Introdución
As nosas emocións están entrelazadas co que recordamos e antes de meternos de cheo no proceso creativo queremos que activedes os vosos coñecementos sobre distintos aspectos que xa traballastes nos cursos pasados. Esta tarefa ten unha finalidade moi clara: que consigades superar os distintos retos propostos cunha gran satisfacción persoal e grupal.
Nesta primeira fase, faredes unha actividade en grupo, para saber de onde partides nos temas que traballaredes a continuación, incluíndo información extra que cremos que vos resultará interesante para partir do coñecido e do que tedes máis preto.
Despois, repasarás contidos do curso pasado con actividades variadas. Así, recordarás que nas historias se agochan moitas emocións a través da comunicación, as partes dun texto literario, os tipos de textos e as súas intencións.
Finalmente, é imprescindible que recordedes a importancia de escoitar, ler e entender textos literarios de autores e autoras, especialmente da literatura galega.
Lectura facilitada
As nosas emocións están entrelazadas co que recordamos.
Ides activar os coñecementos previos
sobre aspectos traballados nos cursos pasados.
Tedes que conseguir superar os retos propostos.
Nesta fase, faredes unha actividade en grupo.
Despois repasarás contidos do curso pasado.
Aprenderás a:
- Recoñecer as emocións ocultas nas historias.
- Identificar as partes dun texto literario.
- Distinguir os tipos de textos e as súas intencións
Finalmente lembra a importancia de
coñecer textos literarios galegos.