1.5 A herdanza dos caracteres adquiridos

Actividade de lectura

i

  • Ver Glosario: Darwin, Charles

II. –Calosidades, efecto Baldwin, fenocopias

En moitas obras de Bioloxía atopamos discusións sobre as calosidades da avestruz ou as dos dromedarios e as do xabarín africano. Estas estruturas intrigaron aos naturalistas porque nestes animais, que teñen o hábito de encrequenarse, aparecen xusto no sitio no que son útiles para evitar que magoen a pel nesta posición. Así, poderiamos pensar que simplemente se produciron baixo o efecto dos hábitos e que non son xenéticas. Agora ben, diversos traballos demostraron que non é así, estas estruturas están inscritas na herdanza e nalgúns casos puideron recoñecerse nos embrións de suxeitos que as teñen. Polo tanto, existen antes de que as poida producir unha acción directa do medio. Así pois, aquí aínda temos a clara impresión de que estes feitos só poden proceder dunha herdanza de caracteres adquiridos polos hábitos que está inscrita no xenoma, dado que xa é visible no embrión do futuro adulto.

Hai que recoñecer que todos estes feitos resultan extremadamente inquietantes para os biólogos. En Francia, parece que Cuénot cambiou de opinión varias veces para explicar estes fenómenos. Evidentemente, isto non é unha crítica ao seu punto de vista, senón que simplemente amosa a dificultade do problema. Na súa obra principal sobre 31 destes temas publicada en 1925, L’adaptation (A adaptación), comeza explicando o problema provocado por estes fenómenos da seguinte maneira:

É tentador pensar (explicación lamarckiana) que os ancestros terciarios das avestruces actuais non tiñan calosidades, que colleron o hábito de encrequenarse levando así o peso do seu corpo ao esterno e ao pube e que durante moito tempo foi aparecendo un espesamento caloso como resposta da pel ao estímulo sen que se formase nada antes no embrión. Despois o carácter foi aparecendo cada vez máis cedo e acabou formándose mesmo antes da primeira estimulación, aparecendo entón no embrión no óvulo. En resumo, o carácter somático adquirido polo rozamento fíxose hereditario, é dicir, independente do excitante externo que provocou a súa aparición” (p.222).

Agora ben, na mesma obra, un pouco máis adiante (p. 244) conclúe unha explicación que se circunscribe ao clásico darwinismo mais sen usar os termos mutación e selección, dado que non lle gustaba esta terminoloxía. Na súa opinión as aves corredoras encrequenaríanse igual se non tivesen plumas nesa zona. Pode que a existencia de calosidades lles facilitase a adquisición do hábito, pero non foron causadas por el.

Waddington tamén estudou estes problemas, no mesmo artigo que utilizamos antes para describir a asimilación xenética. Nese mesmo artigo vacila e propón unas veces o darwinismo e outras unha explicación case lamarckiana. Primeiro afirma: “Parece que o punto que se ignorou nas discusións anteriores sobre este asunto é que esta capacidade para reaccionar debe depender dos xenes…”, Endeavour (p. 136), xullo de 1953), e engade: “como as poboacións de animais nunca son completamente homoxéneas debido a algún carácter, debemos contar con que os antepasados das avestruces variasen no tocante ás capacidades para producir as calosidades mellor adaptadas, polo tanto, puido producirse unha selección natural efectiva a favor daqueles que realizaban as adaptacións esóxenas máis satisfactorias. E así resultaría unha raza na que o hábito de encrequenarse dunha maneira concreta orixinaría espesamentos adaptativos axeitados da pel. Neste estadio os espesamentos aínda non serían hereditarios…” […].

 

Delson, Michel, A herdanza dos caracteres adquiridos (trad.: Iolanda Galanes e Marta Panero), edición dixital en Bivir, 2005

 

Actividades propostas

 

S3. Lea o texto, subliñe as palabras que non entenda e búsqueas nun dicionario. Anóteas. 

S4. Diga cal é o tema principal do texto. 

S5. Probablemente lle fose máis difícil comprender adecuadamente este texto ca outros que leva visto ao longo das diversas unidades. Sabe dicir por que? 

S6. Cal é o fin ou obxectivo deste texto? Razoe a resposta. 

S7. No proceso de normalización da lingua galega cre que é importante que se fomente o seu uso en ámbitos coma o científico? Razoe a resposta.

Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License