Saltar navegación

2.2.2 Un longo camiño cara á emancipación

Non podemos sinalar con exactitude cando as mulleres se rebelaron contra a súa discriminación e comezaron a loita pola súa emancipación. As ideas da Ilustración, no século XVIII, poden considerarse como o inicio do movemento da liberación da muller.

  • Aínda que a Revolución Francesa propugnaba a igualdade e a liberdade, non supuxo a igualdade de dereitos das mulleres. Por iso, un grupo delas escribiu a Declaración dos Dereitos da Muller e da Cidadá, conscientes da marxinación que seguían a sufrir.

1. A muller nace libre e permanece igual ao home en dereitos.

2. O obxectivo de toda asociación política é a conservación dos dereitos naturais e imprescritibles da muller e do home; estes dereitos son a liberdade, a propiedade, a seguridade e, sobre todo, a resistencia á opresión."

Gouges, Olympe de: Declaración dos Dereitos da Muller e da Cidadá. 1789-1791

 

  • Coa Revolución Industrial e o ascenso da burguesía ao poder económico e político, a marxinación da muller incrementouse:

    • Por unha banda, as mulleres burguesas convértense en obxectos pasivos para a compracencia dos homes da súa clase.

    • Por outra, as obreiras pasan a traballar no ambiente embrutecedor das fábricas.

  • As ideoloxías socialistas, nas vertentes anarquista e socialista, ocupáronse da situación de opresión que sufría a muller.

 Interior ao aire libre

Pintura de Ramón Casas: Interior ao aire libre. 1892

 

Só son libre cando todos os seres humanos que me rodean, homes e mulleres, son igualmente libres. A liberdade doutra xente, lonxe de poñerme límites, ou de ser a negación da miña liberdade, é, polo contrario, tan necesaria para a súa existencia como unha confirmación da mesma.

A muller segue a ser escrava do fogar, a pesar de todas as leis liberadoras, porque está angustiada, oprimida, embrutecida, humillada polas pequenas faenas domésticas, que a converten en cociñeira, e en aia, que malgastan a súa actividade nun traballo absurdamente improdutivo, mesquiño, enervante, embrutecedor e molesto (...)

Bakunin, M. (1814-1876), teórico anarquista

Lenin: Unha gran iniciativa

 

  • Durante o século XIX a loita das primeiras feministas centrouse en:

    • Acceder plenamente ao mundo da educación en igualdade cos homes.

    • Acadar a igualdade profesional sen exclusións.

    • Obter o dereito ao voto.

A partir deste momento, o espertar das mulleres foi un proceso irreversible.

 

Ao examinar os dereitos da muller debemos considerar, en primeiro lugar, o que lle corresponde como individuo, nun mundo que é seu, o árbitro do seu propio destino, un Robinson Crusoe imaxinario coa súa muller Venres nunha illa solitaria. Nestas circunstancias os seus dereitos son utilizar todas as súas facultades en favor da súa propia seguridade e felicidade.

En segundo lugar, se a consideramos como cidadá, como membro dunha gran nación, debe ter os mesmos dereitos que os demais membros, segundo os principios fundamentais do noso goberno.

En terceiro lugar, vista como muller, como factor igual na civilización, os seus dereitos e deberes son tamén os mesmos: a felicidade e o desenvolvemento individual.

E, en cuarto lugar, son unicamente as relacións incidentais da vida, como ser nai, esposa, irmá, filla, as que puidesen implicar algúns deberes e preparación especiais.

Cady Stanton, líder da NWSA. 1892

 

  • Dinamarca (1910): declaración do 8 de marzo como Día Internacional da Muller Traballadora. Este día conmemora a morte de 129 mulleres en 1908 nun incendio na fábrica Cotton de Nova York; o incendio foi provocado polos donos da fábrica, que non aceptaron a folga polas discriminacións que sufrían as mulleres con respecto aos homes.

  • Na loita pola obtención do dereito ao voto (movemento sufraxista), as mulleres dos EEUU alcanzárono na súa totalidade en 1920.

 

 Detención

No Reino Unido, o sufraxismo está representado en Emmeline Pankhurst e as súas fillas, que en 1903 fundaron a Unión Social e Política de Mulleres para loitar pola igualdade de dereitos civís.

Habería que esperar a 1928 para conseguir o dereito ao voto.

detención de Emmeline Pankhurst

 

Noutros países, entre 1917 e 1931 obteñen tamén este dereito: os Países Baixos, Rusia, Austria, Chile, Polonia, Suecia, Alemaña, Luxemburgo, o Reino Unido e España.

  • As ideoloxías autoritarias, fascismo e nazismo, foron as que máis reduciron o papel social das mulleres ás súas funcións tradicionais, impoñéndoas dun modo autoritario.

Por moi amplas que poidan ser as esferas de actividade da muller, o obxectivo final e lóxico atópase sempre na formación da familia. É a unidade máis pequena, pero a máis valiosa dentro da organización de toda a estrutura do Estado. O traballo ennobrece tanto á muller como ao home; pero o fillo ennobrece á nai.

Hittler. A miña loita

 

  • O 20 de decembro de 1952 a Asemblea Xeral da ONU aprobou o Convenio sobre os Dereitos Políticos da Muller:

Desexando pór en práctica o principio da igualdade de dereitos de homes e mulleres, enunciado na Carta de Nacións Unidas,

Recoñecendo que todas as persoas teñen dereito a participar no goberno do seu país directamente ou por conduto de representantes libremente escolleitos, e a iguais oportunidades de ingreso no servizo público do seu país; e desexando igualar a condición do home e da muller no exercicio dos dereitos políticos, consonte as disposicións da Carta das Nacións Unidas e da Declaración Universal de Dereitos Humanos,

Tendo resolto concertar unha convención con tal obxecto,

Conveñen pola presente nas disposicións seguintes:

Artigo I.- As mulleres terán dereito a votar en todas as eleccións en igualdade de condicións cós homes, sen discriminación algunha.

Dereitos Políticos da Muller

 

Entre os compromisos aceptados polos asinantes desa declaración están a condena de calquera discriminación contra a muller, o recoñecemento da protección xurídica dos seus dereitos e a adopción de medidas sancionadoras para lograr a igualdade de dereitos co home. Pero en novembro de 1967 a ONU proclamou a Declaración sobre Eliminación da Discriminación da Muller, dezanove anos despois da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, porque estes últimos se converteran en papel mollado no relativo á muller:

 

Malia os progresos na igualdade de dereitos, segue a existir unha considerable discriminación en contra da muller.

Declaración sobre a Eliminación da Discriminación da Muller. 1967

 

Nesta declaración afírmase que esta situación é fundamentalmente inxusta e que constitúe unha ofensa á dignidade humana. Ao mesmo tempo recomenda adoptar medidas para abolir leis, costumes e prácticas que discriminen as mulleres, e educar para acabar cos prexuízos baseados na idea da súa inferioridade.

Na actualidade poderíase dicir que nos países occidentais se alcanzou a igualdade no campo dos dereitos civís, aínda que a súa translación á vida cotiá dista de ser completa, sendo a miúdo moi deficitaria.

Actividades propostas

S15. Cando comeza o sometemento da muller? Tradicionalmente, que funcións tiña asignadas? Resuma as ideas básicas expresadas no texto de Averroes e no texto tomado da materia Formación do Espírito Nacional.

S16. Que cambios supuxo para a muller a Revolución Industrial. Que opina John Stuart Mill das causas do sometemento da muller? Que feito provocou que non se puidese seguir xustificando por máis tempo a situación marxinal da muller?

S17. Que ideoloxía pon as bases para a liberación da muller? Por que a Revolución Francesa non solucionou a súa marxinación?

S18. Nos seus textos respectivos, desde que punto de vista analizan Bakunin e Lenin a situación da muller?

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0