2.3 O oso e o raposo
2.3 O oso e o raposo
|
Era un oso e mais un raposo, que andaban buscando comida, e o raposo díxolle ao oso: —Ai, Compadre, e que tal se imos á granxa do tío Pepe e roubamos un porco? Pareceulle boa idea, e así fixeron. Foron silandeiros ata o curral; alí o oso, matou dun golpe o porco máis grande que atoparon, e marcharon correndo monte arriba. Cando xa non tiñan folgos, sentaron baixo un carballo, e o raposo, pillastre, díxolle ao oso; —Ai Compadre! non sei ti, pero eu non podo coa miña alma. Que tal se durmimos un anaco? Podemos enterrar o porco, co rabo fóra para sabermos onde está. O oso, que foi quen levou o porco durante todo o camiño, aceptou sen dubidalo... pero ocorreu que entanto que o oso durmía, o raposo ergueuse, desenterrou o porco e papouno enteiriño, deixando soamente o rabo. Si que era lambón o raposo! E, ben caladiño, deixou o rabo do porco onde estivera co resto do corpo. Cando o oso espertou e foron buscar o porco, atoparon o rabo, tal como o deixaran, e o raposo díxolle ao oso que tirara el do rabo, pois era máis forte. Así fixo o oso. Colleu alento, e tirou do rabo con tal forza que, caeu de cu no chan, e fíxose moito dano, pero cando se ergueu todo encabuxado ao se decatar da brincadeira, o raposo comezou a botarlle a culpa ao oso, e así estiveron discutindo ata que dixo o raposo: —Vamos deitarnos ao sol, e, ao que lle súe a barriga foi quen o comeu. Deitáronse a durmir, e o oso durmiu, pero o raposo ergueuse e mexou por riba do compadre, e chamouno. —Ai compadre! Ti fuches o que comiches o porco, porque che súa a barriga. E así foi como o oso tivo que pedir desculpas e marchar para casa sen ter comido nadiña... |
|
Conto popular . [http://www.geocities.com/Area51/Shadowlands/7336/os_rap_cer.htm] |
Actividades propostas
S2. Este texto (O oso e o raposo) é un conto popular e, polo tanto, chegou ata nós mediante a transmisión oral antes de que se recollera por escrito. Léao e poderá observar que contén trazos propios da expresión oral. Deseguido, conteste ás seguintes cuestións.
- Cal é o tema principal do conto?
- Que personaxes aparecen?
- Onde se desenvolve a acción?
- É o narrador un dos personaxes?
- Podería sinalar algunha expresión propia da linguaxe coloquial?
- Tome nota dun conto popular que coñeza, transcríbao e póñao por escrito. Debe dicir tamén cal é o seu tema principal.
S3. Agora que xa viu, leu e recolleu contos de tradición oral, intente dicir algunhas características deste tipo de narracións.
Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License