2.7 Clases de palabras: o verbo (aspectos teóricos)

2.7  Clases de palabras: o verbo (aspectos teóricos)

O verbo é unha palabra variable que pode expresar nocións de número, persoa, tempo e modo. Exemplos: canto, cantamos, cantei, cantarei, cantase...

Fíxese nas seguintes formas verbais:

levar – levo – levamos – levaches – levarades...

correr – corro – corremos – correstes – correrades...

vivir – vivo – vivimos – vivistes – vivirades...

Como pode ver, todos os verbos están formados por unha raíz e unhas desinencias. A raíz permanece invariable nos verbos regulares e ten variacións, como xa veremos noutro punto desta unidade, nos verbos irregulares. As desinencias van unidas á raíz e achegan información de número, persoa, tempo e modo:

  • Número: pode ser singular ou plural. Exemplos: levo (singular), levamos (plural).
  • Persoa: pode ser primeira, segunda ou terceira de singular e primeira, segunda ou terceira de plural. Exemplos: corres (segunda singular), corre (terceira singular), corremos (primeira plural), corredes (segunda plural), corren (terceira plural).
  • Tempo: pode ser, de xeito xeral, presente, pasado e futuro. Exemplos: vivo (presente), vivín (pasado), vivirei (futuro).
  • Modo: pode ser indicativo, subxuntivo ou imperativo. Exemplos: cantas (indicativo), cantes (subxuntivo), canta! (imperativo).

–      O modo indicativo presenta as accións como reais: chove, viaxamos, chegaron...

–      O modo subxuntivo presenta as accións como posibles, desexables, dubidosas. É o chamado modo irreal. Exemplos: Quizás mañá chova (probabilidade, dúbida); Gustaríame que viaxásemos no verán (desexo)...

–      O modo imperativo: expresa unha orde ou mandato que se lle impón ao interlocutor. Só ten formas de segunda persoa. Exemplos: cala (un únicoreceptor/a); calade (varios receptores/as).

Actividades propostas

S9. Subliñe as formas verbais que hai no seguinte texto e diga a que número e persoa corresponden. Por exemplo: houbera, singular, terceira persoa.

Xa antes de aquel houbera outro, cántas veces o contaban, o Perfeutiño. Mellor dito íanlle poñer Perfeuto por terse chamado así un irmán do meu pai que se fora de noviño para o Brasil, que non se soubo máis, que tamén era moito o que o lembraban, xa como morto.

E non se chegara a poñerllo porque naceu nas últimas; que eu digo, e ben que me acorde, que aquilo non era nacer, que nin se chegou a tempo para lle botar a auga de socorro que se mandou por ela á parroquia da Trindade, que polo visto era onde o facían mellor, que auga de socorro hai que bendicila doutro xeito que a de...

Actividade proposta

S10. Escriba tres oracións, unha co seu verbo en presente, outra co verbo en pasado e outra, en futuro. Fíxese no exemplo:

  • María vai ao cine pola mañá.
  • María ía ao cine todos os días.
  • María irá ao cine cando saia de traballar.

Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License