Vía de comunicación pavimentada ou acondicionada para o tránsito de vehículos e persoas.
Exemplo:
A calzada que baixaba ao río está moi desgastada.
Cidade
Definición:
Núcleo urbano de gran tamaño e poboación, que adoita contar con infraestruturas e servizos desenvolvidos, como centros administrativos, comerciais, educativos e culturais.
Exemplo:
A capital dun país soe ser a súa cidade máis grande.
Foro
Definición:
Praza principal nas cidades da antiga Roma, onde se realizaban actividades políticas, comerciais, relixiosas e sociais.
Exemplo:
As cidades máis importantes tiñan varios foros.
Templo
Definición:
Edificio dedicado á adoración de deuses ou divindades.
Exemplo:
O templo de Zeus era o máis fermoso.
Vila
Definición:
Residencia rural ou mansión en terras do Imperio romano, onde vivían persoas de clase alta ou persoas propietarias terrais. A vila incluía vivendas, dependencias agrícolas, e, ás veces, luxosos espazos recreativos e de ocio.
Exemplo:
As persoas ricas vivían ás aforas das cidades nas súas vilas.
A cidade romana
A Cidade de Roma no s. I d. C.
A base política e económica do Imperio romano foron as cidades. En Oriente xa existían (como as polis gregas), pero en Occidente apenas había, co cal a poboación romana tivo que fundalas (como no caso de Hispania e Gallaecia). Por tanto, as cidades romanas eran centros importantes de administración, comercio e vida social no Imperio romano.
A vida nas cidades era activa e variada, con mercados, espectáculos, e diversas actividades culturais e relixiosas. Estaban ben planificadas e construídas con elementos como:
Os foros (praza principal) era onde estaban as tendas, as institucións políticas e xudiciais e o templo principal da cidade.
Os templos eran numerosos a causa da ampla cantidade de deuses e deusas que había na mitoloxía romana.
Os teatros, anfiteatros e circos, servían de espazos para o ocio social e localizábanse en distintos puntos da cidade.
Os baños públicos era tamén moi importantes porque salvaban a inexistencia de auga e baños nas casas da xente (as persoas ricas si que tiñan). Nelas ademais de baños e masaxes tamén se facía deporte e actividades sociais.
Por último, os acuedutos levaban auga ás casas máis privilexiadas e as fontes.
Estas cidades tiñan unha estrutura organizada, con rúas rectas que se cruzaban en ángulo recto, formando un plano de cuadrícula. As partes principais eran:
O cardus, era a vía principal que avanzaba pola cidade en dirección Norte-Sur.
O decumanus era unha vía transversal que cruzaba ao Cardo en sentido Leste-Oeste.
O Foro era a praza principal froito do cruce do cardus e o decumanus.
Modelo de plano urbano romano: Caesaraugusta
A importancia das cidades romanas radica en que foron centros de poder e control do territorio. Tamén foron lugares de intercambio cultural, onde se difundían os costumes, a lingua e as leis romanas. Grazas ás cidades, a cultura romana espallouse por todo o imperio, influíndo moito nas civilizacións posteriores. A organización e infraestrutura das cidades romanas serviu de modelo para o desenvolvemento urbano en Europa durante séculos.
A casa típica da poboación romana adiñeirada na cidade era a domus, mentres que as persoas máis pobres vivían en pisos pequenos sen ningunha comodidade en edificios de varias alturas:
Domus romana
Ruínas dunha ínsula no Capitolio de Roma
Lectura facilitada
A base política e económica do Imperio Romano foron as cidades.
As cidades romanas eran o centro da administración, do comercio e da vida social.
As cidades romanas tiñan un plano en forma de cuadrícula. As rúas eran rectas e cruzábanse en ángulo recto.
O cardus: era a rúa principal que ía de norte a sur.
O decumanus: cruzaba o cardus e ía de leste a oeste.
Os lugares máis importantes eran:
O foro: era a praza principal. Nela estaban as tendas, as institucións políticas e xudiciais e o templo principal.
Os templos: había moitos, porque os romanos crían en moitos deuses e deusas.
Os teatros, anfiteatros e circos: eran lugares para o ocio e os espectáculos.
Os baños públicos: A maioría da xente non tiña baño nin auga corrente nas casas, así que ían alí a lavarse, facer deporte e socializar.
Os acuedutos: levaban auga limpa ás casas máis ricas e ás fontes públicas.
As cidades romanas foron:
Centros de poder e control do territorio.
Lugares de intercambio cultural, onde se difundían as leis, o latín e os costumes romanos.
Grazas ás cidades, a cultura romana espallouse por todo o Imperio e influíu nas civilizacións posteriores.
Audio
Tarefa: Describe a cidade de Roma!
No seguinte vídeo podes pasear polo centro da antiga Roma. Nela atoparás moita información sobre como era a cidade máis grande e importante da Antigüidade. A continuación fai unha pequena descrición no teu caderno de como era a cidade e as súas principais partes.
As calzadas romanas
Mapa coas principais Vías Romanas
O Imperio romano foi unha entidade política que se fundamentou na unión das distintas cidades que había ao redor do Mediterráneo, como acabamos de ver. Para conectar tódalas cidades con Roma e a súa propia contorna, a poboación romana deseñou un enorme plan de calzadas.
Eran fundamentais para o comercio, a administración e a defensa. As calzadas permitían o rápido desprazamento dos exércitos, o transporte de mercadorías e a comunicación entre as cidades. Grazas a elas, o Imperio romano puido manterse unido e organizado durante moito tempo. Estas vías estaban ben construídas, con materiais de calidade, e moitas aínda se conservan hoxe en día. A súa construción supuxo un grande avance tecnolóxico e influíu na creación das modernas redes de estradas.
Lectura facilitada
Para comunicar todas as cidades con Roma, os romanos construíron unha enorme rede de calzadas, é dicir, estradas ben feitas e resistentes.As calzadas eran moi importantes porque permitían:
Mover os exércitos rapidamente para defender o Imperio.
Transportar mercadorías e facer comercio entre cidades.
Facilitar o traballo da administración, é dicir, gobernar e controlar o territorio.
Mellorar a comunicación entre todas as partes do Imperio.
As calzadas romanas estaban moi ben construídas. Usaban materiais de boa calidade, como pedra e area, e tiñan varias capas para que fosen fortes e duradeiras. Moitas delas aínda se conservan hoxe en día.
O seu legado A construción das calzadas foi un gran avance tecnolóxico. As técnicas que empregaron os romanos influíron na creación das estradas modernas.
Audio
Como se construíron as calzadas romanas
A construción das vías romanas era un proceso moi coidado e complexo. Primeiro, escollían a ruta máis recta posible, intentando evitar obstáculos como montañas ou ríos. Despois, marcaban o camiño con estacas.
Para construílas, cavaban unha gabia no chan e enchíana con diferentes capas de materiais:
A primeira capa, chamada "statumen", estaba feita de pedras grandes.
A seguinte capa, "rudus", estaba composta de pedras máis pequenas mesturadas con cal.
A terceira capa, "nucleus", era unha mestura de area, cascallos e grava.
Finalmente, nas cidades ou zonas de prestixio, puñan unha capa superior de pedras planas e lisas chamada "summa crusta".
As vías romanas tiñan tamén sistemas de drenaxe para evitar que a auga as estragase e bordos para separar a estrada do terreo circundante. Moitas destas estradas eran tan ben construídas que aínda se poden ver e usar hoxe en día.
En resumo, as vías romanas foron fundamentais para a unión e o funcionamento do Imperio romano e foron construídas cunha técnica avanzada que as fixo duradeiras e eficaces. Podes saber máis vendo estes vídeos:
As técnicas construtivas das calzadas romanas
A construción das pontes romanas
Que sucedía no rural?
No Imperio romano, o rural era moi importante porque a maioría da xente vivía e traballaba no campo. Alí cultivaban alimentos como trigo, viño e aceite de oliva, que eran básicos na dieta romana. Tamén criaban animais como ovellas e vacas. O rural aseguraba o abastecemento de comida para as cidades e exércitos, facendo posible o crecemento do imperio.
Temos dous tipos de poboamento no rural romano:
As vilas romanas, que eran grandes propiedades rurais, non só producían alimentos, senón que tamén eran centros de traballo e vida comunitaria. Moitos produtos do campo eran vendidos nas cidades ou exportados a outras partes do imperio, contribuíndo á economía.
Villae romana de Borg - Alemaña
Por outra parte estaban as aldeas, lugares con vivendas moi sinxelas onde a poboación era escasa e dedicábanse fundamentalmente á agricultura e a gandería. Na Gallaecia por exemplo, moitas destas aldeas seguiron tendo forma de "castro", pero agora situados nas planicies e nos fondos dos vales, onde estaban as mellores terras.
Aldea rural tipo Castro de Viladonga, en época romana s. IV-V d. C.
Lectura facilitada
O rural no Imperio Romano No Imperio Romano, a maior parte da xente vivía e traballaba no campo. Alí cultivaban trigo, viño e aceite de oliva e criaban animais como ovellas e vacas.
O rural era esencial porque daba alimento ás cidades e aos exércitos, permitindo que o Imperio crecese.
Tipos de poboamento Había dous tipos principais:
Vilas romanas: grandes propiedades onde se producían alimentos e se organizaba o traballo. Moitos produtos vendíanse nas cidades ou exportábanse. Aldeas: lugares pequenos con casas sinxelas, onde a xente facía agricultura e gandería. En Gallaecia, moitas tiñan forma de castro, situadas en vales con boas terras.
O rural foi unha parte fundamental da vida e da economía romana.