Saltar navegación

2.1.1 A Evolución histórica do papel da muller

 

 Loita das mulleres pola igualdade

Algúns historiadores destacan que a situación de exclusión social e de asoballamento da muller é case tan antiga como a propia humanidade. Ao longo da historia os papeis que desempeñaron homes e mulleres sempre estiveron moi definidos, prevalecendo as situacións de sometemento das mulleres aos homes.

Mentres o sistema de produción se baseou na forza física humana e a maternidade foi a principal función da muller, a igualdade de dereitos cos homes non se suscitou. A muller, fisicamente distinta e economicamente dependente, estaba destinada ás tarefas do fogar, e era considerada en teoría e na práctica como inferior ao home.

 

 

O noso estado social non deixa ver o que de si poden dar as mulleres. Parecen destinadas exclusivamente a dar a luz e dar de mamar os fillos, e ese estado de servidume destruíu nelas a facultade das grandes cousas (…) De aquí provén a miseria que devora as nosas cidades.

Averroes (1126-1198): Disertacións e opúsculos

 

 

Para soster esta situación de desigualdade creáronse uns valores ideolóxicos para que a muller se sentise satisfeita co seu papel de esposa e nai.

 

A través de toda a vida, a función da muller é servir. Cando Deus fixo o primeiro home pensou "non é bo que o home estea só". E formou a muller para a súa axuda e compañía, e para que servise de nai. A primeira idea de Deus foi "o home". Pensou na muller despois, como un complemento necesario, isto é, como algo útil.

Formación do Espírito Nacional. 1962

 

Pero foi a partir da Revolución Industrial (a forza humana deixa de ter importancia) e do avance da ciencia (que axudou a controlar a natalidade) cando a función atávica da muller deixa de ter importancia, e comeza a posibilidade de desenvolverse en todos os campos da actividade humana.

 

A min paréceme que o apartamento da muller da vida pública débese ao desexo de mantela sometida na vida familiar, porque a maioría da poboación masculina non soporta aínda a idea de vivir cunha persoa en condicións de igualdade.

Stuart Mill, John (1806-1873): A escravitude da muller

 

Por iso, a finais do século XIX, nas sociedades máis industrializadas (o Reino Unido e os EEUU) suscitouse por primeira vez a loita das mulleres por alcanzar os seus dereitos civís e políticos, que comezarán a ser recoñecidos nas primeiras décadas do século XX.

Coa mobilización dos homes durante a I Guerra Mundial, os traballos nas fábricas foron asumidos polas mulleres, algo considerado tradicionalmente como propio dos homes. A partir de agora, a suposta inferioridade da muller para o desenvolvemento de determinados traballos xa non puido sosterse por máis tempo.

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0