2.2 Textos narrativos (aspectos teóricos)
2.2 Textos narrativos (aspectos teóricos)
Son aqueles cuxa función principal é relatar con palabras feitos (reais ou ficticios) que se teñen producido ao longo dun tempo. Cando alguén conta un conto, cando se comenta un suceso vivido, cando se rememora un feito histórico, etc., estamos diante do que se denomina texto narrativo ou narración.Os contos, as lendas, as novelas... son exemplos de textos narrativos. Na fala coloquial tamén é a forma de comunicación máis usada, xa que o habitual da conversa é contar cousas. Cando escribimos cartas de tipo persoal tamén narramos con frecuencia feitos que vivimos ou que coñecemos.
Elementos da narración
En todas as narracións aparecen uns elementos que a caracterizan:
- Acción: é dicir, o que sucede.
- Personaxes: quen protagoniza os feitos que se narran.
- Ambiente: onde se desenvolve a acción (lugar e tempo).
- Narrador: tamén é imprescindible a súa presenza, porque é a voz que conta os feitos. Pode ser externo aos feitos ou pode ser un dos personaxes que os relata baixo o seu punto de vista.
Estrutura da narración
A narración desenvólvese segundo unha estrutura que consta esencialmente de tres partes:
- Presentación: situación inicial. Nela preséntase os protagonistas e as súas circunstancias.
- Nó: situación central. A partir dun cambio da situación inicial, sucédense as accións que se derivan deste cambio.
- Desenlace: situación final. Derivada das accións anteriores e que supón un cambio na situación inicial.
Tipos de textos narrativos
Pertencen ao xénero narrativo tipos de obras como o conto, a novela, a fábula, a lenda, o chiste, a carta, a biografía, a historieta, o diario de vida, etc.
O conto é unha narración breve de feitos inventados e aventuras que se contan de maneira oral, para entreter, ou por escrito, como un relato literario curto.
- Conto tradicional. En todas as culturas existen narracións tradicionais que se transmitiron oralmente de xeración en xeración. Son os contos tradicionais, as lendas... Os contos tradicionais son narracións breves de feitos imaxinarios que normalmente se presentan en múltiples versións. Hai contos de fadas, de animais, de costumes.
- Conto literario: é o conto concibido por un autor e transmitido mediante a escritura. O autor adoita ser coñecido. O texto, fixado por escrito, ten normalmente unha soa versión, e non presenta as variantes características do conto popular.
- Fábula: é un relato breve de ficción, en verso ou en prosa, xeralmente con animais como personaxes, do que se tira unha ensinanza moral.
- Novela: é unha narración de ficción en prosa, de maior extensión que o conto, na que se presentan uns personaxes nun medio e se dan a coñecer as súas aventuras, a súa psicoloxía, etc.
Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License