2.4 A luz da lúa chea

Esa noite, Aghata saíu do portal do edificio envolta no perfume e no clac, clac, dos seus tacóns altos pola beirarrúa. Lizgaira, elegante, eses dedos de uñas granate que colocan, afiados, a curta melena negra. Esa ollada bordeada de lapis negro e pestanas longas que se mira de esguello no escaparate da boutique. Os reflexos da lúa, chea e redonda, na cazadora toureira de raso negro, nas curvas do cu no pantalón de napa negra. Sente na gorxa o agarimo do lene pano de seda negra que aperta o seu pescozo longo, desexable, e contrasta coa blusa vermella.

A man dereita leva o cigarro aos beizos vermellos coma o sangue, que fan arder o tabaco, mentres que coa esquerda saca as chaves do coche deportivo. Entra e arranca lanzada na procura de miradas de desexo, insinuacións, sorrisos, que remontará con elegancia, coma unha gacela a cámara lenta choutando por riba dunha árbore caída. Talmente.

Na beirarrúa, entre os coches que quedan aparcados, móvese algo, unha sombra na luz que estra a lúa chea. Asoma a cabeza unha figura ancha e encrequenada, unha cabeza peluda e salvaxe que mira con tristura para a esquina por onde dobrou o coche. Ollos coma neon quente, o nariz ancho e húmido, e, por entre os dentes, grandes e afiados, escapa latexando un bafo quente, animal, de ansiedade.

Xa non é a fera que axexa agachada agardando o paseante solitario na noite. Agora corre fóra da vista dos noctámbulos que miran estrañados unha sombra que xeme e salouca nun curruncho da rúa. Agardará a que volva para vela baixar do coche, arrecender o ronsel de perfume e tabaco e vela abrir o portal do edificio. Ela entón mirará para el cun sorriso de desprezo, ese sorriso que cravará no seu corpo monstruoso, e logo entrará, pechando o portal, como todas as noites de lúa chea.

El ficará un anaco mirando para o portal por onde entrou, arrimado a ese GS verde, como un boneco zoupón e logo marchará encrequenado, polas sombras, con ese andar silencioso de animal, como todas as noites de lúa chea.

(Banda sonora: “Tú eres la noche”, Orquestra Mondragón).

De Toro, Suso, Polaroid, Xerais, Vigo, 2004

Actividades propostas

S7.            Texto A luz da lúa chea. Nos seguintes parágrafos do texto de Suso de Toro metéronse varias “frases piratas” que non corresponden ao texto. Localíceas e sublíñeas (sen consultar co texto orixinal ata despois de rematado o exercicio).

 

Esa noite, Aghata saíu do portal do edificio daquel barrio marxinal envolta no perfume e no clac, clac, dos seus tacóns altos pola beirarrúa, arrimouse ao escaparate da florería. Lizgaira, elegante, eses dedos de uñas granate que colocan, afiados, a curta melena negra. Esa ollada, triste e chorosa, bordeada de lapis negro e pestanas longas que se mira de esguello no escaparate da boutique, e aí adiante estaba o señor José da froitería arrimado á porta, sempre a facer bromas. Os reflexos da lúa, chea e redonda, na cazadora toureira de raso negro, nas curvas do cu no pantalón de napa negra. Semellaba que ía chover. Sente na gorxa o agarimo do lene pano de seda negra, regalo da súa avoa, que aperta o seu pescozo longo, desexable, e contrasta coa blusa vermella. Mirou para o espello, moito lle gustaba verse reflectida no espello do ascensor.

 

A man dereita leva o cigarro aos beizos vermellos coma o sangue, que fan arder o tabaco, aí estaba co seu chupetiño, tan tranquiliña, mentres que coa esquerda saca as chaves do coche deportivo. Entra e arranca lanzada na procura de miradas de desexo, un mal momento teno calquera, insinuacións, sorrisos, que remontará con elegancia, como unha gacela a cámara lenta choutando por riba dunha árbore caída. Talmente.

S8.            Texto A luz da lúa chea. Responda ás seguintes cuestións.

Lea rapidamente o texto, localice e escriba todas as palabras nas que figure a letra “z”.

Indique cantas veces aparecen no texto as seguintes palabras:

Negra:

Portal:

Lúa:

Nariz:

Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License