1.6 Autoavaliación e autocorrección (aspectos teóricos)

 Hai veces que por máis que estudemos un determinado tema visto na clase non logramos comprendelo adecuadamente. Noutras ocasións cremos que o entendemos pero á hora de realizar exercicios relacionados con el, decatámonos que non é así. Estas situacións pódense extrapolar a calquera situación laboral ou a outros aspectos da vida cotiá. No caso que nos ocupa, é dicir, o ámbito académico, unha das solucións ou estratexia que temos ao noso dispor é a seguinte:

  • Exemplo. Imaxine que o profesor ou a profesora levan uns días explicando os mecanismos de referencia interna dos textos (hiperónimos, elipse, sinónimos, etc.). Vostede non o dá comprendido de todo. Ten numerosos fallos e, malia facerlle preguntas ao profesor ou a profesora para que lle aclare as dúbidas, resulta que esas explicacións non lle abondan, xa que lle está a resultar un tema especialmente difícil. Por iso, decide que cada tres días traballará ese tema na casa pola súa conta dedicando un máximo de cincuenta minutos.

Pasadas tres semanas o profesor ou a profesora fan un control na clase para revisar os temas explicados ata o momento. Vostede realiza o control sabendo que o único que lle pode custar facer son os exercicios relacionados co uso deses mecanismos de referencia pero confía que lle saian ben, pois revisou esa cuestión na casa as últimas tres semanas. Ao día seguinte, o profesor ou a profesora dan o resultado da proba e para a súa decepción non a aprobou. E o seu fallo foi precisamente no uso de hiperónimos, elipses, etc.

Nese momento é moi doado pensar que os mecanismos de referencia interna dos textos son un tema que é incapaz de comprender por moito que llo expliquen. Mesmo dedicándolle tempo na casa non obtivo resultados de ningún tipo. Mais a realidade é outra: débese decatar de que o que pode estar fallando é o seu sistema de estudo. Como resolver esta cuestión?

  • Fixe novas prioridades: céntrese primeiro no estudo dos hiperónimos. Logo de comprendido iso, comece cos sinónimos e a elipse.

  • Volva a planificar o tempo: en vez de dedicarlle cincuenta minutos cada tres días na súa casa ao estudo dese tema mude o horario e invista máis tempo. Por exemplo, dúas horas cada dous días.

Cos sinxelos pasos dados neste exemplo ha mellorar os resultados e ha ver recompensado o seu esforzo e o seu traballo.

 

Actividades propostas

S8. Escolla un tema teórico, dos que leva vistos ao longo deste módulo 4, que non comprenda adecuadamente e faga o seguinte:

  • Fale co titor ou a titora sobre o tema para que lle dea as orientacións oportunas.

  • Na súa casa, estude e traballe co tema pola súa conta cun plan de estudos (nun máximo dunha semana de traballo non debe recorrer ao titor ou a titora).

  • Pasada a semana relea o tema detidamente e vexa se xa o entende sen ningunha dificultade. Se non fora así, ten outra semana para reorganizar o seu plan de estudos e lograr o obxectivo final: a comprensión do tema que escolleu.

Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License