1 - Introdución
Descrición da unidade didáctica
Esta unidade, denominada As transformacións económicas e sociais no século XIX, aborda os grandes cambios económicos e sociais que tiveron lugar en Europa co desenvolvemento da Revolución Industrial, entre os anos 1780 e 1850. Mais isto non era máis que o comezo: dúas novas revolucións desenvolvéronse nos séculos seguintes, modificando profundamente e dun xeito imparable a evolución económica das sociedades modernas.
É por iso que na unidade didáctica se fará fincapé nas causas e nas consecuencias destes profundos cambios económicos.
Coñecementos previos
Son importantes os abordados no bloque 1 deste módulo (Das sociedades prehistóricas á sociedade industrial”). Cumprirá facer fincapé nos antecedentes destes grandes cambios económicos. Deberanse repasar as unidades didácticas referentes aos sectores económicos da sociedade (bloque 2, unidade 3) e á demografía e poboación (bloque 1, unidade 2), para poder comprender os grandes cambios económicos e sociais acontecidos entre os séculos XVIII e XXI.
Suxestións para a motivación e o estudo
A importancia e a influencia da revolución industrial na historia moderna é de grande interese, non só pola transcendencia histórica dos cambios senón tamén pola importancia que teñen no noso modo de vida actual. É preciso afondar na análise das causas destes grandes cambios económicos para comprender os conflitos sociais, políticos e económicos das sociedades modernas.
Orientacións de temporalización
Dedicaránselle a esta unidade didáctica o equivalente a 16 sesións ou horas; suxerimos que se lean con atención os contidos previos antes da realización das actividades propostas. É moi conveniente realizar todas as actividades e, finalmente, dedicar dúas sesións á corrección e ao repaso desas actividades realizadas.
Tamén suxerimos dedicar o equivalente a tres períodos lectivos para a realización do test de repaso da unidade didáctica, para a súa corrección e para a realización das actividades complementarias.
Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License