1.Introdución
1.1 Descrición da unidade didáctica
Esta unidade denomínase A lingua como instrumento de aprendizaxe. Por iso, analizaremos as principais técnicas de traballo intelectual (resumos, esquemas, subliñado...) e as estratexias de autoavaliación e de autocorrección máis eficaces. Ademais, como a lingua é unha ferramenta imprescindible do coñecemento en todos os ámbitos, reflexionaremos sobre textos habituais no ámbito académico (argumentativos e científicos), atendendo ao uso dos conectadores e aos esquemas sintáctico e semántico das oracións. Como exemplos de mensaxes cunha expresión especialmente coidada, que nos servirán de modelo, tamén leremos obras da literatura hispanoamericana do século XX e identificaremos as súas características principais. É recomendable que cada día traballe con ela entre unha e dúas horas.
-
Ademais, debe ter en conta as seguintes puntualizacións:
-
A unidade ten textos e exercicios en galego e castelán, en dúas partes ben diferenciadas. Ambas as linguas, xunto coa estranxeira, integran o ámbito da comunicación.
-
Na unidade hai dous tipos de textos ou contidos: uns levan a etiqueta "aspectos teóricos", e son os que debe comprender e memorizar; outros carecen desa etiqueta, e son os que debe ler, comprender e comentar (aparecen precedidos do símbolo &).
-
Os contidos e exercicios van clasificados en bloques ou partes, relacionados con distintos aspectos do estudo da lingua: comunicación oral, comunicación escrita, coñecemento da lingua, lingua e sociedade e educación literaria.
-
Logo de rematada a unidade deberá ser quen de:
-
Usar estratexias que faciliten a recollida de información: apuntamentos, subliñados, guións, fichas temáticas e resumos.
-
Consolidar certas estratexias de lectura xa utilizadas, como a identificación do tema dun texto escrito co apoio contextual que este conteña.
-
Elaborar esquemas en que se identifique a xerarquización adecuada das ideas.
-
Nos textos argumentativos, analizar os argumentos para saber se se captou a mensaxe principal e a súa estrutura.
-
Compor textos expositivos e argumentativos, elaborados a partir de diversas fontes.
-
Comprender e analizar o uso das dúas linguas do ámbito nos documentos científicos e académicos.
-
Recoñecer os esquemas semántico e sintáctico das oracións.
-
Construír e transformar enunciados de acordo cun esquema sintáctico dado.
-
Usar correctamente a terminoloxía sintáctica.
-
Coñecer as características xerais, os autores máis importantes e algunhas obras da literatura hispanoamericana do século XX.
-
Ler e comprender fragmentos de novelas ou contos hispanoamericanos do s. XX.
-
Ler e comprender poemas valorando a función dos elementos simbólicos e dos recursos retóricos e métricos presentes neles.
-
Usar estratexias para a comprensión das relacións entre cine e literatura.
-
Crear textos de intención literaria partindo das características dos traballados ao longo das unidades.
Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License