2.1.6 Xeracións de dereitos
O longo camiño percorrido para o seu recoñecemento deu lugar a unha ampla variedade de dereitos, o que nos permite unha clasificación:
-
Primeira xeración. Parte da Revolución Francesa e da Declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán de 1789, na que se recoñecía: Liberdade, Igualdade e Fraternidade. Os dereitos civís e políticos nacen da loita contra o abuso de poder por parte das autoridades, pois o Estado debe ser o garante do respecto aos dereitos e liberdades das persoas. Estes dereitos foron recoñecidos no Pacto Internacional dos Dereitos Civís e Políticos en 1966.
Nesta xeración de dereitos destacan os dereitos á vida; á integridade física e moral; á liberdade persoal; á igualdade ante a lei; á liberdade de pensamento, de conciencia e relixión; liberdade de movementos e de nacionalidade; participación na vida política, participación na elección ou ser elixido para cargo público; afiliarse a asociacións ou partidos e a participar nas eleccións democráticas.
-
Segunda xeración. Xorde da segunda Revolución Industrial, na procura de xustiza social e benestar común. A loita estivo protagonizada por obreiros, campesiños e intelectuais. Son dereitos económicos, sociais e culturais, como por exemplo: a seguridade social; o dereito ao traballo; a igualdade salarial por igual traballo, remuneración equitativa; a existencia de sindicatos e o dereito a afiliarse; descanso e tempo de lecer; nivel de vida axeitado (alimentación, vestido, vivenda e asistencia sanitaria); protección en caso de vellez, invalidez, enfermidade, desemprego, maternidade; protección da infancia; a educación.
-
Terceira xeración. Aparece a partir da Guerra Fría. Destacan: a descolonización e prevención de discriminacións; a liberdade dos pobos (política, económica, social e cultural); dereito dos pobos a exercer o control dos seus recursos naturais; a paz e a seguridade internacional; o desenvolvemento integral do ser humano.
-
Cuarta xeración. É unha nova clasificación de dereitos que xorde da necesidade dos novos movementos sociais. Por exemplo: protección do medio, dereitos dos homosexuais, bioética, novas tecnoloxías...
Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0