2.5 A carta persoal (aspectos teóricos)

Este tipo de correspondencia, quizá a máis común tradicionalmente, pon en contacto dúas ou máis persoas: o remitente (quen escribe a carta) e o destinatario (a persoa ou persoas a quen vai dirixida).

Tamén adoitan chamarse íntimas, porque son as que se escriben os amigos, os familiares..., é dicir, a xente coñecida. Signo desta confianza é que adoitamos escribilas á man, precisamente para subliñar esta intimidade.

Con frecuencia, nas cartas persoais, cóntanse os feitos que se queren dar a coñecer ás persoas ás que se dirixen, falando de detalles e circunstancias que afectan á nosa vida cotiá. Por iso, moitas delas teñen tamén un carácter narrativo.

Características da carta persoal

  • Vocabulario sinxelo e coloquial: moitas veces utilizamos nas cartas informais frases inacabadas e interrompidas que intentan reproducir o estilo e o ton da comunicación oral que se emprega na conversa informal. Por exemplo, cando escribe unha carta e intenta reproducir unha frase que dixo alguén:

Non sei se irei porque é moi tarde e...

“É moi tarde, é moi tarde. Ti sempre con desculpiñas bobas”, díxenlle eu un tanto enfadado porque sempre fai o mesmo.

  • Exclamacións: o ton afectivo do escrito xustifica que moitas veces introduzamos numerosas exclamacións.

Alégrome ben, xa chegaches aos dezaoito!

  • Interrogacións: a expectativa dunha resposta por parte do destinatario fai que tamén sexa frecuente que se introduzan interrogacións.

Cando vas vir? Contéstame axiña para poñermos a data dunha cea con todos os colegas. Poderá ser para o mes que vén? Agardamos a túa resposta.

  • Sobreentendidos: ao seren, as cartas persoais, escritos de carácter privado, permiten que haxa moitos sobreentendidos, xa que a información transmitida fai referencia a situacións e asuntos que o destinatario xa coñece, porque se viviron no pasado ou se trataron en anteriores escritos. Moitas veces escribimos cartas que unha terceira persoa non entendería porque soamente nós e o noso interlocutor coñecemos o contexto do enunciado.

Sobre aquilo do outro día non hai novidade, se ti sabes algo novo xa mo contas.

Todas estas características intentan reproducir a linguaxe falada, a conversa, a descrición espontánea, como se estivésemos dialogando persoalmente coa persoa a quen lle escribimos a carta.

Todo isto non significa que non debamos coidar a linguaxe escrita, senón todo o contrario, debemos evitar erros ortográficos, gramaticais, etc.; deste xeito ao lector da carta resultaralle máis doada comprendela.

Estrutura da carta persoal

  • Lugar e data: no extremo superior dereito indícase, en primeiro lugar, a localidade e, despois dunha coma, a data.

Vigo, 16 de xaneiro de 2008.

A data, tanto nas cartas persoais ou comerciais como en calquera tipo de impresos e documentos administrativos, débese escribir do seguinte xeito:

–      Os topónimos (nomes de lugar) débense escribir coa súa forma completa, aínda que estes sexan compostos: O Barco de Valdeorras, Santiago de Compostela.

–      Debe figurar o artigo daqueles topónimos que o conteñan no seu nome oficial: A Coruña, O Incio, O Carballiño.

–      Débese separar o topónimo da localización temporal mediante unha coma. Lugo, 9 de setembro de 2009.

–      Entre o topónimo e a localización temporal non se escribe nunca a preposición a. Tampouco se encabeza a data pola preposición en. Exemplo: Foz, 19 de outubro de 1994 (e non En Foz, a 19 de outubro de 1994).

–      O nome do mes sempre vai escrito en letras minúsculas e a cifra do ano nunca leva punto. Ribeira, 5 de setembro de 2002.

  • Saúdo ou encabezamento: é a fórmula coa que nos diriximos á persoa a quen lle enviamos a carta. A expresión utilizada pode variar segundo o grao de confianza que teñamos co destinatario. Exemplos: Ola, Pedro!, Estimada Carme, Querido Alberte...
  • Contido: nesta parte da carta vai a información que queremos transmitir. O contido dela organízase en tres partes: introdución, exposición ou corpo, e conclusión. Esta estrutura non se respecta sempre.

–      Introdución: está formada por unhas frases breves que serven de entrada á expresión dos contidos principais da carta, que se tratarán na alínea seguinte.

–      Exposición ou corpo: explícase o asunto que se quere comunicar. O corpo está formado polas informacións que lle desexamos transmitir ao destinatario da carta e, loxicamente, é a parte máis importante desta.

–      Conclusión: normalmente constitúe un resumo do máis esencial que se comunicou na exposición ou a súa consecuencia.

  • Despedida: a fórmula de despedida correspóndese co mesmo grao de confianza e de intimidade que o saúdo: Unha aperta, adeus, moitos bicos...
  • Sinatura: está formada polo nome do remitente rubricado.
  • Posdata: ás veces, despois da sinatura e debaixo dela, colócase unha posdata ou comunicación breve para dicir algo de importancia que esquecemos.

Nas cartas persoais tamén debe ter en conta os seus aspectos formais, é dicir, respectar as marxes, manter a limpeza (non debe levar riscaduras) e facer unha letra lexible.

Exemplo de carta persoal

carta persoal

 Actividade proposta

S6. Tendo en conta o visto no apartado de teoría, escriba unha carta persoal. Pódea escribir á man ou mediante un procesador de textos (neste caso debe imprimila). En calquera dos casos, logo de rematada a carta, debe revisar os posibles erros ortográficos, gramaticais ou doutra índole que haxa nela e volvela a escribir, para que a presentación sexa a máis adecuada posible e facilitar así unha boa lectura.

Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License