2.9.1 Conectadores textuais

Lembre que os conectadores son palabras que serven para enlazar frases e oracións nun texto, é dicir, para enlazar ideas e temas para que, dese xeito, o texto elaborado sexa máis comprensible.

Nesta unidade imos seguir ampliando o noso coñecemento sobre os conectadores textuais e os mecanismos de referencia interna.

Imos ver os seguintes conectadores: de orde, explicativos e de contraste. Canto aos mecanismos de referencia interna, imos centrarnos no uso de hiperónimos.

Nos textos narrativos son moi utilizados os conectadores de orde, para expresar a sucesión e orde dos acontecementos narrados.

Conectadores de orde

O seu uso é máis frecuente nos textos escritos que nos orais. Polo xeral, baséanse na numeración (primeiro, segundo, terceiro...) no espazo (por unha banda, doutra banda..., por unha banda... por outra; dun lado... doutro) ou no tempo (despois, logo, en fin, finalmente...). Podemos establecer tres tipos de conectadores de orde:

  • Os que marcan apertura: serven para abrir unha serie. Exemplos: en primeiro lugar, primeiramente, por unha banda, dunha parte, dun lado...
  • Os que marcan continuidade: indican que o membro que acompañan forma parte dunha serie da que non é o principio. Exemplos: en segundo/terceiro/cuarto... lugar, por outra (parte), por outro (lado), pola súa banda, doutra (parte), doutro (lado), así mesmo, igualmente, de igual forma/modo/xeito, logo, despois...
  • Os que marcan pechadura: sinalan a fin dunha serie discursiva. Exemplos: para rematar, en último lugar, en último termo, en fin, por fin, finalmente...

Conectadores explicativos

Aclaran ou delimitan o(s) tema(s) ou as ideas que se expresan nunha oración ou nunha frase. Algúns deles son: ou sexa, é dicir, isto é, a saber; noutras palabras, noutros termos, dito con/noutros termos, con outras palabras, dito doutro xeito/modo/forma...

Conectadores de contraste

Estes conectadores matizan unha idea expresada con anterioridade ao longo dun texto. Xa que logo, conectan dous membros dun texto ou conxunto de oracións.

Algúns deles son: en cambio, pola contra e por contra (que amosan contraste ou contradición entre os membros vinculados), así e todo (coméntase unha idea que vimos expresando), no entanto, emporiso, agora ben e agora (que introducen conclusións contrarias ás esperadas dun primeiro membro), e iso si (atenúa a forza argumentativa do membro anterior).

Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License