Agora que xa dominas as palabras e a arte de escribilas ben, prepárate para o seguinte ingrediente máxico das boas historias: a inspiración! Para axudarche a viaxar polo fascinante mundo das lendas e personaxes de Galicia, aquí tes algúns libros que che abrirán as portas a un universo de emocións e aventuras. Que mellor xeito de comezar a crear o teu propio libro?
Para comezar a túa viaxe de inspiración polas terras de Galicia, queremos presentarche dúas xoias literarias: "Trece avisos. Contos para ler pola noite" de Paula Carballeira e "Instrucións para ler este libro" de Miguel Anxo Alonso Diz. Podes buscalos na biblioteca do teu colexio ou achegarte a biblioteca do teu concello, para pedilos prestados.
En "Trece avisos. Contos para ler pola noite" atoparás historias que te envolverán na maxia da noite e che presentarán personaxes e situacións cheos de misterio e emocións intensas. De seguro, as súas historias daranche moitas ideas para as túas propias lendas!
Por outra banda, "Instrucións para ler este libro" ofrece unha perspectiva única sobre as lendas galegas. Máis que presentar personaxes abondo coñecidos, Miguel Anxo Alonso Diz, guiarate para que vexas estas historias con novos ollos, explorando as emocións que esconden e descubrindo formas orixinais de narrar as túas propias.
Estes dous libros son un excelente punto de partida para encher de emocións e creatividade o voso libro!
Lectura facilitada
Para avanzar no reto suxerímosvos
a lectura de dous libros fantásticos
que seguro vos inspirarán para
elaborar as vosas propias historias.
Son: "Trece avisos. Contos para ler pola noite" de Paula Carballeira
e "Instrucións para ler este libro" de Miguel Anxo Alonso Diz,
podedes buscalos na biblioteca.
Audio
Elaboración propia (proxecto cREAgal) con apoio de IA voz sintética xerada co modelo Celtia. Aprendemos lendo(CC BY-NC-SA)
Unha pequena lectura
A continuación presentámosche un breve relato do libro de Paula Carballeira. "Trece avisos. Contos para ler pola noite". Le con atención porque a continuación terás que resolver unha serie de actividades relacionadas coa lectura.
Na vila, todos sabían que unha veciña tiña que ir ao hospital de vez en cando. Era unha señora moi maior, tanto que algúns pensaban que levaba vivindo alí dende sempre, quizais confundíndoa coa súa nai ou a súa avoa. As tres eran moi reservadas, case non saían da casa e só daban un paseo rápido ao caer a tarde.
Ninguén sabía exactamente cando morreran a avoa e a nai da veciña, nin cando quedara soa. A veciña non falaba con ninguén e a xente que se achegaba sentía algo raro e un cheiro a flores pasadas, así que preferían non achegarse. Tampouco compraba na vila e, en lugar de facerse vella, parecía máis nova co tempo.
Un día, chegou unha mestra nova e alegre que mercou a casa da beira. Algúns pensaron en advertirla sobre a veciña, que tiña unha mirada dura e coma se lese os pensamentos, pero crían que a alegría da mestra era tan forte que nada a podería apagar.
Un día, a mestra tivo un accidente co coche preto da casa da veciña e resultou ferida. Empezaron a correr rumores de que a veciña lle fixera algo malo por aparcar na súa porta. Pero entón, a veciña tamén enfermou e as murmuracións pararon. A vella tivo que volver ao hospital, soa, mentres a mestra estaba rodeada da súa familia.
Un mes despois, a veciña volveu á vila moito máis nova, case irrecoñecible. Seguía sen saír de día, pero pola noite camiñaba lixeira e áxil, como unha nena. A mestra, pola contra, seguía no hospital en coma, o seu corpo envellecera moito e parecía moi cansa, coma se toda a súa enerxía desaparecera.
Na vila cóntanse lendas sobre unhas "meigas chuchonas" que rouban o tempo para ser inmortais. Din que ás veces van aos hospitais e se poñen ao lado de persoas máis novas para pouco a pouco quitarlles a xuventude. Mentres a meiga se volve máis nova e forte, a persoa á que lle rouba o tempo envellece rapidamente e cae nun sono profundo do que non esperta.
A veciña (adap)
Paula Carballeira. (2022). Trece avisos: Contos para ler pola noite. Edicións Xerais.
Lectura facilitada
Este texto é un pequeno relato
do libro de Paula Carballeira,
titulado: Trece avisos. Contos para ler pola noite.
Nunha vila, vivía unha señora maior
que ás veces tiña que ir ao hospital.
Era moi vella e case non saía da casa,
só paseaba un pouco ás tardes.
Un día, chegou unha mestra nova e alegre.
Comprou a casa do lado.
A mestra tivo un accidente de coche
e levárona ao hospital.
Despois, a veciña tamén enfermou
e tamén foi ao hospital.
Un mes despois, a veciña volveu á vila.
Estaba moito máis nova, camiñaba lixeira,
coma unha nena.
A mestra seguía no hospital.
Estaba en coma e o seu corpo envellecera moito.
Na vila contan historias de "meigas chuchonas".
Din que rouban o tempo
ás persoas máis novas.
Van aos hospitais e póñense ao lado de persoas novas.
E vanlle roubando a súa xuventude.
Mentres a meiga se volve nova e forte,
a outra persoa envellece e cae nun sono
do que non desperta.
Audio
Elaboración propia (proxecto cREAgal) con apoio de IA voz sintética xerada co modelo Celtia. A veciña(CC BY-NC-SA)
Comprensión da lectura
Responde no teu caderno, ás seguintes cuestións sobre a lectura:
Que cousa estraña ocorre coa veciña despois de volver do hospital?
Cres que a veciña é unha "meiga chuchona"? Por que si ou por que non?
Que pensas da actitude da xente da vila coa veciña? Actuaron con medo, con prexuízos ou foron respectuosos? Explica a túa resposta. Realizade na aula un pequeno debate sobre a maneira de actuar da xente da vila, reflexionade sobre si é a correcta ou non.
Se vivises na vila e coñeceses á mestra, que farías ao ver o que lle pasou?
Canto che gustou a lectura?
⭐ Non me gustou ⭐⭐ Gustoume un pouco ⭐⭐⭐ Estivo ben ⭐⭐⭐⭐ Gustoume moito ⭐⭐⭐⭐⭐ Encantoume
Posibles respostas
Volve moito máis nova e camiña lixeira pola noite.
Si, porque volveu máis nova mentres a mestra envelleceu e caeu nun sono profundo, como conta a lenda das meigas.
Actuaron con medo e prexuízos porque nunca falaron con ela e deixáronse levar polas aparencias e os rumores.
Intentaría falar coa veciña e investigar máis sobre o que pasou, e contaría a historia á policía ou a un xornal.
Lista de cotexo
Completa a lista de cotexo marcando as casas correspondentes ás actividades rematadas.
Para levar a cabo o reto vaiche vir moi ben saber algo máis das personaxes das lendas galegas. Le as descricións que fai Miguel Ángel Alonso Diz, no seu libro: Instrucións para ler este libro.
Sentado nunha das vellas cadeiras está Xulián. Foi un home hai moito tempo, hoxe só é unha ánima delgada coma un fío e pálida coma a neve. Viste un hábito que lle vén grande de máis e que no seu tempo debeu de ser tan branco coma el, mais hoxe está tinguido de manchas grises e de sucidade de diversas cores. Por raro que pareza, cheira un pouco a alcol e a capucha que lle colga ten pequenos queimados que, a xulgar polo tamaño e pola forma, foron provocados por cigarros prendidos en contacto coa tea. Está claro que o pobre Xulián «viviu» tempos mellores incluso de morto.
Onda el está sentada Esther, unha bruxa que reside na zona da ría de Aldán. Seguro que estás imaxinando unha muller moi vella, de gran fealdade e con roupas luídas polo tempo e roídas polas ratas. Quizais até imaxines que ten un nariz de considerable tamaño, un sombreiro na cabeza de cor escura e forma cónica, ou unha vasoira das de antes para voar montada nela; pero nada diso é verdade. Ás bruxas, a literatura tenlles feito moito mal; espero que non decidan volverse contra os escritores e as escritoras.
Serafin, que é un trasno de bigote refinado e peculiar sentido do humor, se afana debaixo da enorme mesa de madeira en atar os cordóns dos zapatos novos da nosa bruxa. Este pequeno ser de aspecto divertido, sempre locuaz e excesivamente burlón, non pode evitar facer isto. Forma parte da súa natureza xogar, correr, sorrir e, sobre todo, facer trasnadas, que por algo é un trasno. (...)
Antón, mais coñecido entre nós como o lobishome, está de pé xunto a unha ventá. Este é o lugar dende o que busca a lúa naquel ceo de Vigo, cheo de nubes grises nas últimas semanas. (...) A súa aparencia semella tranquila, e isto é algo estraño nel, xa que o normal até agora era velo dun lado para outro, sempre tenso, sempre alerta, coma un can encerrado que agarda a mínima posibilidade de escapar. Mais todo isto cambiou cando descubriu os libros de autoaxuda e de xestión do estrés. Daquela comezou a xogar ao xadrez e a facer infinidade de pasatempos. Iso axúdalle a relaxarse e así consegue dominar esa parte salvaxe do seu ser que tanto dano ten causado no pasado.
No outro lado da mesa, cun rostro infinitamente triste e descoidado, atópase Alanis, literalmente afundida na súa cadeira. Ela é unha das outrora famosas e fermosas mouras que poboan a terra galega. Sempre custodiando un fabuloso tesouro e sempre agardando polo valente mozo que venza a maldición que a condena a transformarse en serpe unha noite tras outra. (...)
E Nubeiro. Viste, como é costume nel, unha chaqueta feita coa la de moitas ovellas, xa que é un home moi grande. Tan grande coma forte. Seguro que se o vísedes non vos habiades esquecer del. Nas súas enormes mans caben sen problema dous cabritos. Por pantalóns leva a cortiza dunha árbore e sempre vai descalzo; aínda que, coa cantidade de pelo que ten nos pés, non creo que iso lle importe moito. (...)
Moitos dubidan de que os biosbardos sexan reais, precisamente porque resultan case imposibles de atrapar na súa forma natural. (...) Abelardo, quizais o máis coñecido dos biosbardos que aínda viven nesta terra, ten a forma propia destes curiosos seres: é un diminuto vello de pelo branco, coa pel escura e chea de engurras e cuns insondables ollos grises. A tea que cobre o seu corpo é dun verde escuro case marrón; as súas orellas, rematadas en forma de media lúa, están cheas de pelos, tamén brancos, e en vez de mans semella ter gadoupas de gato. (...)
Quen fala é o Demo Maior, que aparece descubrindo a súa face tras dúas ás vermellas cando o reloxo está a dar aviso da chegada da medianoite. (...) un tipo vermello con cornos e rabo...
Fragmento de Miguel Ángel Alonso Diz. (2022). Instrucións para ler este libro. Edicións Xerais.
Lectura facilitada
Para facer o reto, é bo saber máis
sobre as personaxes das lendas de Galicia.
A continuación podes ler as descricións
que fixo Miguel Ángel Alonso Diz
no seu libro "Instrucións para ler este libro".
Xulián é unha ánima,
delgado e branco.
Leva roupa grande e vella.
Esther, é unha bruxa pero non
é vella e fea.
É unha bruxa diferente.
Serafín, é un trasno.
É un ser pequeno e divertido.
Antón, é un lobishome.
Agora vive moi tranquilo,
grazas aos libros de autoaxuda.
Alanis, é unha moura.
Unha muller fermosa que
se converte en serpe pola noite.
Nubeiro, é moi grande e forte.
Ten as mans moi grandes.
e vai descalzo.
Abelardo, é un biosbardo.
É un vello pequeno con pelo branco,
pel escura e moitas engurras.
O Demo Maior, ten ás vermellas.
É un tipo vermello con cornos e rabo.
Audio
Elaboración propia (proxecto cREAgal) con apoio de IA voz sintética xerada co modelo Celtia. Fragmento de instrucións para ler este libro (adap)(CC BY-NC-SA)
Xulián é unha @@ánima@@ que vive no recordo do que foi. Esther é unha @@bruxa@@ moderna, que non encaixa coas imaxes típicas. Serafín é un @@trasno@@ xoguetón, especialista en trasnadas. Antón é un @@lobishome@@ que intenta cambiar lendo e xogando ao xadrez. Alanis é unha @@moura@@ triste, atrapada nunha maldición. O Nubeiro é un @@ser@@ xigante, moi peludo e forte. Abelardo é un @@biosbardo@@ escorregadizo, difícil de ver. O @@Demo Maior@@ aparece cando chega a media noite, cos seus cornos e ás.
Remataches a fase 3! Parabéns! Agora acode ao diario de aprendizaxe e completa as cuestións referidas a esta fase, se estás completando o diario no ordenador, lembra gardar os cambios. Xa estás máis preto de acadar o reto!