos públicos, a ter propiedades e a formar parte do exército.
  • Convenio da Haia: regula os dereitos e deberes en tempo de guerra.

 

"Artigo 1.- Co fin de evitar, na medida do posible, recorrer á forza nas relacións entre os Estados, as Potencias signatarias comprométense a usar os seus mellores esforzos para asegurar a solución pacífica das diferenzas internacionais.
Artigo 2.- En caso de desacordo ou conflito, antes dun chamamento ás armas, as potencias asinantes acordan recorrer, na medida en que as circunstancias o permiten, aos bos oficios ou á mediación dun ou máis Potencias amigas.

Conferencia da Haia, As leis da guerra. 1899

 

  • Oficina Internacional do Traballo (OIT, 1919). É un organismo das Nacións Unidas, fundado nas negociacións do Tratado de Versalles, para regular o mundo do traballo e das relacións laborais.

  • I, a. O traballo non é unha mercadoría.

  • I, b. A pobreza constitúe un perigo para a prosperidade de todos.

  • II, b. Todos os seres humanos teñen dereito a perseguir o seu benestar material e o seu desenvolvemento espiritual en condicións de liberdade e dignidade, de seguridade económica e en igualdade de oportunidades.

  • II, d. Incúmbelle á OIT examinar e considerar calquera programa ou medida internacional de carácter económico e financeiro e fomentar o pleno emprego.

Constitución da OIT (1919) e Anexo da Declaración de Filadelfia (1944)

 

  • Declaración dos Dereitos do Neno: xorde no ano 1923 en Xenebra ao ser adoptada pola International Save the Children Union.

 

 

Save the Children

  • 1. O neno debe ser posto en condicións de desenvolverse normalmente desde o punto de vista material e espiritual.

  • 2. O neno famento debe ser alimentado; o neno doente debe ser atendido; o neno deficiente debe ser axudado, o neno desadaptado debe ser radicado; o orfo e o abandonado deben ser recollidos e axudados.

  • 3. O neno debe ser o primeiro en recibir socorro en caso de calamidade.

  • 4. O neno debe ser posto en condicións de gañar a vida e debe ser protexido de calquera explotación.

  • 5. O neno debe ser educado inculcándolle o sentimento do deber que ten de pór as súas mellores calidades ao servizo dos semellantes.

 

 

Pretendía dar solucións aos problemas da infancia e aos perigos que moitos nenos e nenas sufrían no mundo, recoñecía que os nenos son o mellor que ten a humanidade, e declaraba o deber de protexelos, alén da raza, a nacionalidade e as crenzas, tomando como referencia catro principios:

    • Non discriminación.

    • Interese superior dos nenos.

    • Supervivencia e desenvolvemento.

    • Participación.

 

O 20 de novembro de 1959 a Asemblea Xeral da ONU proclamou a Declaración Universal dos Dereitos dos Nenos e das Nenas. Con eles pretendíase dar solucións aos problemas da infancia e aos perigos que moitos nenos e nenas sufrían no mundo.

Na actualidade aínda moitos nenos viven nunha situación de desamparo: conflitos armados, escravitude, explotación sexual...

 

 Neno traballando Nena
  • Artigo 1. O neno gozará de todos os dereitos enunciados nesta declaración.

Estes dereitos serán recoñecidos a todos os nenos sen excepción ningunha nin distinción ou discriminación por motivos de raza, cor, sexo, idioma, relixión, opinións políticas ou doutra índole, orixe nacional ou social, posición económica, nacemento nin outra condición, xa sexa do propio neno ou da súa familia.

  • Artigo 2. O neno gozará dunha protección especial e disporá de oportunidades e servizos, dispensado todo iso pola lei e por outros medios, para que poida desenvolverse física, mental, moral, espiritual e socialmente en forma saudable e normal, así como en condicións de liberdade e dignidade. Ao promulgar leis con este fin, a consideración fundamental a que se atenderá será o interese superior do neno.

  • Artigo 3. O neno ten dereito desde o seu nacemento a un nome e a unha nacionalidade.

  • Artigo 4. O neno debe gozar dos beneficios da seguridade social. Terá dereito a crecer e desenvolverse en boa saúde; con este fin deberán proporcionarse, tanto a el como á súa nai, coidados especiais, ata atención prenatal e posnatal. O neno terá dereito a gozar de alimentación, vivenda, recreo e servizos médicos adecuados.

  • Artigo 5. O neno física ou mentalmente impedido ou que sufra algún impedimento social debe recibir o tratamento, a educación e o coidado especiais que require o seu caso particular.

  • Artigo 9. O neno debe ser protexido contra toda forma de abandono, crueldade e explotación.

Declaración Universal dos Dereitos dos Nenos e das Nenas

 

 

  • Convenio internacional para a supresión da escravitude (Xenebra, 25/IX/1926). Asínase para rematar cunha das prácticas máis infames da historia da humanidade.

 

Artigo 2. As Altas Partes contratantes obríganse, se non tomaron aínda as medidas necesarias:

  • a) A previr e a reprimir a trata de escravos.

  • b) A procurar dun xeito progresivo, e tan rápido como sexa posible, a supresión completa da escravitude en todas as súas formas

Preámbulo da Declaración no Congreso das Trece Colonias de América (4 de xullo de 1776

 



Actividades propostas

S9. No longo camiño percorrido ata a Declaración Universal dos Dereitos Humanos en 1948, cite os avances previos máis significativos.

S10. Relacione a declaración de independencia das Trece Colonias e a Declaración dos Dereitos de 1789 e saque os elementos comúns.

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0