1.25 Contidos en lingua galega
Comunicación escrita: técnicas de traballo intelectual
-
Apuntamentos: consiste en tomar notas por escrito dos fragmentos máis salientables da información que estamos recibindo.
-
Subliñado: consiste en destacar mediante un trazo (liñas, raias ou outros sinais) as frases esenciais e as palabras claves dun texto.
-
Guión: escrito no que breve e ordenadamente se apuntan ideas co obxecto de que sirva de guía para un determinado fin.
-
Resumo: breve redacción que recolle as ideas principais do texto. Debemos utilizar o noso propio vocabulario.
-
Fichas temáticas: recollen de xeito ordenado e sistematizado os datos máis salientables extraídos previamente dun texto, unha lección, etc. Son de tamaño rectangular e o seu contido pode variar en función das nosas necesidades.
É moi importante empregar estratexias de autoavaliación e de autocorrección para mellorar no rendemento académico.
Coñecemento da lingua: a conexión nos textos
Os conectadores son fundamentais nos textos, porque axudan a establecer a relación semántica que existe entre os diferentes enunciados.
Poden expresar causa (por todo isto, porque, pois, xa que...), consecuencia (así pois, por tanto, xa que logo...), condición (a non ser que, salvo que, se...), adición (e, ademais, mesmo...), oposición (pero, non obstante, porén, en cambio, pola contra...), explicación (é dicir, mellor dito...) ou orde do discurso (para empezar, por último, para rematar...)
Lingua e sociedade: etapas da historia social da lingua galega desde comezos do s. XX
-
Período de emerxencia e modernización, coa fundación da Real Academia Galega (1906), a creación das Irmandades da Fala e a Xeración Nós. Esta última tivo como obxectivos introducir a literatura galega en todos os ámbitos académicos, europeizala e, en definitiva, darlle un carácter contemporáneo e moderno.
-
Etapa franquista (1936-1975). Época de represión na que escribir en galego era unha tarefa complicada A editorial Galaxia publicou libros en galego e permitiu que o vieiro iniciado polo grupo Nós tivese certa continuidade durante unha boa parte da ditadura. Tamén sobresae o pulo do galeguismo no exilio.
-
Desde 1975. O Estatuto de Autonomía (1980) recolle a oficialidade do galego, incorporado ao sistema educativo e aos medios de comunicación.
Bloque de educación literaria: cine e literatura
O cine e a literatura teñen obxectivo común: contar historias Un dos seus elementos básicos é o mesmo: a palabra. Pero a linguaxe da literatura baséase na escrita e a do cine nas imaxes e no son. O cine inspirouse en temas, formas, técnicas, xéneros, etc., da literatura. A linguaxe cinematográfica ten unha capacidade de síntese excepcional.
Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License