6.1 Solucións das actividades propostas en lingua ga-lega

S1.         

  Texto 2.1:

  • De que trata este conto?

Conta unha versión da historia do sapo e o raposo. O raposo presume de ser máis fermoso, de facer todo mellor, pero o sapo gaña a carreira que propón o raposo aplicando a intelixencia.

  • Parécelle que a linguaxe empregada é sinxela ou difícil de comprender?

É unha linguaxe sinxela, con expresións coloquiais.

  • Coñece algún outro conto, galego ou doutros países, cun argumento parecido?

 Hai moitos contos de tradición oral nos que un animal vence a outro usando a astucia e intelixencia. Por exemplo, o conto do corvo e o raposo; do asno e o raposo, etc.

S2.           

Texto 2.3:

  • Cal é o tema principal do conto?

A picaresca dun raposo, que se alía cun oso para roubar, entre outras cousas, un porco. Nun principio, o porco é para comelo os dous pero o raposo, mediante enganos, consegue que o porco sexa só para el.

  • Que personaxes aparecen?

Un oso e un raposo.

  • Onde se desenvolve a acción?

No curral da granxa do tío Pepe.

  • É o narrador un dos personaxes?

Non. O narrador non é ningún dos personaxes.

 

  • Podería sinalar algunha expresión propia da linguaxe coloquial?

Hai varias: Ai, compadre / papouno enteiriño / caeu de cu no chan...

  • Tome nota de dous ou tres contos, transcríbaos e póñaos por escrito na seguinte táboa. Debe dicir tamén cal é o seu tema principal.

O alumno ou alumna debe facer o que se lle pide neste exercicio para a súa correcta resolución.

S3.             

Por exemplo: brevidade, sinxeleza da linguaxe utilizada, utilización de palabras pertencentes ao rexistro coloquial da lingua e que case todos estes contos de tradición oral levan implícita unha ensinanza moral.

S4.          

  Texto 2.4

  • De que se fala no texto?

Un rapaz leva o cadaleito dun defunto e cre que o escoita moverse, que está vivo. Pero non se atreve a dicir nada. Pola noite acode ao cemiterio e volve a escoitar o morto, pero chega xente e foxe.

  • Teña presente a teoría explicada e diga por que o texto 2.4 é de tipo narrativo.

Porque relata, conta ou narra feitos, neste caso ficticios, que lle suceden a personaxes nun espazo e tempo concretos.

  • Fíxese no narrador: é un personaxe da historia?

 Sí, é un dos personaxes da historia.

  • Pode sinalar exemplos de como o narrador se dirixe ao lector?

Hai varios: meus amigos / comprendede, escoitade/ Imaxinade que eu dixera/ Ía dicir que o deixaran enterrar sabendo que estaba vivo?

  • Pode sinalar esas tres partes  (presentación, nó e desenlace) no conto de Dieste?
  •  Presentación

Foi preto do camposanto cando eu sentín buligar dentro da caixa ao pobre Bieito. (Dos catro que levaban o cadaleito eu era un). ¿Sentino ou foi aprehensión miña? Entón non podería aseguralo. ¡Foi un rebulir tan maino!...

Pero é que eu, meus amigos, non tiña seguranza, e polo tanto- comprendede, escoitade- polo tanto non podía, non debía dicir nada.

Imaxinade nun intre que eu dixera:

-O Bieito está vivo.

Todas as testas dos velliños que portaban cirios ergueríanse nun babeco agalaio...

-¡O Bieito vai vivo, o Bieito vai vivo!...

Calaría o lamento da nai e das irmás, e axiña tamén, descompasándose, a gravedosa marcha que planxía nos bronces da charanga...

Houbo un intre en que case me decidín. Dirixinme ao da miña banda e acoibexando a pregunta nun sorriso de retranca insinuei:

-¿E se o Bieito fose vivo?

O outro riu picaramente como quen di: “Que ocorrencias temos”, e eu amplifiquei adrede o meu falso sorriso de retranca...

Cando o crego remate, pensei. Mais o crego acabou e a caixa descendeu á cova sen que eu puidera dicir nada.

Cando o primeiro cadullo de terra bicado por un neno petou dentro da cova nas táboas do ataúde, subíronme ata a gorxa as verbas salvadoras. Mais entón acudiu novamente ao meu maxín a seguranza do arrepiante ridículo, da rabia da familia defraudada, se o Bieito se topaba morto e ben morto.

...

Todo o día, andei tolo de remorsos. Vía o pobre Bieito grafiñando as táboas nese espanto absoluto máis alá de todo consolo e de toda conformidade, dos enterrados en vida...

E pola noite- non o puiden evitar- funme camiño do camposanto, coa lapela subida, arrimado aos muros.

Cheguei. O cerco por unha banda era baixiño: uns rebos mal postos, apreixados por hedras e silveiras. Paseino e fun dereito ao sitio... Deiteime no chan, apliquei a orella, e axiña o que oín xeoume o sangue. No seo da terra unhas uñas desesperadas rabuñaban nas táboas. ¿Rabuñaban? Non sei, non sei. Alí preto había un sacho... Ía xa cara a el cando fiquei suspenso. Polo camiño que pasa a rentes do camposanto sentíanse pasadas e rumor de fala. Viña xente. Entón si que sería absurda, tola, a miña presenza alí, daquelas horas e cun sacho na man.

¿Ía dicir que o deixara enterrar sabendo que estaba vivo?

  • Desenlace

E fuxín coa lapela subida, pegándome aos muros.

A lúa era chea e os cans ladraban lonxe.

S5.             

Resposta libre

S6.             

Cómpre seguir as indicacións que se lle proporcionan nesta actividade para a súa correcta resolución.

 

S7.             

O x pronúnciase como na palabra xa (fonema prepalatal fricativo xordo)

xamón, xurar, xema, áxil, xenro.

O x pronúnciase como na palabra texto (grupo ks)

exame, taxi, extenso, hexágono, axila.

 

S8.             

  • É un profesor excelente pero moi esixente.
    • A escavadora está traballando no exterior do recinto.
    • Se falta osíxeno prodúcese asfixia.
    • Pasei con éxito o exame e mañá poderei ir de excursión.
    • É moi estraño, parece obra de extraterrestres.
    • A tarde foi espléndida e a comida, exquisita.
    • Teño dificultade con ese idioma estranxeiro; o meu léxico é moi escaso.
    • Recolle o espremedor e estende o mantel.

S9.             

Xa antes de aquel houbera outro, cántas veces o contaban, o Perfeutiño. Mellor dito íanlle poñer Perfeuto por terse chamado así un irmán do meu pai que se fora de noviño para o Brasil, que non se soubo máis, que tamén era moito o que o lembraban, xa como morto.

E non se chegara a poñerllo porque naceu nas últimas; que eu digo, e ben que me acorde, que aquilo non era nacer, que nin se chegou a tempo para lle botar a auga de socorro que se mandou por ela á parroquia da Trindade, que polo visto era onde o facían mellor, que auga de socorro hai que bendicila doutro xeito que a de...

Houbera, singular, terceira persoa; contaban: plural, terceira: ían: plural, terceira; poñer: infinitivo, non ten número nin persoa; terse chamado: infinitivo, non ten número nin persoa; fora: singular, terceira; soubo: singular, terceira; era: singular, terceira; lembraban: plural, terceira; chegara: singular, terceira; poñer: non ten número nin persoa; naceu: singular, terceira; digo: singular, primeira; acorde: singular, primeira; era: singular, terceira; nacer: non ten número nin persoa; chegou: singular, terceira; botar: non ten número nin persoa; mandou: singular, terceira; era: singular, terceira; facían: plural, terceira; hai: forma impersoal; bendicir: non ten número nin persoa.

S10.         

Resposta libre

S11.         

Digo: presente, indicativo, terceira conxugación; acorde: presente, subxuntivo, primeira; era: copretérito, indicativo, segunda conxugación; nacer: infinitivo, segunda; chegou: pretérito, indicativo, primeira; botar: infinitivo, primeira; mandou: pretérito, indicativo, primeira; facían: copretérito, indicativo, segunda; hai: forma impersoal, segunda; bendicir: infinitivo, terceira.

S12.         

 

Pretérito

Antepretérito

Pospretérito

Presente (subx.)

Pretérito (subx.)

  • Traballar

Traballei, traballaches...

Traballaba, traballabas...

Traballara, traballaras...

Traballe, traballes...

Traballase, traballases

  •  Mover

Movín, moviches...

Movía, movías...

Movera, moveras...

Mova, movas...

Movese, moveses...

  •  Partir

Partín, partiches...

Partía, partías...

Partira, partiras...

Parta, partas...

Partise, partises...

S13.         

Partir, partindo, partido; casar, casando, casado; ter, tendo, tido.

S14.         

  •  Sabemos.
  •  Están en terceira persoa.

S15.         

  • § Comprendede, escoitade, imaxinade.
  • § Non. A maioría aparecen en primeira persoa de singular.

S16.       

Texto 2.7.

  • De orde: en primeiro lugar, en segundo lugar.
  • Explicativos: é dicir, de xeito que.
  • De contraste: e por tanto, agora ben, consecuentemente, senón que.

S17.         

Por unha banda, querían saír de viaxe o antes posible. Por outra, non querían perder ningún día de venda no seu negocio. Ao final, decidiron retrasar a saída.

S18.         

Tense por certo que Galicia é bastante uniforme no que se refire ao clima. Así e todo, e se consideramos a súa posición de transición entre o mundo mediterráneo e o atlántico, debemos ter en conta que presenta características comúns con ambos. Por unha banda hai grande abundancia de precipitacións durante todo o ano, cunha temperatura media suave nas costas setentrional e noroeste. Pola outra, presenta características do clima mediterráneo na Galicia do sur e do sueste.

Así e todo: de contraste, Por unha banda / Pola outra: de orde.

S19.         

Ela está empeñada en tirar toda a roupa que xa non se leva; el, pola contra / en cambio, quere deixala toda no armario, porque non lle importa a moda.

Neste punto comezan as contradicións: vostede insiste en que estaba na casa cando ocorreu todo. Agora ben, como puido entón ser visto na outra punta da cidade á mesma hora?

Gústame o caldo, a fabada, o arroz con chícharos, o lacón... é dicir / ou sexa / isto é..., a comida tradicional.

 

S20.         

Hipónimos

Hiperónimo

  •  Nai, pai, avó, avoa, curmán, xenro, nora…

Familiar

  •  Xudaísmo, cristianismo, mahometismo, budismo, animismo...

Relixión

  •  A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, León, Zamora, Burgos, Xaén...

Provincia

S21.         

  • O cazador colleu a escopeta de dous canóns. Introduciu nela dous cartuchos e disparou. O retroceso da arma foi tan forte que o guindou no chan.
  • Quedou admirado da forma e o olor da rosa. Colleu a flor e acercouna ao nariz. Despois, observouna outra vez e comezou a debuxala.
  • Sara conducía o convertible. Saíu do coche, cerrou a porta e empezou a limpalo.

S22.       

Textos 2.12 e 2.13.

  • Que tipo de información se nos proporciona en cada un dos textos?
  • :
  •  Texto 2.9

O programa “Cazador de palabras” fálanos da lingua galega; cada un dos programas dedícase a unha determinada parte do vocabulario galego; por exemplo: o léxico relacionado coa medicina, co mar, coa natureza... Polo tanto, é un programa de contido sociocultural. Ademais diso, o alumnado debe especificar de que tema trata o capítulo do programa que visualice.

  • Texto 2.10:

O programa “Galicia por diante” é un servizo informativo; fálasenos do tempo, da política, da economía...

  • Cre que con estes textos podemos obter ou ampliar coñecementos? Por que?

Si, porque no caso do “Cazador de palabras” ofrecen unha serie de informacións de forma didáctica, é dicir, pensadas para que sexa doado acordármonos delas e as poidamos incluír dentro do noso coñecemento, para deste xeito, amplialo ou renovalo. O espectador neste tipo de programas adopta o rol dun alumno ou alumna que está sentado nunha clase recibindo a lección do profesor ou profesora.

No segundo caso, a resposta é tamén afirmativa, pero a información non se dá dun modo didáctico, pois o obxectivo do noticiario é diferente. Preténdese informar ao espectador mais non que aprenda.

Polo tanto, no “Cazador de palabras” obtemos e ampliamos coñecemento seguindo un método de aprendizaxe. No caso de “Galicia por diante” só obtemos unha información que nos vai ser útil durante un breve período de tempo, pois as noticias de actualidade teñen unha vida curta de aí que non sexa necesario que teñamos que aprender ou extraer ningunha aprendizaxe delas.

Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License