1.2 Técnicas de traballo intelectual (aspectos teóricos)

 Normalmente, cando procuramos información en diversas fontes documentais para realizarmos un traballo específico só nos interesa un fragmento concreto do atopado, no que se fala do tema que buscamos. Outras veces, aínda sendo útil toda a información dispoñible, esta é moi extensa e debemos comprimila ou resumila para que se adapte ás pretensións do noso traballo. Nestes casos é cando nos pode ser moi útil recorrer a unha ou a varias das estratexias que existen para a recollida de información. As máis útiles son:

  • Apuntamentos: consiste en tomar notas por escrito dos fragmentos máis salientables da información que estamos vendo, oíndo ou lendo. Por exemplo, cando o profesor explica na clase un tema e vostede vai collendo apuntamentos do que di segundo lle pareza importante ou non a información da que fala.

  • Subliñado: consiste en destacar mediante un trazo (liñas, raias ou outros sinais) as frases esenciais e as palabras claves dun texto. Que debemos subliñar? A idea principal dun texto ou parágrafo, palabras técnicas ou específicas do tema que estamos a estudar e algún dato salientable que nos permita unha mellor comprensión. Nunca se debe subliñar nunha primeira lectura, convén ler o texto antes dúas ou tres veces.

  • Guión: o guión é un escrito no que breve e ordenadamente se apuntaron algunhas ideas ou cousas co obxecto de que sirva de guía para un determinado fin. Por exemplo: se ten que dar unha charla sobre un tema calquera pode apuntar nun papel as ideas principais sobre as que vaia xirar a exposición; deste xeito, halle ser máis doado seguir unha secuencia de ideas evitando as repeticións ou os erros involuntarios.

  • Resumo: logo de ler un texto, comprendelo adecuadamente e subliñar nel as palabras técnicas ou ideas principais necesarias, é cando debemos proceder a realizar un resumo del. Resumir é realizar unha breve redacción que recolla as ideas principais do texto, mais utilizando o noso propio vocabulario.

  • Fichas temáticas: nunha ficha temática recóllense de xeito ordenado e sistematizada os datos principais ou máis salientables extraídos previamente dun texto, lección, etc. Son de tamaño rectangular e o seu contido pode variar en función das nosas necesidades. Por exemplo: acabamos de ler un capítulo extenso dunha novela e queremos ter claro os personaxes que interveñen, quen son, de que falan, lembrarnos do significado de certas palabras que tivemos que procurar no dicionario, resumir o seu contido, etc. Pois para isto poderíamos realizar unha ficha temática como a que segue:

    Título do capítulo

    Resumo:



     

    • Personaxes principais

    • Eva

     

    • Raquel

     

    • Xabier

     

    • Personaxes secundarios

    • Pedro

     

    • Verónica

     

    • Significado de:

    • Paupérrimo

     

    • Adusto

     

Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License