1.9 O psicotécnico
Actividade de lectura
O mundo existe desde moito antes de que nacésemos nós. E os carnés de conducir existen desde moito antes dos centros psicotécnicos. Creo lembrar que empezaron alá no primeiro goberno de Felipe González e non tanto por necesidade social sentida senón como medida político-adminstrativa tendente á xeración de emprego novo no sector médico. Como o lector sabe, os psicotécnicos teñen a imaxe pública de seren unha especie de fielato onde un vai cada cinco anos deixar uns trinta e tantos euros para que certifiquen que están ben de saúde e lle prorroguen a vixencia do carné ou lle dean un permiso de armas, cousas ambas que veñen sendo máis parecidas do que a primeira vista puidese parecer.
No fondo, e tiña razón o lexislador, a xente non ía protestar por pagar un novo trámite cada cinco anos. A filosofía, ademais, era impecable. Só podía lerse en positivo: incrementar o control sobre a saúde e capacidade real e efectiva de conducir ou portar armas. E ademais, ao facelo a través da creación ex-novo de despachos privados, non se recargaría os médicos da seguridade social de traballo, e todos contentos.
Pois non de todo. Desde a valoración positiva do seu papel e dos novos que van asumindo -como o de xestores na tramitación das renovacións- eu non o acabo de ver claro, porque a min, miren que lles vou dicir, non me desacouga pagar impostos. Xa me gustaría pagar máis polo que iso supón de que ingresaría eu máis tamén. E penso así, claro, interesadamente en primeiro lugar por ser funcionario: creo que debemos animar o persoal a que achegue cartos, máis ou menos contenta, no peto de quen nos paga a nós. E despois, porque sei que os recursos para facer estradas, AVEs, hospitais e dotar os centros de ensino, non saen de darlle á manivela de facer billetes senón da contribución colectiva. E sobre todo das clases medias. Porque aos ricos de verdade, tanto lles ten ir ao médico a Santiago, a Navarra ou a Huston, ou mandar os seus fillos a que llelos eduquen en Inglaterra, Suíza ou USA. Por iso, porque me gusta que o estado funcione ben e dea servizos de acordo co que acheguemos, non acabo de entender como o certificado de que un está apto para conducir non o poida facer o médico que o leva no sistema público. ¿Quen sabe máis da saúde dun, o doutor que o segue día a día, mes a mes, ano a ano ou aqueloutro amable profesional que lle fai un par de preguntas -¿usa vostede lentes?, ¿ten algunha enfermidade que lle impida conducir?- e xa está. Porque as máis das veces é así. Dous minutos, trinta e seis euros.
Artigo de opinión de Afonso Vázquez Monxardín; extraído da edición dixital de Galicia Hoxe
Actividades propostas
S9. Lea o texto e diga cal é o tema principal.
S10. Subliñe os conectadores que localice neste texto e indique o significado que achegan.
S11. Elabore un artigo de opinión sobre algunha situación da vida cotiá que desexe criticar, prestando especial atención ao uso dos conectadores textuais.
Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License