Planificando a viaxe dos nosos rapaces e rapazas
Como xa nos indicou a arqueóloga Elba, debes investigar, analizar e relacionar diferentes aspectos do legado do Imperio romano que aínda perduran na sociedade española e galega, e presentar dita investigación baseada na súa análise crítica, de maneira clara e coherente. Deixámosche algunhas pistas de obras ou tradicións que podes investigar:
Monumentos e obras de arte
Podes investigar dende a Torre de Hércules da Coruña, a Ponte Romana de Ourense ou Lugo ata monumentos máis lonxanos como o Teatro de Mérida ou a Ponte de Alcántara.

Calzadas e vías de comunicación
En Galicia, por exemplo, tes a Vía XIX per loca marítima ou a Vía XVIII Nova como principais redes de comunicación romana. Teñen aínda hoxe algún resto ou importancia viaria? No resto da Península, a Vía Augusta, a vía da Prata ou a vía XXV son outros exemplos.

Acuedutos e sistema de transporte de auga
O acueduto de Segovia, o de os Milagres en Mérida ou o de Les Ferreres en Tarragona son os máis importantes da península ibérica. Pero Lugo (Lucus Augusti) contaba tamén con traída de auga e tramos arqueados no seu percorrido, ou a zona do Courel ou as Médulas, enormes canles, túneles ou furados que permitían transportar a auga durante quilómetros.

Cidades e vilas
Lucus Augusti, Brigantium, Civitas Auriense ou Vicus deron lugar as principais cidades galegas. Pero outras moitas tamén teñen pasado romano e moitas outras desapareceron e nunca máis se poboaron...

Festas e tradicións
Moitas das nosas festividades derivan de cultos ou tradicións romanas ou que foran xa adaptadas polos romanos dende outros pobos. Por exemplo, as Saturnalias eran festividades que celebraban o solsticio de decembro, que supuña o renacer do sol e a proximidade do ano novo, que nós agora celebramos como o...

Leis e normas de convivencia
As leis romanas convertéronse nos países actuais no chamado "Dereito romano", que aínda está vixente en moitas das nosas leis que regulan principios básicos na nosa sociedade. Por exemplo, o concepto de "igualdade ante a lei", de "non discriminación" ou o principio de "propiedade e posesión", derivan daquelas leis primixenias.

Linguas, cultura e costumes
Como xa saberás, o galego, castelán ou catalán son linguas romances ao igual que o francés, italiano, romanés etc. Podes investigar nestes idiomas a pegada do latín, incluso e idiomas non romances como o inglés ou alemán, que teñen moitísimos vocábulos da vella lingua romana.
