Saltar navegación

3.7 O Baixo Imperio e a crise final

 

Glosario

Poboación bárbara

Pictograma dun casco bárbaro

Definición:

Termo despectivo que facía referencia aos pobos situados fóra do Imperio romano.

Exemplo:

A poboación bárbara era moi bruta.

Cristianismo

Pictograma dun milagre

Definición:

Relixión monoteísta baseada na vida e ensinanzas de Xesús Cristo aparecida en Oriente no cambio de era. 

Exemplo:

O cristianismo é unha relixión moi importante.

Imperio Bizantino

Pictograma dunha muralla

Definición:

Ou Imperio romano de Oriente foi a continuación do Imperio romano durante o final da Idade Antiga e a Idade Media, centrado en Constantinopla ou Bizancio (actual Istambul).

Exemplo:

O Imperio bizantino durou mil anos máis.

Limes

Pictograma de limes romano

Definición:

Zona de fortificacións fronteirizas romanas que protexían o Imperio romano.

Exemplo:

A poboación bárbara vivía alén do limes.

Tetrarquía

Pictograma de César Augusto

Definición:

Sistema de goberno creado polo emperador romano Diocleciano para resolver serios problemas militares e económicos, no que había 2 emperadores e 2 césares.

Exemplo:

A tetrarquía galega é froito da romanización.

O Baixo Imperio romano

A caída do Imperio Romano de Occidente foi parte dun gran cambio no mundo antigo. A sociedade urbana e comercial de Roma transformouse nunha sociedade rural e agraria. Así rematou a civilización clásica, centrada na razón e nas persoas, e comezou unha época máis relixiosa e espiritual.

Os problemas internos foron máis importantes que as invasións bárbaras: houbo unha forte crise económica, perda do comercio, impostos excesivos e un sistema baseado na escravitude que xa non funcionaba.

Algúns emperadores intentaron deter o declive: Diocleciano reorganizou o poder, Constantino apoiou o cristianismo e Teodosio dividiu o Imperio en dous. Aínda que estas reformas prolongaron a súa existencia, o Imperio de Occidente acabou desaparecendo no século V.

División do Imperio coa Tetrarquía
División do Imperio coa Tetrarquía
Limes romano en Xermania
Limes romano en Xermania

No ano 395 d.C., tras a morte de Teodosio, o Imperio Romano dividiuse en Oriente e Occidente. Cada parte tiña xa linguas, culturas e economías diferentes. O Imperio de Oriente, chamado Bizancio, conservou a cultura grega e clásica, mesturada coa influencia oriental e coa relixión cristiá, mantendo viva a herdanza do mundo antigo.

Lectura facilitada

A caída do Imperio Romano de Occidente marcou o final do mundo antigo e o comezo dunha nova época.
A sociedade urbana e comercial de Roma pasou a ser rural e agraria, e a vida fíxose máis relixiosa e espiritual.

Os principais problemas viñeron de dentro:

  1. Crise económica e perda do comercio.
  2. Impostos moi altos.
  3. Dependencia da escravitude, que xa non funcionaba.

Algúns emperadores intentaron salvar o imperio:

  • Diocleciano reorganizou o poder.
  • Constantino apoiou o cristianismo.
  • Teodosio dividiu o Imperio en dous no ano 395 d. C.

Así naceron:

  • O Imperio de Occidente, que caeu no século V.
  • O Imperio de Oriente ou Bizantino, que mantivo a cultura grega e romana, mesturada coa relixión cristiá.
    Bizancio converteuse no herdeiro

O gran legado do Baixo Imperio: o Cristianismo

Entre os séculos III e V produciuse un gran cambio na mentalidade relixiosa co triunfo do cristianismo. A crise do século III fixo desaparecer o optimismo da antiga Roma, e moitas persoas comezaron a preocuparse polo que sucedía despois da morte.

A xente vía o mundo como un lugar cheo de perigos e buscaba salvación en novas crenzas. Por iso se fixeron populares as relixións mistéricas, como as de Isis, Mitra ou Cristo, que prometían unha vida eterna a quen se convertese e formase parte da súa comunidade.

Pintura de Xesús - Catacumbas de Comodila s. IV d. C.
Pintura mural de Xesús - Catacumbas de Comodila s. IV d. C.

O século IV marcou un momento decisivo para o cristianismo. Co Edicto de Milán, no ano 313, o emperador Constantino permitiu que os cristiáns practicasen a súa relixión libremente. Máis tarde, no 380, o Edicto de Tesalónica do emperador Teodosio converteu o cristianismo na relixión oficial do Imperio. Estes cambios puxeron fin aos tempos de persecución e fixeron que o mundo antigo comezase a transformarse, dando paso ao que se chama Antigüidade Tardía, unha etapa de transición entre a civilización clásica e a época medieval.

Lectura facilitada

Entre os séculos III e V, o mundo romano cambiou moito na súa forma de pensar e crer.
A antiga confianza de Roma desapareceu pola crise do século III, e moitas persoas comezaron a buscar respostas sobre a vida despois da morte.

A xente sentía que o mundo era perigoso e buscaba salvación en novas relixións, como os cultos de Isis, Mitra ou Cristo, que prometían vida eterna a quen se convertese.

O século IV foi decisivo:

No 313, o emperador Constantino publicou o Edicto de Milán, que permitiu aos cristiáns practicar libremente a súa relixión.
No 380, o emperador Teodosio aprobou o Edicto de Tesalónica, facendo do cristianismo a relixión oficial do Imperio.
Con isto remataron as persecucións e comezou unha nova etapa chamada Antigüidade Tardía, que serviu de ponte entre o mundo clásico e a Idade Media.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)