1.4 A illa misteriosa

Actividad de lectura

CAPÍTULO II

Un episodio da guerra de secesión. O enxeñeiro Cyrus Smith. Gedeón Spilett. O negro Nab. O mariño Pencroff. O mozo Harbert. Unha proposición inesperada. Cita ás dez da noite. Partida na tormenta.

AQUELES homes que a tormenta acababa de depositar nesta costa non eran nin aeronautas nin afeccionados ás expedicións aéreas. Eran prisioneiros de guerra aos cales a súa audacia os conducira a fuxir en circunstancias extraordinarias. Cen veces estiveron a piques de perecer! Cen veces o seu globo esfarrapado estivo a piques de arrebolalos ao abismo! Pero o ceo reserváballes un estraño destino e o 20 de marzo, logo de escaparen de Richmond, asediada polas tropas do xeneral Ulises Grant, atopáronse a sete millas daquela cidade de Virxinia, principal praza forte dos separatistas durante a terrible guerra civil de Secesión. A súa navegación aérea durara cinco días.

Velaquí en que circunstancias se realizou a evasión dos prisioneiros, evasión que debía rematar como xa coñecemos.

No mes de febreiro dese mesmo ano de 1865, o xeneral do Norte Grant intentara un dos seus audaces golpes de man para tomar Richmond, moitos dos seus oficiais caeron en poder dos sudistas e foron internados na cidade. Un deles pertencía ao estado maior federal e chamábase Cyrus Smith.

Cyrus Smith, natural de Massachusetts, era un enxeñeiro, un científico de primeira orde ao que o goberno da Unión confiara durante a guerra a conservación dos ferrocarrís cuxo papel estratéxico era considerable.

Americano ata a mola dos ósos, enxoito, osudo, lanzal, duns corenta e cinco anos, cabelo curto e encanecido, barba afeitada, con abundante bigote. Tiña unha cabeza numismática que parecía feita para ser acuñada en medallas; os ollos esfacharantes, a boca seria, a fisionomía dun sabio da escola militar. Era un deses enxeñeiros que comezaban manexando o martelo e o pico coma eses xenerais que partiron de soldados rasos. Ao mesmo tempo que era home de moita listura e agudeza de espírito, posuía tamén habelencia coas mans. Os seus músculos presentaban notables síntomas de teimosía. Verdadeiro home de acción ao mesmo tempo que home de pensamento, executábao todo sen esforzo baixo a influencia dunha longa expansión vital, desafiando todo obstáculo. Moi instruído, moi práctico, moi acaído, para empregar unha palabra da lingua militar francesa. Tiña bo carácter, pois, conservaba os cinco sentidos en calquera circunstancia, reunía as condicións que determinaban a enerxía humana: actividade de espírito e de corpo, arroutadas de desexo e a ansia toda. A súa máxima ben puidera ser a de Guillerme de Oranxe do século XVII: “Non teño necesidade de agardar para acometer unha empresa, nin de lograr o obxecto para continuar a perseverar”[…].

Verne Joules, A illa misteriosa. Tradución ao galego de Ánxela Gracián, edición electrónica en Bivir, 2007

2. Lea o texto e responda ás seguintes cuestións:

  • De que se fala no texto?

  • Anote as partes do texto que lle parecen claves para deducir o tema principal.

Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License