Obra xurídica fundamental, publicada entre 529 e 534 por orde do emperador bizantino Xustiniano I, que resume toda a lexislación romana.
Exemplo:
As leis actuais están fundadas no Corpus Iuris Civilis.
Mitoloxía
Definición:
Conxunto de saberes e tradicións relixiosas dun pobo ou cultura.
Exemplo:
A mitoloxía romana derivaba da mitoloxía grega.
O complexo concepto de Romanización
Paralelamente á conquista romana desenvolveuse a romanización, é dicir, a asimilación dos modos de vida e da cultura de Roma por parte dos pobos dominados. En Hispania, a romanización foi máis intensa no litoral levantino e nos vales do Ebro e Guadalquivir que nos territorios do norte, onde perduraron algunhas costumes prerromanas, que conservaron parte da súa cultura autóctona. Os cambios máis destacables foron en numerosos aspectos: divulgación do latín, da relixión romana (asimilación do panteón romano e do culto ao emperador) e posteriormente do cristianismo cando este se transforme en relixión oficial do Imperio, imposición do sistema económico, social e xurídico romano (cidadanía romana: dereito latino con Vespasiano no 74 e Dereito romano pleno con Caracalla no 212), aceptación dos gustos e expresións artísticas-arquitectónicas romanas.
A poboación romana explotou recursos naturais. Na agricultura as terras pasaron ser propiedade do Estado romano, que se reservou unha parte e arrendou o resto (latifundios). Introduciron novas técnicas de cultivo (barbeito e regadío), o arado romano e cultivos destinados ao comercio (trigo, vide, oliveira, liño e esparto). Na pesca destaca a salgadura de peixe e elaboración dunha salsa moi apreciada polos romanos (garum). Na minaría houbo importantes minas de prata, ouro (As Médulas), cobre (Río Tinto), ferro e mercurio (Almadén). Os séculos I e II foron de prosperidade e desenvolvemento que quedarán freados a partir do século III debido a inseguridade ocasionada polos avances dos pobos bárbaros.
O desenvolvemento urbanístico e arquitectónico foi enorme: circos, teatros (Mérida), anfiteatros, termas (Lugo), murallas (Lugo), acuedutos (Segovia), pontes, faros (Brigantia), arcos de triunfo, templos... Para o desenvolvemento da actividade comercial desenvolveron unha importante rede de calzadas. Delas destacan na Península a vía Augusta (que ía paralela ao Mediterráneo e chegaba a Gadir (Cádiz) e a vía da Prata que unía Emerita Augusta (Mérida) con Asturica Augusta (Astorga).
Lectura facilitada
A romanización foi o proceso polo que os pobos conquistados por Roma adoptaron a súa cultura e costumes. En Hispania, este proceso foi máis forte nas zonas do leste e sur, e máis débil no norte, onde se conservaron tradicións antigas.
Os principais cambios foron:
Uso do latín como lingua. Expansión da relixión romana e, máis tarde, do cristianismo. Aplicación das leis romanas e da cidadanía romana. Introdución do arte e da arquitectura romanas. Os romanos explotaron os recursos naturais:
Na agricultura, usaron novas técnicas e cultivaron trigo, viño e aceite. Na pesca, destacaba a elaboración do garum, unha salsa de peixe moi apreciada. Na minaría, extraían ouro (As Médulas), prata, ferro e cobre. Tamén construíron moitas obras importantes, como:
Teatros, murallas, termas, acuedutos, pontes e templos. En Galicia, destacan as murallas e termas de Lugo e o faro de Brigantia (a Torre de Hércules). As calzadas romanas unían todo o Imperio, como a Vía da Prata, que ía de Mérida a Astorga.
Audio
O latín como idioma universal e base do dereito
O latín desenvolveuse desde o século VII a. C., influíndo nas linguas romances actuais. Foi a lingua de comunicación do Imperio e seguiu sendo utilizada na Idade Media e o Renacemento en sectores intelectuais, relixiosos e científicos.
O latín segue vivo hoxe nas linguas romances e en terminoloxía científica, así como no idioma oficial do Vaticano e a igrexa católica.
Ademais, o latín é a lingua indoeuropea da cal xorden moitas das linguas romances actuais como o italiano, o español, o portugués, o francés e moitas outras. Así, a importancia do latín reside en que xunto ao grego lla considerada unha das linguas máis importantes de Occidente.
Por outra banda, o latín e a sociedade romana, deu lugar ao desenvolvemento por toda Europa do chamado Dereito romano. Este será a base do fundamentado en normas de convivencia, dividido en costumes, leis, plebiscitos, xurisprudencia, senadoconsultos e constitucións imperiais.
Xustiniano I recompilou o Dereito romano no Corpus iuris civilis a mediados do s. VI d. C. Baseábase nun principio xeral moi básico: vivir honestamente, non danar a outra persoa, dar a cada quen o seu.
Lectura facilitada
O latín naceu no século VII a. C. e foi a lingua do Imperio romano. Co paso do tempo deu orixe ás linguas romances, como o galego, o español, o portugués, o francés e o italiano.
Hoxe en día, o latín aínda se usa na Igrexa católica e en termos científicos.
Da cultura romana tamén xurdiu o Dereito romano, un conxunto de leis que serviu de base para as leis actuais de moitos países.
O emperador Xustiniano I recolleu estas leis no Corpus iuris civilis, coas ideas principais de:
Vivir con honestidade.
Non facer dano a ninguén.
Dar a cada quen o que lle corresponde.
Audio
Relixión
A relixión romana combinou o panteón grecolatino con cultos de pobos conquistados. Os cultos oficiais eran oficiados por sacerdotes e os domésticos polos paterfamilias:
As divindades romanas tradicionais seguíronse manifestando pese ao sincretismo coas divindades dos pobos conquistados, incluídas as gregas. As máis importantes eran:
Os Lares viais (divindades protectoras das familias e a casa)
Os Deuses e Deusas Manes (deuses e deusas que vixiaban á familia e as persoas mortas da familia)
Ou os Xenios do Pobo ou do Senado de Roma (velaban polo bo destino do goberno e da cidade).
Dentro da relixión grecolatina, Roma integrou os seus deuses e as súas deusas coas divindades gregas. Os máis importantes eran:
A tríade Capitolina, formada por Xúpiter (o Zeus grego, pai de tódolos deuses e deusas), Xuño (deusa da fertilidade, equivalente a Hera grega) e Minerva (Atenea en Grecia, protectora das artes, do enxeño e da guerra).
Outros deuses importantes eran Baco (deus do viño e a festa, identificado co Dioniso heleno), Neptuno (deus dos mares, como Poseidón en oriente) ou Vulcano (deus do lume e os volcáns, Hefesto en Grecia).
A partir de Augusto, produciuse a divinización dos emperadores e das emperatrices, primeiro post-mortem e logo en vida. O culto ao emperador e a emperatriz serviu de cohesión ideolóxica e promocionou ás oligarquías urbanas.
As relixións dos pobos conquistados, especialmente os cultos orientais, integráronse ao sistema relixioso romano. Un deses cultos orientais foi o cristianismo, que naceu e expandiuse durante o Imperio, alcanzando o seu punto culminante no século IV. A oficialización do cristianismo no Imperio por Teodosio no 380 fixo que se estendese, substituíndo os cultos "pagáns". A crise do século III e a ruralización fixeron que a institución episcopal ocupase o espazo das institucións romanas urbanas.
Lectura facilitada
A relixión romana mesturou os deuses romanos e gregos cos cultos doutros pobos conquistados.
Había dous tipos de cultos:
Oficiais, dirixidos por sacerdotes. Domésticos, dirixidos polo pai da familia (paterfamilias). Os principais deuses e deusas eran:
Xúpiter, o máis poderoso, deus do ceo.
Xuno, deusa da familia e da fertilidade.
Minerva, deusa da sabedoría e das artes.
Tamén eran importantes Baco (viño), Neptuno (mares) e Vulcano (lume). Co tempo, os emperadores foron adorados como deuses, para mostrar poder e unidade no Imperio.
Máis tarde, o cristianismo comezou a estenderse e, no ano 380 d. C., o emperador Teodosio fixo que fose a relixión oficial de Roma, substituíndo os antigos cultos pagáns.
Audio
As relixións do Imperio
Como dicíamos antes, sincretismo e cristianismo son as dúas palabras que identifican á relixión de Roma.
A crise do Baixo Imperio e a relixión
A crise do Baixo Imperio mais as invasións dos pobos orientais, fixo que sobre o Imperio se extendera a inseguridade e o medo, polo que trunfaron as chamadas relixións mistéricas, que prometían a salvación trala morte e permitía a salvación das súas persoas fieis, pese ao seu sufrimento en vida.
Por iso, emerxeron relixións como o culto a Isis(divindade exípcíaca que foi quen de resucitar ao seu marido Osiris no inframundo), Mitra(deus solar persa que se reencarnaba trala morte) ou o Cristianismo(crentes no Mesías -Cristo en grego- da tradición xudeu-cristiana).
Estatua romana de Isis
Deus Mitra
Grafito de Alexámenos - Primeira representación de Cristo en Roma
O Cristianismo en Hispania
A lenda atribúe a difusión do cristianismo por Hispania ao apóstolo Santiago. Os primeiros testemuños claros datan do século III, con comunidades cristiás en cidades como Emerita e Legio (Mérida e León, respectivamente) e tivo claras influencias africanas.
Templo romano de Sta. Eulalia de Bóveda
Un exemplo de relixión oriental na Gallaecia: o culto a Mitra
A inicios do s. XXI, nunha escavación arqueolóxica preto da Catedral de Lugo, dentro das murallas de Lugo, atopouse un edificio dedicado ao culto a Mitra e un altar para facerlle sacrificios e ofrendas. Seguramente este culto chegou á Península no século I e tivo continuidade máis de cen anos despois nun lugar tan apartado como Lucus Augusti.
O espazo de culto estivo en uso ata o século IV, pero seguramente xa co culto moi en desuso e superado polo cristianismo.
Domus do Mitreo de Lucus Augusti co altar ao fondo
Un santuario peculiar dedicado ao deus Berobreo
O santuario de Berobreo está situado nunha zona en pendente arredor do cumio do monte Facho, no concello de Cangas. Datado no século IV d. C., o complexo estaba formado por un edificio central de forma ovalada e rodeado por numerosas aras votivas.
Este santuario estaba dedicado ao deus Berobreo, vinculado ao máis alá e á morte. En sinal de devoción, ofrecíanse estelas funerarias con representacións antropomorfas, e a súa figura foi asociada cos Lares, divindades protectoras do fogar, aínda que, neste caso, Berobreo era considerado un lar de carácter público. É, de feito, a divindade con máis exvotos atopados en toda a Península Ibérica, cun total de 174 aras. Trátase dun deus sincrético, identificado co primitivo deus Urano, señor do ceo.
Algúns fieis depositaban baixo estas aras ofrendas rituais —posiblemente pequenos recipientes que funcionaban como lampadiñas, lucernas de tubo, vasos con auga ou aceite, e mesmo bolboretas, seguindo costumes similares ás das capeliñas tradicionais galegas—, xa que se descubriron fragmentos de vidro e ánforas baixo varias delas, mentres que outras apareceron rotas. O conxunto das aras crea a impresión dun auténtico bosque pétreo que se estende desde o santuario.
Santuario do Monte do Facho - Donón
Estela ó deus Berobreo - Monte do Facho
Zona do santuario aínda sen escavar
A inscrición máis habitual nas aras é: "DEO LARI BEROBREO ARAM POSVI", que nalgúns casos se completa coa expresión "PRO SALVTE". Isto significa “Ao deus lar Berobreo puxen esta ara”, e ás veces engádese “pola salvación”. O nome da divindade, Lari Berobreo (tamén documentado como Brieogo), pode interpretarse como “Protector das Almas da Cidade da Cimeira”.
O santuario consagrado a Berobreo, considerado o máis destacado dos descubertos ata o momento en toda a Hispania Romana, representa tamén unha manifestación significativa da cultura castrexa. Nas proximidades do templo localízase un castro da Idade do Ferro II, construído sobre un asentamento aínda máis antigo da Idade do Bronce. Este lugar foi probablemente un dos principais centros de peregrinación da antiga Gallaecia.
O culto a esta divindade foi tan forte que sobreviviu á chegada do cristianismo, relixión que, ao non poder eliminar a súa influencia, acabou por substituír a figura de Berobreo pola do santo cristián André.
Lectura facilitada
A crise do Baixo Imperio e as invasións xeraron inseguridade e medo,
favorecendo o éxito das relixións mistéricas.
Estas relixións, como o culto a Isis, Mitra e o Cristianismo, prometían salvación tras a morte.
Unha desas relixións, o Cristianismo propagouse por Hispania,
cunha presenza documentada no século III. Acabou trunfando en todo o Imperio.
En Galicia, o culto a Mitra foi atopado preto da Catedral de Lugo, datado entre os séculos I e IV.
Ademais, convivíase coas relixións locais, como o santuario de Berobreo en Cangas,
do século IV, estaba dedicado ao deus do alén e da morte.
Audio
Para saber máis das relixións do Imperio
O Cristianismo no noroeste: o Priscilianismo
Prisciliano, nacido arredor do ano 340 e executado en Tréveris no 385, foi un relixioso considerado herexe no ámbito galaico-romano. Aínda que se descoñece con certeza o seu lugar de nacemento, adoita ser identificado como galaico pola ampla difusión da súa doutrina e pola continuidade do seu seguimento en Gallaecia. As súas ensinanzas deron orixe ao priscilianismo, unha corrente relixiosa cristiá que se estendeu especialmente en Hispania durante o século IV, tendo grande impacto na rexión galaica.
Proviña dunha familia de grandes propietarios e con formación cultural elevada, pertencente á aristocracia máis influente da Gallaecia romana —algúns autores mesmo apuntan á clase senatorial—, como tamén ocorría con varios dos seus discípulos: Felicísimo, Armenio, Latroniano, Eucroacia, Asarbo e Aurelio. Prisciliano estudou en Bordeos, onde un dos seus mestres foi Delfidio. Adoptou ideas do gnosticismo e do maniqueísmo, levaba unha vida ascética e seguía unha dieta vexetariana. Tras unha etapa dedicada á vida mundana, iniciou unha transformación espiritual cara ao ascetismo, comezando a predicar unha forma de cristianismo que rexeitaba o misterio da Trindade e daba prioridade á interpretación e estudo das Escrituras.
Símbolo do Priscilianismo
Aínda que non se conserva moita información detallada sobre a doutrina priscilianista, sábese que o seu propósito principal era reformar a Igrexa desde dentro. Esta corrente permitía a participación das mulleres na vida relixiosa con os mesmos dereitos que os homes, rexeitaba o poder centralizado dos bispos e promovía unha vida austera baseada no ascetismo, a continencia, a virxindade e o xaxún frecuente. Ademais, daba grande importancia ao estudo das Escrituras, incluíndo os textos apócrifos, algo que chocaba directamente coa autoridade dos bispos e do clero tradicional.
No ano 380, Prisciliano foi nomeado bispo de Ávila. Ese mesmo ano, o Concilio de Zaragoza condenou como heréticas algunhas das súas prácticas. En resposta, Prisciliano escribiu tratados defendendo as súas ideas e emprendeu unha viaxe a Roma co obxectivo de entrevistarse co Papa, aínda que sen éxito. En 384, foi xulgado nun concilio en Bordeos, onde el e as persoas seguidoras foron acusadas de bruxaría e maniqueísmo. Grazas á intervención de san Martiño de Tours, o proceso quedou en suspenso durante un tempo. Porén, os bispos Magno e Rufo conseguiron levalo ante un novo tribunal no concilio de Tréveris.
En 385, o emperador Magno Clemente Máximo (tamén orixinario da Gallaecia) mandouno chamar a Tréveris para responder ás acusacións. Alí, Prisciliano e algunhas das persoas seguidoras foron xulgadas e condenadas por herexía, sendo executadas por decapitación baixo acusacións de maxia e maniqueísmo.
A pesar da súa morte, o priscilianismo seguiu expandíndose por Gallaecia. O corpo de Prisciliano foi obxecto de veneración, pois as persoas seguidoras víano como un mártir. Esta doutrina continuou sendo tolerada durante o período suevo, pero comezou a sufrir persecucións tras a conversión do rei Requiario ao catolicismo no ano 449. Mesmo así, o priscilianismo mantívose vivo, cando menos, até o II Concilio Bracarense celebrado no ano 572.
Idacio de Chaves
Idacio de Chaves foi un bispo e cronista galego do século V, importante para entender a historia relixiosa de Galicia e a caída do Imperio romano. Naceu preto do ano 390 posiblemente na Limia (no ForumLimicorum -actual Xinzo de Limia, provincia de Ourense-) e converteuse en bispo de Chaves (antiga Aquae Flaviae), en Portugal. E posiblemente finou cara o 469 d. C. Procedía dunha familia cristiá da pequena nobreza galaico-romana, ligada á administración e cuxa influencia se baseaba na propiedade da terra. Esta clase aristocrática formaba parte do grupo que contribuíu ao ascenso ao poder do emperador Teodosio I.
Crismón de Quiroga
De neno viaxou a Oriente e alí coñeceu os Santos Lugares e coñeceu a persoas relixiosas tan importantes como San Xerome ou Teófilo I, bispo de Alexandría. No ano 416, fixo os seus votos relixiosos e, tan só once anos despois, no 427, foi ordenado bispo, asumindo probablemente a diocese de Aquae Flaviae, hoxe Chaves. Foi elixido, como era habitual naquela época, polo clero e os habitantes da localidade. Solicitou ao papa León I axuda para combater o priscilianismo, que aínda contaba cun importante apoio en toda a Gallaecia.
Escribiu unha crónica que relata eventos históricos e relixiosos da súa época, ofrecendo valiosa información sobre as invasións bárbaras e a vida cristiá na Península Ibérica. A súa obra axuda a comprender como o cristianismo se espallou e se consolidou nunha época de grandes cambios e dificultades.
A monxa Exeria
Exeria foi unha muller galega do século IV que realizou unha viaxe a TerraSanta e escribiu sobre a súa experiencia. A súa obra, chamada Itinerario de Exeria, é moi importante porque ofrece detalles sobre os lugares sagrados do cristianismo, como Xerusalén, Belén e o Monte Sinaí, e describe as prácticas relixiosas da época. A súa viaxe puido producirse entre os anos 381 e 384
Posible retrato de Exeria
Viaxe de Exeria (381-384)
Manuscrito da Viaxe de Exeria
Grazas a Exeria, sabemos como eran as peregrinacións e a vida cristiá nos primeiros séculos despois de Cristo. A súa viaxe e escritos mostran a devoción e curiosidade relixiosa da época, así como o papel destacado das mulleres na difusión do cristianismo.