O díptico

O díptico é unha folla pregada en dúas partes coma un libro.
Consta de portada, páxina 1, páxina 2 e contraportada.
E para que serven os dípticos?
Os dípticos poden ter moitas funcións. Así, poden ser informativos, divulgativos, propagandísticos, etc.
Utilízanse moito na publicidade, xa que é un medio de promoción que pode chegar a moita xente.
Tamén se pode empregar para informar a poboación sobre aspectos sobre a saúde, educación, turismo, deporte, cultura...
En definitiva, é un recurso moi práctico para difundir calquera información.
Neste caso ides elaborar un díptico dixital cos datos recollidos no traballo de investigación sobre a Rede elaborado na fase 1.
Lectura facilitada
O díptico é unha folla dobrada en dúas partes coma un libro.
Ten catro partes: portada, páxina 1, páxina 2 e contraportada.
E para que serven os dípticos?
Os dípticos poden ter moitas funcións.
Os dípticos poden ser de varios tipos, por exemplo, informativos.
Tamén se utilizan moito na publicidade.
Serven para informar a poboación.
Poden informar sobre turismo, deporte, cultura...
Agora vós ides facer un díptico dixital.
O díptico farase a partir do traballo de investigación sobre a Rede da fase 1.
Audio
Pasos para elaborar un díptico
Redacción, revisión e corrección
Á hora de redactar o díptico facede un primeiro borrador. Logo revisádeo (ten en conta a ortografía, a puntuación, o léxico empregado...). Despois de corrixir todo redáctadeo de novo.
Selección de ilustracións ou doutro material gráfico ou multimedia
Para elaborar o díptico podedes buscar ilustracións ou outro material que apoien o texto, que fai que o documento sexa máis atractivo e ademais serve de apoio ao texto.
Edición e maquetación
O díptico está formado por unha portada, a páxina 1, a páxina 2 e a contraportada. Debedes ter en conta iso á hora de poñer a información nel.
A portada serve para presentar o tema e pode xa dar xa algunhas pistas sobre a información que vai conter dentro o díptico. Pode levar un título, unha imaxe e un texto breve.
O importante é captar a atención da persoa lectora, xa que é a porta da entrada do documento.
Nas páxinas interiores está toda a información de forma detallada.
Na contraportada podedes poñer unha reflexión, algunha información adicional ou unha imaxe que complemente os datos das páxinas interiores.
Para editar o voso díptico dixital podedes usar algún modelo xa existente (en Word, Canva, Genially...).
Publicación e divulgación
Estes serían os últimos pasos. Neste caso, ao ser unha publicación dixital non se vai imprimir. Vaise enviar por correo electrónico e colgar no blog que se fará nesta fase.
Lectura facilitada
Redacción, revisión e corrección
- Para elaborar o díptico primeiro facemos un borrador.
- Despois revisamos que estea ben escrito.
- Despois de corrixir todo redactámolo de novo.
Selección de imaxes
- Para elaborar o díptico podedes buscar imaxes.
Edición e maquetación
- O díptico está formado por unha portada, a páxina 1, a páxina 2 e a contraportada.
- A portada presenta o tema e é importante para chamar a atención.
- A portada pode levar un título, unha imaxe e un texto breve.
- Nas páxinas interiores está toda a información detallada.
- A contraportada pode ter máis información, unha imaxe...
- Para elaborar o díptico podedes usar algún modelo (de Word, Canva, Genially...).
Publicación e divulgación
- Como é un díptico dixital, non se vai imprimir.
- Enviarédelo por correo electrónico e colgarédelo nun blog.
- Ese blog farédelo nesta fase.
Audio
Axuda para mellorar o léxico
Para mellorar o voso léxico e resolver as dúbidas ides usar tanto dicionarios en papel (que temos na biblioteca de centro) como en rede.
Por exemplo, podedes consultar:
- O Dicionario da Real Academia Galega
- O DIGALEGO - Dicionario de Galego
- Os dicionarios de Rinoceronte
Moito ánimo!