Saltar navegación

Os edificios públicos e de espectáculos

 

Glosario

Anfiteatro

Pictograma dun anfiteatro

Definición:

Edificio romano que albergaba pelexas de gladiadores. Tiña a forma de dous teatros unidos.

Exemplo:

O Coliseo é o anfiteatro máis famoso.

Teatro

Pictograma dun teatro

Definición:

Edificio de orixe grega, que albergaba concertos ou representacións dramáticas.

Exemplo:

A xente desfrutaba moito no teatro.

Os espectáculos

Para a sociedade romana os espectáculos eran unha parte moi importante da vida e da  política. Por iso dedicaron unha grande cantidade de recursos e esforzos en manter unha grande industria lúdica. Desde lugares moi afastados se traían animais exóticos a través das víaas de comunicación, estradas, portos... ata os lugares onde se celebraban os espectáculos. Por todo o Imperio espallábase unha rede de edificios en cidades grandes, e pequenas, desde Roma a Toletum na Península Ibérica.

A sociedade romana valoraba aos seus líderes ou persoas candidatas políticas pola súa xenerosidade á hora de financiar e organizar espectáculos públicos. De aí vén a expresión “pan e circo” (panem et circenses), que se refire ao costume dos emperadores romanos de repartir trigo e entradas para o circo co obxectivo de entreter o pobo e facer que esquecese os problemas sociais e políticos do momento.

Había unha grande variedade de espectáculos públicos, moitos deles de duración sorprendente. Na inauguración do Anfiteatro Flavio, o Coliseo, os xogos chegaron a durar 100 días, cun programa que comezaba polas venationes (loitas con animais) pola mañá, continuaba coas execucións de criminais ao mediodía e remataba pola tarde coas munera (combates de gladiadores) e a representación de antigas batallas, que eran o momento máis esperado da xornada.

Outra mostra de xenerosidade da clase política ou da poboación patricia era a construción de edificios para acoller estes espectáculos, de grandes dimensións e luxos, como os toldos para protexer ao público do sol, que eran un reflexo do esplendor de Roma e da súa xenerosidade, para o goce de toda a poboación. Contaban cun sistema de entradas, para que o público fora directamente ó seu lugar, que lles indicaba a porta e a bancada correspondente.

Os máis importantes son:

O anfiteatro, para espectáculos de gladiadores, batallas e axustizamentos públicos. Como o resto de edificios de espectáculos as bancadas dividíanse en niveis, chamadas caveas, para separar as clases socias romanas, sendo as persoas máis próximas á area aquelas de maior importancia, reservados para as elites políticas, sociais e relixiosas. As mulleres ocupaban os niveis superiores, máis afastadas da area.

Panorámica do interior do Coliseo
Fotografía Panorámica do interior do Coliseo

O circo, para carreiras de carros, aínda que tamén se utilizaban en ocasións especiais, como as obras de ampliación do Coliseo, que precisaban de maior aforo,  para espectáculos de gladiadores. Os carros xiraban ao redor dun elemento central denominado spina, decorado con estatuas e obeliscos, un total de sete voltas.

Maqueta de Roma onde se aprecia a disposición orixinal de Circo Máximo e Coliseo
Maqueta de Roma onde se aprecia a disposición orixinal de Circo Máximo e Coliseo

O teatro, para representacións teatrais, un espectáculo máis do gusto das clases altas. Como pode verse nesta imaxe, dun estado ideal do edifico, era moito máis que un edificio de espectáculos, era un grande complexo axardinado que incluía salas de reunións, latrinas e outros edificios anexos.

Se te fixas verás que, aínda que se parece moito ós teatros gregos, ten unha serie de diferenzas.

    • O grego disponse sobre a ladeira dun outeiro; a poboación romana levántao sobre unha fachada, con superposición de oredes coma os anfiteatros.
    • A orchestra, o espazo onde se pon o coro, é semicircular.
    • O escenario está composto por unha arquitectura permanente de columnas, arquitrabes, frisos...
Recreación do teatro de Pompeio
Recreación do teatro de Pompeio

Ademais destas mostras de xenerosidade por parte do poder político, o emperador ou emperatriz, ou grandes familias, edificábanse outras grandes obras públicas para o pobo, a cargo do erario do estado. As máis importantes son as relacionadas coa hixiene. Pensa que nunha cidade como Roma que tiña unha poboación arredor dun millón de habitantes,  sen auga corrente. Máis que unha mostra de xenerosidade, neste caso era unha necesidade para controlar as enfermidades. 

Por iso o estado realizou grandes infraestruturas para a canalización de augas, como acuedutos que traían augas desde grandes distancias, e cloacas, coma a Cloaca Máxima de Roma, que permitían a entrada e saída de augas para o consumo  e sacaban das cidades as augas residuais. 

Dentro das cidades dispuxéronse edificios de latrinas, que tamén  formaban parte dos grandes complexos de espectáculos, e termas que foron instalacións de baños, con auga quente  que incluían ximnasio e biblioteca, á disposición das persoas habitantes das cidades.

Lectura facilitada

Na sociedade romana os espectáculos públicos eran unha parte moi importante da vida e tamén da política.

Servían para entreter ao pobo e mostrar a xenerosidade e o poder dos emperadores e das persoas ricas.

Os romanos tiñan unha frase famosa: pan e circo, que significa que o goberno daba comida e diversión para que a xente estivera contenta e non protestase polos problemas da sociedade.

Os espectáculos celebrábanse en grandes edificios repartidos por todo o Imperio: o anfiteatro, onde había loitas de gladiadores, batallas simuladas e loitas con animais. O máis famoso é o Coliseo de Roma.

O circo, onde se facían carreiras de carros.

O teatro, onde se facían obras e comedias para divertir a xente.

As persoas estaban sentadas por clase sociais: as máis ricas e importantes estaban preto da area, e as mulleres e persoas pobres nos lugares máis afastados.

Roma tamén construíu obras públicas para mellorar a vida das cidades, como acuedutos, cloacas, termas e latrinas."

Feito con eXeLearning (Nova xanela)