Saltar navegación

4. Conseguiremos o reto

 

Glosario

Contorna

Pictograma de contorna

Definición:

 O lugar que nos rodea: o barrio, o pobo, a escola, a natureza... Todo o que está preto de nós e forma parte da nosa vida diaria.

Exemplo:

        Na nosa historia imaxinamos un bosque máxico na contorna da aldea onde vive o protagonista.

Ilustrar

Pictograma de ilustrar

Definición:

 Debuxar ou crear unha imaxe para acompañar unha historia, e así axudar a que se entenda mellor ou sexa máis bonita.

Exemplo: 

         Marta encargouse de ilustrar o castelo onde vivía a princesa valente da súa historia.

Reto final

Nesta nova aventura, cada grupo terá que contar unha historia chea de sentimentos e imaxinación para formar parte do noso gran libro das emocións.

As vosas historias poderán nacer dunha lenda da vosa aldea, dunha anécdota familiar ou dunha idea inventada polo grupo. O importante é que transmitan emocións: alegría, medo, tristura, sorpresa... Vós escollédeas!

Daredes vida a personaxes únicos, describiredes lugares especiais da nosa contorna e escribiredes unha pequena historia con introdución, nó e final. Logo, ilustrarédela e adaptaredes o texto en formato adaptado para que sexa fácil de ler e entender por todas as persoas.

Cando rematemos, xuntaremos todos os relatos nun gran libro que quedará na biblioteca como recordo da vosa creatividade. 

Estades listos para facer sentir emocións a quen lea as vosas historias? Pois… imos aló!

Paisaxe coa Torre de Hércules

Lectura facilitada

Imos co reto final!

Imos crear un libro moi especial.

Chamarase “O gran libro das emocións”.

Cada grupo contará unha historia con moito sentimento.

Podedes usar unha lenda da vosa aldea.

Tamén podedes inventar unha nova historia.

Escolleredes unha emoción principal.

Por exemplo: medo, alegría, tristura ou sorpresa.

Crearedes personaxes con nome e personalidade.

Describiredes un lugar da vosa contorna.

Escribiredes unha historia con principio, medio e final.

Engadiredes ilustracións feitas por vós.

Adaptaredes o texto para que sexa fácil de ler.

Ao final, xuntaremos todas as historias.

Faremos un gran libro que quedará na biblioteca.

Estades preparados/as para emocionar con palabras?

Antes de comezar

Comezar

Reflexionade en grupo antes de comezar e falade con calma e con respecto. Escoitade todas as ideas, chegando a un acordo sobre o tipo de historia que queredes facer.

Tedes dúas opcións:

🔹 Opción A: Inventar unha nova lenda, creada por vós.

🔹 Opción B: Contar unha lenda que xa coñezades (da vosa familia, aldea ou libros).

Pensade en:

  •  Como organizaredes as vosas ideas? Unha ficha para cada personaxe, escenario e historia? 
  •  Que emoción queredes transmitir na vosa historia?
  •  Preferides escribir a man ou a ordenador?
  •  Engadiredes debuxos ou ilustracións?

Falade entre vós e organizade ben o voso proxecto antes de empezar a traballar.

Despois... comezaremos a crear!

Lectura facilitada

Antes de comezar, falade no grupo.

Falade con calma.

Escoitade todas as ideas.

Respectade as opinións dos demais.

Chegade a un acordo.


Tedes dúas opcións:

🔹 Opción A: Inventar unha nova lenda.

🔹 Opción B: Contar unha lenda que xa coñezades.

Pode ser da vosa familia, aldea ou dun libro.


Agora pensade en máis cousas:

1. Que emoción queredes transmitir?

2.  Preferides escribir a man ou a ordenador?

3.  Faredes unha ficha para cada parte?

Unha ficha para os personaxes?

Unha ficha para o lugar da historia?

Unha ficha para a historia?

4. Engadiredes debuxos ou ilustracións?


Falade no grupo e organizade o proxecto.

Despois... comezaremos a crear!

Ideas a ter en conta

Lembrade que a vosa historia debe

Queremos
  • Transmitir unha emoción clara, como a alegría, o medo, a tristura ou a sorpresa.
  • Recrear un lugar da vosa contorna, destacando a súa beleza ou importancia.
  • Axudar a reflexionar sobre os sentimentos e como os podemos expresar.
  • Formar parte dun libro que gardaremos na biblioteca como mostra do noso patrimonio emocional e cultural.
  • Mostrar o valor do traballo en equipo, o respecto polas ideas dos demais e a creatividade.
     

Que non queremos nas nosas historias

Non permitir
  • Non queremos relatos que non transmitan ningunha emoción.
  • Non queremos esquecer as nosas raíces nin as historias que forman parte da nosa contorna.
  • Non queremos faltas de respecto, nin historias que fagan sentir mal a outras persoas.

    Lectura facilitada

    Lembrade que a vosa historia debe:

    • Transmitir unha emoción clara.
    • Recrear un lugar da vosa contorna. Axudar a entender os sentimentos.
    • Formar parte dun libro para a biblioteca.
    • Amosar traballo en equipo e respecto.

    Que non queremos nas nosas historias:

    • Historias sen emocións.
    • Esquecer as nosas tradicións.
    • Faltar ao respecto aos demais.

    Así se vai avaliar o reto

    Rúbrica de autoavaliación
     Nivel 1 (Excelente)Nivel 2 (Bo)Nivel 3 (Aceptable)Nivel 4 (Insuficiente)
    Descrición das personaxesBen desenvoltas, con descrición física e de personalidade completas e detalladas. Axudan a transmitir a emoción. (2)Inclúen aspectos básicos de descrición física e personalidade. Axudan a entender a historia. (1.75)Inclúen descrición básica pero faltan detalles. (1.50)Escasas ou incompletas, sen descrición relevante. (1.25)
    Descrición do lugar Completa, rica en detalles, recrea un espazo real ou imaxinado da contorna. (2)Inclúe os elementos principais cunha descrición aceptable. (1.75)Inclúe os aspectos básicos pero sen profundidade. (1.50)Incompleta ou pouco clara. (1.25)
    Emoción principal Está claramente presente na historia e transmítese a través da narración e os diálogos. (2)A emoción aparece de forma clara pero menos integrada na historia. (1.75)A emoción está presente pero pouco definida. (1.50)A emoción non se entende ou está ausente. (1.25)
    Adaptación do texto Texto ben estruturado: frases curtas, parágrafos claros, sinxeleza léxica. Moi comprensible. (2)Texto comprensible, con pequenas melloras pendentes na estrutura ou linguaxe. (1.75)Presenta erros que dificultan algo a comprensión. (1.50)Texto difícil de ler, sen adaptar para boa comprensión. (1.25)
    Presentación e organización Historia atractiva, ben presentada, con ilustracións ou elementos visuais coidados. (2)Presentación clara, aínda que con poucos elementos visuais ou mellorable estética. (1,75)Presentación aceptable, pero con erros de organización ou pouca coidada. (1.50)Desorganizada ou pouco coidada visualmente. (1.25)
    Ortografía e correcciónSen erros ortográficos ou gramaticais. Lexibilidade excelente. (2)Algún erro menor, pero o texto é claro. (1.75)Varios erros que dificultan un pouco a lectura. (1.50)Moitos erros que dificultan a comprensión. (1.25)

    Elaboración propia - Proxecto cREAgal. Rúbrica de autoavaliación (CC BY-NC-SA)

    • Actividade
    • Nome
    • Data
    • Puntuación
    • Notas
    • Reiniciar
    • Imprimir
    • Aplicar
    • Nova xanela

    Feito con eXeLearning (Nova xanela)