2.2 Estratexias de lectura (aspectos teóricos)
Posuír unha boa capacidade de lectura é condición básica e indispensable para realizar con éxito calquera aprendizaxe. Para ser un lector ou unha lectora eficaz é necesario ler cun obxectivo, é dicir, ter un proxecto lector; comprender ben o que se le; ler rapidamente, e adecuar a velocidade de lectura ao tipo de texto que se lea e á intención coa que se faga a lectura (proxecto lector). Vexámolo máis detidamente:
Obxectivo da lectura. O primeiro de todo é saber para que se le, cal é o noso proxecto de lectura en cada caso concreto. Unha mesma persoa ao longo do día pode realizar distintas lecturas: ler un xornal ou unha revista, consultar a guía telefónica, estudar un tema de matemáticas, ler uns poemas... Está claro que a finalidade da lectura é distinta en cada caso: no xornal e na guía o que se procura é información; coa lectura do tema de matemáticas búscase formación e na lectura dos poemas estase buscando a distracción e o pracer que proporciona a literatura.
A actitude do lector ou a lectora fronte a cada tipo de texto escrito tamén é diferente. Algúns textos requiren máis concentración (lectura atenta), e outros permiten unha lectura máis superficial (lectura rápida).
Lectura rápida: é aquela que se fai sobre un texto cando o que se pretende é ter unha idea xeral do seu contido, fixándose nos datos e nos detalles máis salientables. Facemos este tipo de lectura cando consultamos un escrito buscando nel unha determinada información ou queremos ter unha idea global do contido. Tamén pode utilizarse nos repasos de conceptos xa estudados previamente.
Esta lectura é sempre silenciosa e visual, é dicir, consiste en captar directamente o sentido do texto impreso que len os ollos; non precisa da oralidade, xa que se dirixe ao propio cerebro e non vai ser “escoitada” por ningún auditorio.
Lectura atenta: é unha lectura intensiva, tendente a comprender o texto, é dicir, a captar como ese texto está organizado e cales son as ideas principais que se transmiten.
Cando utilizar un tipo de lectura ou outro?
Utilizar un tipo de lectura ou outro vai depender do tipo de texto e tamén, de xeito fundamental, do obxectivo da lectura, do proxecto lector.
Cando se estuda ou se consulta un texto buscando nel información pertinente haberá que realizar os dous tipos de lectura: a rápida, para facerse unha idea xeral do contido, e a atenta, para asimilar e recoller a información.
Se non se está seguro da utilidade dun determinado texto en función do que se estea a buscar, cómpre facer lectura rápida que permita decidir se escollemos ou rexeitamos ese texto para unha posterior lectura atenta.
Naturalmente, cando se trata de textos literarios a lectura ten como principal obxectivo o goce estético que proporciona no lector a creación artística. Nese caso faremos unha lectura atenta, máis ou menos rápida, que se pode demorar voluntariamente naquelas pasaxes que reclamen máis a nosa atención.
Imos ver algúns exemplos concretos.
– Se le un tema do libro do ámbito social para preparar un exame, realizará primeiro unha lectura rápida e, a continuación, unha lectura atenta.
– Se consulta o índice dun libro de historia para comprobar se algún dos seus capítulos contén información relacionada cun traballo que ten que preparar, realizará lectura rápida.
– Se a continuación le o capítulo dese libro que trata do tema do seu interese, realizará lectura atenta.
– Se le unha novela ou un libro de poemas, estará realizando unha lectura de pracer.
Algúns defectos de lectura que é necesario suprimir
A velocidade de lectura vese con frecuencia retardada pola persistencia de certas prácticas das que debemos ser conscientes e tratar de suprimir. As principais son as seguintes:
– A vocalización, que consiste en mover os labios mentres se le e ir pronunciando en voz baixa ou mentalmente as palabras do texto.
– Os movementos de cabeza de esquerda a dereita seguindo o desprazamento dos ollos ao longo da liña.
– Os movementos de retorno, volvendo con moita frecuencia ao comezo da liña.
– Ir seguindo co dedo ou cun lapis as liñas do texto que se estea a ler.
Teña en conta que a lectura nunca se fai letra a letra senón que, cando lemos, captamos globalmente conxuntos de letras ou de palabras, é o que se chama campo visual. Canto máis amplo e coherente sexa este campo visual, máis rápida e eficaz será a lectura.
Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License