2.11 Internet, a radio e a televisión (aspectos teóricos)

Na actualidade, os tres medios de comunicación por excelencia son internet, a radio e a televisión. Os tres cumpren unha función social e cultural. Social, porque neses medios se difunden noticias, opinións e debates relacionados coa sociedade que nos rodea e coas persoas que a forman. E cultural, porque a través deles podemos acceder a obras de ficción (cine, series), e expandir os nosos coñecementos sobre os máis variados temas (as ciencias, os libros e a lectura, as linguas e literaturas das máis diversas civilizacións, etc.).

Nas sociedades do pasado, os elementos da cultura popular (contos tradicionais, ditos, xogos, etc.) transmitíanse de viva voz, dunhas persoas a outras: os maiores contaban historias, ensinaban os xogos aos máis novos, etc. Na actualidade, é a televisión, e actualmente internet, a que realiza boa parte dese papel: as series e as películas que vemos na televisión recrean os personaxes e os temas dos contos clásicos; programas específicos ensinan aos nenos a falar ben, a contar; os nenos xogan en internet con outros nenos, etc. É dicir, na nosa sociedade os medios de comunicación realizan en boa parte as tarefas de transmisión oral da cultura tradicional.

Debido á inmensa rapidez con que internet se expandiu nos últimos anos, a división en radio, televisión e internet propiamente dita está deixando de ser tan estrita como antano, xa que na rede podemos ver moitas das canles de radio e televisión que emiten regularmente a diario mediante a emisión tradicional. E podemos ver eses programas que emiten a calquera hora do día sen preocupacións horarias de ningún tipo. É por iso que, ao englobar internet eses outros dous medios de información máis antigos, a radio e a televisión, podemos dicir que a rede se está a converter no grande baúl da información no mundo e, xa que logo, cumpre, case en exclusiva, esa función social e cultural da que falabamos nun principio.

Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License