Relato curto sobre un feito curioso ou interesante que poucas persoas coñecen.
Exemplo:
A miña nai contou unha anécdota divertida do seu primeiro día de traballo.
Historia
Definición:
Relato que describe feitos reais ou inventados.
Exemplo:
Gustoume moito a historia que inventaches sobre a cidade desaparecida.
Narración
Definición:
Forma de contar por escrito ou de forma oral unha serie de feitos.
Exemplo:
A narración da excursión fixo que todos nos imaxinásemos alí mesmo.
A maxia da comunicación
A comunicación humana é un proceso complexo e fundamental xa que permite as persoas intercambiar ideas, emocións, información, historias, experiencias etc. Este proceso inclúe tanto o uso da linguaxe verbal como tamén unha gran variedade de formas non verbais (xestos, expresións faciais, posturas e o ton de voz)
A comunicación é un proceso dinámico que xoga un papel moi importante nas nosas vidas. Entender os seus elementos e tipos, así como os desafíos que presenta, pode axudarnos a mellorar as nosas habilidades comunicativas e fortalecer as nosas relacións.
Os textos son un tipo de comunicación e podemos destacar dous tipos: orais e escritos.
Os textos orais
Son os que se comunican a través da palabra falada. Transmítense nun momento específico e non quedan rexistrados de forma permanente a menos que se graven.
Cando te comunicas con outras persoas e expós un tema en tempo real, estarás empregando textos expositivos orais. Normalmente os orais están pensados para usarse nunha situación real ante unha persoa ou unha audiencia.
Os textos orais son unha forma vital de comunicación xa que permiten as interaccións humanas de xeito directo e persoal .
Os textos escritos
Son unha forma de comunicación que se expresa a través de palabras escritas; pode ser en papel ou en formato dixital. As mensaxes que se escriben son permanentes, o que fai que se conserven e se poidan consultar en calquera momento.
Existen diversos tipos de textos expositivos semellantes aos orais pero máis elaborados e estruturados. Algún dos exemplos máis coñecidos destes textos escritos son: un artigo dun xornal, unha carta, unha novela, un folleto, un resumo, un texto escolar ou un artigo de revista.
Lectura facilitada
A comunicación axúdanos a
intercambiar ideas, emocións,
información e experiencias.
Facémolo de moitas formas,
tanto falando (linguaxe verbal)
coma sen falar (linguaxe non verbal).
Coñecer os elementos, tipos
e desafíos da comunicación
axúdanos a mellorar as nosas habilidades
e fortalecer as nosas relacións.
Os textos son un xeito de comunicarnos
e poden ser de dous tipos:
Textos orais: son nos que falamos.
Non quedan gardados a menos que os gravemos.
Úsanse para relacionarse con outras persoas.
Textos escritos: son nos que escribimos.
As mensaxes escritas son permanentes.
Audio
Elaboración propia (Proxecto cREAgal) con apoio de IA, voz sintética xerada co modelo Celtia. A maxia da comunicación.(CC BY-NC-SA)
Permitídeme sentir e sentide comigo
As historias son unha parte fundamental da nosa cultura e axúdannos a transmitir valores, tradicións e experiencias de xeración en xeración. O patrimonio oral é unha boa forma de conectar coas nosas raíces e conectar co mundo que nos rodea.
As historias e a educación emocional están moi relacionadas.
A educación emocional é fundamental para o desenvolvemento persoal e social das persoas. Cando escoitamos e contamos historias, exploramos as nosas emocións e as dos demais, o que nos axuda a desenvolver habilidades como a empatía, a autorregulación ou a comunicación.
As historias poden ser unha ferramenta moi poderosa para aprender a recoñecer e xestionar as propias emocións, así como entender as experiencias dos demais.
No seguinte audioconto, Mía e Teté, fan un repaso polas emocións máis comúns que podemos sentir.
Botádelle un ollo e sacade as vosas propias conclusións, pode que vos axude para continuar.
Lectura facilitada
As historias son moi importantes na nosa cultura.
Axudan a transmitir valores e
experiencias de pais a fillos.
As historias e as emocións van ligadas.
É bo aprender sobre as emocións
para medrar como persoas.
Cando escoitamos ou contamos historias,
pensamos nas nosas emocións
e nas dos demais. Así, aprendemos a:
Poñernos no lugar dos outros (empatía).
Controlar as nosas emocións.
Comunicarnos mellor.
No audioconto de Mía e Teté,
podes ver as emocións
máis comúns que sentimos.
Audio
Elaboración propia (Proxecto cREAgal) con apoio de IA, voz sintética xerada co modelo Celtia.. Permitídeme sentir e sentide conmigo.(CC BY-NC-SA)
Que emoción se agocha?
Asocia un pictograma as distintas emocións que están agochadas:
Toca activar os coñecementos previos. O obxectivo é conectar as vosas experiencias co reto que tedes que desenvolver (crear "O gran libro das emocións" para a biblioteca), así que, imos desenvolver a actividade do seguinte xeito:
Reflexión individual (5 minutos): pensa unha historia que lembres con claridade e que che provocase unha emoción forte (alegría, medo, sorpresa, tristeza etc). Pode ser un conto, unha anécdota familiar, unha noticia que leras ou viras nas redes sociais ou unha historia que che contaran.
Historias-emocións compartidas en grupo (10 minutos): colocádevos en pequenos grupos, catro como moito, e nunha conversa, contade as vosas historias, identificando a emoción principal que se transmite en cada unha.
Posta en común (10 minutos): cada grupo escollede un ou unha portavoz que se encargará de dicir cal é a historia máis significativa para o grupo e entre todos, presentádea á clase, explicando a emoción que ten asociada.
Debate final (5 minutos): será o momento de reflexionar por que algunhas historias nos impactan máis ca outras e cales son os elementos que fan que unha historia transmita emocións.
Polo xeral, con esta técnica grupal van saír un montón de historias, emocións diversas, visións dun mesmo tema e seguramente sexan diferentes.
Para que esta técnica resulte un éxito é importante que teñades en conta varias normas:
Normas a ter en conta:
Escoitade activamente e non critiquedes o que din os vosos compañeiros e compañeiras. Queremos crear contido de calidade e todo o que achegamos é importante.
Non existen as anécdotas disparatadas ou pouco habituais; son interesantes, sempre transmiten unha emoción para quen a conta.
Hai que achegar aquilo que se vos ocorra e que vivides e lembrades moi intensamente porque seguro que aí identificades facilmente a emoción que vai asociada.
Co que vós comentades, ás veces xorden lembranzas; historias que inspiran aos compañeiros e compañeiras que logo teñen que expoñer.
Lectura facilitada
Para crear "O gran libro das emocións",
imos facer o seguinte:
1. Reflexión individual: pensa nunha historia (5 minutos).
Lembra unha historia que
che fixera sentir unha emoción forte
(alegría, medo, tristeza...)
2. Historias-emocións compartidas en grupo:
durante 10 minutos contade as vosas historias
e identificade a emoción máis importante
de cada unha.
3. Posta en común:
elixide a unha persoa para contar
unha historia e a emoción principal
que transmite.
4. Debate final:
durante 5 minutos, falade sobre as historias.
Pensade por que unhas
nos gustan máis ca outras e
que fai que unha historia teña emocións.
Normas importantes:
1. Escoita e non critiques.
O que din os demais é importante.
2. Todas as historias valen.
Non hai historias raras;
todas teñen unha emoción.
3. Conta o que sintas de verdade.
As historias que te impactan
teñen emocións claras.
4. As túas historias inspiran.
O que contas pode axudar aos demais.
Audio
Elaboración propia (Proxecto cREAgal) con apoio de IA, voz sintética xerada co modelo Celtia. Técnica da tormenta de ideas.(CC BY-NC-SA)