Saltar navegación

2.1.2 Unha sufrida existencia

Aínda que hoxe nos sexa moi difícil de imaxinar, ata hai moi pouco tempo, a vida de case a totalidade da poboación estaba sometida a unha serie de abusos e de violencias por parte de quen exercía o poder, que para nós sería insoportable.

Todo parte dun momento da Prehistoria coñecido como Neolítico, hai máis ou menos dez mil anos, cando unha minoría de persoas (non máis do 5 por cento da sociedade) se fai co poder e abusa del, monopoliza a posesión da riqueza e somete con extrema dureza e rigor ao resto da sociedade.

 

A liberdade -dixo don Quixote a Sancho- é un dos máis preciosos dons que aos homes deron os ceos: con ela non poden igualarse os tesouros que encerra a terra nin o mar encobre; pola liberdade así como pola honra pódese e débese aventurar a vida.

Cervantes, Miguel de (1547-1616). Don Quixote da Mancha

 

 

Abóndanos con lembrar que, por exemplo, na avanzada civilización grega, considerada como o berce da democracia, dúas de cada dez persoas estaban sometidas á escravitude; a proporción era semellante na civilización romana. Pensemos nos servos da Idade Media, ou, xa no século XIX, nos altos niveis de miseria nos que vivía o proletariado industrial. Ata aquí algunha mostra das condicións materiais de vida.

Que se pode dicir do que hoxe coñecemos como dereitos humanos? A resposta é que ata hai pouco máis de dous séculos practicamente non existiron, e que aínda hoxe falta moito camiño para alcanzar a meta da súa total implantación. Valla como exemplo, no pasado e na actualidade, o seguinte:

  • Ata hai pouco máis dun século, expresar de palabra calquera opinión en contra de calquera autoridade, civil ou relixiosa, comportaba sempre tortura ou mesmo a morte con moito sufrimento.

  • Toda persoa con autoridade podía violentar a porta de calquera domicilio.

  • Se alguén nos tiña xenreira e nos acusaba falsamente dalgún delito, abondaba coa denuncia como proba; é dicir, eramos culpables entanto que non se demostrase o contrario.

  • A finais do século XIX, cando se estaban a implantar os sistemas democráticos en Europa Occidental, varios adolescentes do Reino Unido, fillos de proletarios famentos, foron condenados á forca por roubaren un coello co que alimentar a súa familia.

  • Na década de 1960, os cidadáns dos EE UU de cor negra tiñan a obriga de deixar o seu asento de autobús a un branco.

  • Se examinamos a realidade mundial a comezos do século XXI, vemos que hai 1.200 millóns de persoas que viven con menos dun dólar ao día, que todos os días morren 100.000 persoas de fame ou das súas consecuencias inmediatas e que cada cinco minutos morre de fame un neno de menos de 10 anos.

A diario, os medios de comunicación nos informan de violacións dos dereitos humanos.

 

 Mapa da liberdade

Mapa da liberdade, 2008 (verde: libre; amarelo: parcialmente libre; violeta: non libre)

[www.freedomhouse.org]

 

 

  • Se nos centramos na metade da poboación, desde o Neolítico ata hoxe, vemos que a situación da muller foi e segue a ser aínda peor que a dos homes.

  • E ademais... a eterna presenza da guerra.

 

Partimos de dous feitos evidentes e contraditorios: o exercicio dos dereitos humanos corresponde ao home, individual ou colectivamente considerado; pero a súa garantía, defensa e posta en práctica pertence aos Estados ou aos grupos políticos ou económicos que dispoñen de forma efectiva dos resortes do poder. É unha constante histórica que o poder se exerce case sempre en beneficio único e exclusivo de aqueles que o monopolizan. Xa que logo, os dereitos humanos, teoricamente universais, son, na práctica, manipulados arbitrariamente polos poderosos. Só onde e cando os cidadáns participan efectivamente no exercicio do poder, o gozo dos dereitos humanos pode cobrar auténtica realidade.

Barreiro Barreiro, Clara: Derechos humanos. Ed. Salvat. Colec. Aula Abierta. 1985 [tradución]

 

 

 

Actividades propostas

S1. En que se fundamenta a existencia dos Dereitos Humanos?

S2. En que momento comeza o abuso dunha minoría de persoas sobre o resto da poboación?

S3. Tire as ideas básicas do texto do Quixote. Diga se esas ideas se adiantan ao seu tempo e por que.

S4. Cite exemplos de abusos contra os dereitos básicos das persoas ao longo da historia e na actualidade. En Grecia, berce da civilización occidental, eran realmente libres todas as persoas? Por que?

S5. Considerando toda a humanidade, que grupo sufriu aínda máis marxinación?

S6. Indique as ideas principais do texto de Clara Barreiro Barreiro.

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0