Writer: onde as palabras cobran vida
Tal e como puideches deducir na fase anterior, escribir non é só xuntar letras nin poñer unha palabra tras outra. Tamén é dar formato e estilo, organizar ideas, ilustrar documentos e facilitar o acceso á información dun xeito claro e rápido.
Nesta etapa coñeciches diferentes tipos de procesadores de texto, entre eles LibreOffice Writer, que será o teu gran aliado para crear a documentación do voso club de recreos.
Como viches, detrás de cada documento hai moito máis traballo do que semella! Agora, chega o momento de aprender a facer maxia co Writer e adestrarte para o gran reto: dar vida á documentación do voso club. Aprenderás a converter un texto gris e sen personalidade nun documento cheo de cor, orde e enerxía, empregando a túa variña máxica dixital: o procesador de textos.
Canto máis practiques, máis dominarás a arte de facer que as túas palabras cobren vida e dean identidade propia ao voso club.
Lectura facilitada
Escribir non é só xuntar letras.
Escribir tampouco é poñer unha palabra tras outra.
Escribir é:
- Dar formato.
- Organizar ideas.
- Ilustrar documentos.
- Facilitar o acceso á información.
Coñeciches diferentes procesadores de textos, como o LibreOffice Writer.
O LibreOffice Writer vai ser o procesador que uses no reto.
Detrás de cada documento hai moito traballo.
É o momento de facer maxia co Writer.
Vas adestrar para o reto: dar vida á documentación do voso club.
A túa variña máxica vai ser o procesador de textos.
Canto máis practiques, mellor!

Crear
Organizar
Ilustrar
Paxinar e indexar