Debuxo ou representación visual que se engade a un texto para axudar a comprendelo mellor ou facelo máis atractivo.
Exemplo:
Fixen unha ilustración cun sol sorrinte para acompañar a nosa historia sobre a alegría.
Narrativa
Definición:
Forma de contar unha historia, estruturada normalmente en introdución, nó e desenlace.
Exemplo:
A súa narrativa era tan envolvente que escoitabamos abraiadas.
Tradición oral
Definición:
Conxunto de coñecementos, contos, lendas e costumes transmitidos de xeración en xeración a través da palabra falada.
Exemplo:
A miña avoa contoume unha lenda sobre un moucho que voaba nos días de treboada. É parte da tradición oral da aldea.
O reto
Cando a creatividade se une ás emocións, nacen historias que nos fan rir, chorar, lembrar e soñar. Este reto é unha oportunidade para aprender a recoñecer o que sentimos, compartilo co mundo e gardalo nun libro moi especial que quedará na biblioteca do cole. Así contribuiremos á educación de calidade e fomentaremos a nosa contorna, como propoñen os ODS 4 e 11.
O noso reto será crear “O gran libro das emocións”, unha recompilación de historias que transmitan sentimentos e experiencias. Podes escoller entre dúas opcións:
Recoller unha historia ou lenda da contorna, contada por un familiar ou atopada por escrito, e analizala.
Inventar unha historia nova que represente unha emoción concreta.
Para acadar este reto, traballaremos paso a paso nos seguintes desafíos:
Primeiro reto:
Investiga, escoita ou imaxina
Busca e trae unha historia da túa contorna ou inventa unha nova co teu grupo.
A historia debe transmitir claramente unha emoción. Esa será a que representaredes no libro.
Segundo reto:
Escribe e dá forma
Escribe a historia coidando a estrutura narrativa (introdución, nó, desenlace). Vas poder inventala ou transcribir unha que coñezas.
Usa correctamente os determinantes, a concordancia e a ortografía traballada (como o uso de cc/ct e h).
Expresa ben a emoción escollida.
Terceiro reto:
Crear a páxina para o libro
Elabora unha páxina con título, historia e unha ilustración ou imaxe que acompañe.
Etiqueta a historia coa emoción que representa. Farémolo cun código de cores.
Organizaremos todas as historias por emocións no libro final.
Cuarto reto:
Facelo accesible para todas e todos
Adapta a historia para todas as persoas: podes engadir pictogramas, sinónimos ou explicacións.
De maneira opcional, podes gravar a historia en audio e xerar un código QR para que outras persoas poidan escoitala. Que che parece?
Así conseguiremos que o noso libro sexa para todas as persoas, sen importar como lles guste máis ler ou comprender.
Reto final
Compartimos emocións
Cada grupo presentará a súa historia á clase, contando como naceu e como a emoción se expresa no relato.
O gran libro das emocións quedará como un tesouro compartido na nosa biblioteca.
Preparados/as para comezar? Este será un traballo colaborativo onde a vosa creatividade e sensibilidade serán a clave. As vosas historias poden facer sentir, entender… e mesmo transformar.
Lectura facilitada
Imos facer un libro moi especial para a biblioteca do colexio.
Ese libro terá historias sobre como nos sentimos.
Chamámoslle “O gran libro das emocións”.
Este traballo axuda ao recoñecemento
e expresión das emocións.
Traballamos en equipo un reto que forma parte dos ODS 4 e 11.
Podemos facer este libro de dúas formas:
Buscar unha historia ou lenda real da nosa familia, do pobo ou da escola.
Inventar unha historia nova sobre unha emoción como a alegría, o medo ou a tristura.
Imos conseguir este reto facendo catro pasos, un por un:
Primeiro reto: buscade unha historia da vosa zona
ou inventade unha nova que teña unha emoción clara.
Segundo reto: escribide a historia (inventada ou real)
con introdución, nó e desenlace.
Usade ben as palabras e expresade a emoción.
Terceiro reto: Facede unha páxina para o libro con título, historia e debuxo.
Poñede a emoción da historia cunha cor.
Xuntaremos todas as historias por emocións nun libro.
Cuarto reto: adaptade a historia para que a entendan
todas as persoas, con debuxos ou explicacións.
Tamén podedes gravala en audio e facer un código QR para escoitala.
Reto final: cada grupo contará a súa historia á clase
e a emoción aparece nela.
O libro das emocións será para todos!
Estades preparados e preparadas?
Este traballo farémolo en equipo e cada un de vós é moi importante.
As vosas historias poden facer sorrir, pensar… e sentir.
Audio
Elaboración propia (proxecto cREAgal) con apoio de IA voz sintética xerada co modelo Celtia. O reto (CC BY-NC-SA)
Que conseguirás ao finalizar o reto?
Recoñecer e expresar emocións a través da creación de historias que conectan co que sentimos.
Coñecer e aplicar os elementos necesarios para escribir unha narrativa clara, ben estruturada e con sentido emocional.
Valorar a importancia da tradición oral, da escoita activa e da transmisión de historias dentro da nosa contorna familiar e cultural.
Mellorar a túa expresión escrita en galego, usando correctamente os determinantes, a concordancia e a ortografía traballada.
Desenvolver habilidades creativas para crear personaxes, escenarios e ilustracións que acompañen e dean forza ao relato.
Aprender a traballar en equipo, compartindo ideas, tomando decisións xuntos e respectando as achegas dos compañeiros/as.
Facer accesibles os vosos textos a todas as persoas, empregando recursos como pictogramas, audio ou sinónimos.
Compartir a vosa historia co grupo e formar parte dun libro colectivo que quedará na biblioteca do colexio.
Reflexionar sobre o proceso de aprendizaxe a través do diario de aprendizaxe e das presentacións finais.
Lectura facilitada
Saberás recoñecer como te sentes.
Aprenderás a contar emocións cunha historia.
Escoitarás historias doutras persoas.
Mellorarás o teu galego.
Crearás personaxes e debuxos.
Traballarás ben en grupo.
Farás que todos poidan entender o teu texto.
Contarás a túa historia na clase.
O teu conto quedará no libro da biblioteca.
Pensarás no que aprendiches durante o reto.
Audio
Elaboración propia (proxecto cREAgal) con apoio de IA voz sintética xerada co modelo Celtia. Obxectivos finais(CC BY-NC-SA)
Diario de aprendizaxe
Acode ao diario de aprendizaxe e plasma aí as primeiras reflexións sobre o aprendido. Cubre coa túa información.
Lectura facilitada
Escribe no apartado da Fase 1 do teu diario de aprendizaxe.
Valora o teu traballo no diario de aprendizaxe.
Audio
Elaboración propia (proxecto cREAgal) con apoio de IA voz sintética xerada co modelo Celtia. DA fase 1(CC BY-NC-SA)